Entregados os premios do concurso infantil da Policía Nacional

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Estudantes de Nadela, Monforte de Lemos, Becerreá, Muras, Celeiro, Cervo e O Corgo foron os afortunados
entrega-premios-concurso-policia
14 Feb 2025

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu o acto de entrega dos premios do concurso infantil de debuxo convocado con motivo do Bicentenario da Policía Nacional. A Secretaría Xeral da Lingua, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, colaborou coa Comisaría Provincial lucense na organización do certame, no que participaron alumnos e alumnas de Educación Primaria de toda a provincia.

Establecíanse tres categorías: a primeira para alumnado escolarizado en 1º e 2º de Educación Primaria; a segunda, para alumnado de 3º e 4º; e a terceira, para alumnado de 5º e 6º. Os traballos presentados debían conter unhas liñas en lingua galega para describir o contido do debuxo.

No acto entregáronse os premios aos catro primeiro clasificados de cada categoría, que recibiron un lote de libros, un diploma acreditativo e un calendario no que se recompilan os debuxos galardoados. Na entrega participaron o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o comisario xefe da Policía Nacional de Lugo, Luis Miguel Romera, entre outras autoridades.

Na primeira categoría venceu Mateu Almuina Gayoso (CEIP Plurilingüe de Nadela), Ariel Echeverry Cruz (CEIP Monforte de Lemos), Alma González Gómez (CEIP San Xoán, de Becerreá) e Noela Insua Requeijo (CEIP Antía Cal Vázquez, de Muras).

Na segunda categoría o primeiro premio foi para Carmen Bustabad Fernández (CEIP de Celeiro), seguida de Martín Fernández Carrera (CEIP Plurilingüe de Nadela), Martina López Candia (CEIP Península da Paz, de Cervo) e Gonzalo Porto Ingerto (CEIP Plurilingüe O Corgo).

E na terceira categoría os afortunados foron Sonia Mora Seijo (CEIP de Celeiro), Branca Fernández Guerreiro (CEIP Quiroga Ballesteros, de Lugo), Gonzalo Gómez Rodríguez (CEIP Plurilingüe O Corgo) e Cristian Prieto Gómez (CEIP Antía Cal Vázquez, de Muras).

O delegado territorial destacou a calidade dos traballos presentados e valorou a colaboración da Xunta nesta iniciativa “que serviu para achegar aos máis novos ao labor fundamental como garante da seguridade de todos os veciños e veciñas da provincia que realiza a Policía Nacional, ao tempo que promovemos o uso da lingua galega entre os escolares”.

0.1734139919281