Entregados os premios do 25º Certame de Pintura Rápida Cidade de Lugo

A Praza Maior de Lugo foi escenario da entrega de premios da vixésimo quinta edición do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo, unha cita xa consolidada dentro do calendario cultural do verán lucense.
Organizado pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o evento reuniu a decenas de artistas que durante toda a xornada plasmaron diferentes paisaxes e escenas urbanas da cidade, transformando as súas rúas e prazas nun espazo aberto de creación artística.
O concelleiro Alexandre Penas foi o encargado de entregar os galardóns, tras a deliberación dun xurado composto por profesionais das artes plásticas, que destacou a calidade técnica, a orixinalidade e a interpretación persoal que os participantes ofreceron da cidade nas súas obras. Segundo afirmou o edil durante o acto, “este certame converte Lugo nun espazo de creación e participación, visibilizando o talento artístico e ofrecendo á veciñanza unha maneira diferente de mirar a cidade”.
O primeiro premio, dotado con 1.600 euros e diploma, foi para Manuel Carballeira Rivas. O segundo galardón, con 1.100 euros, recaeu en Isabell Seidel, e o terceiro, dotado con 900 euros, foi para Rafael Dueñas Carazo. Ademais, entregáronse accésits de 300 euros a Benigno Rodríguez Sánchez, Rafael Carrascal García, Diego Manuel Fernández González "Columé", Juan Carlos Triñanes Buceta e Andrés Gabarres Cagiao. O premio ao artista local, cunha dotación de 450 euros, foi para Alfredo Hernández Perdomo.
As obras presentadas puideron contemplarse na Praza Maior entre as 18:00 e as 20:00 horas, nunha exposición aberta ao público que permitiu gozar dos distintos estilos e perspectivas dos artistas participantes.
Desde a Concellería de Cultura valoraron moi positivamente a acollida da convocatoria e agradeceron tanto a participación das persoas artistas como o apoio da cidadanía, subliñando que “a cultura ao aire libre contribúe a facer de Lugo unha cidade máis viva, creativa e compartida”.