Entregados os premios do Escape Room sobre Castelao, no que participaron 700 escolares

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude entregou hoxe os premios do escape room sobre a figura de Castelao organizado polo Departamento Territorial de Lugo na Biblioteca Pública Provincial, no que participaron uns 725 escolares de sexto de Primaria procedentes de quince centros da cidade.
O grupo gañador foi “Os actores” do CEIP Illa Verde, seguido en segundo lugar por “Os críticos” do colexio A Milagrosa e en terceiro por “Os cruceiros” da Anexa. Tamén se concederon senllos recoñecementos individuais para a mellor caricatura e a mellor viñeta, que foron parar a alumnos do María Auxiliadora e As Mercedes, respectivamente.
O acto de entrega celebrouse na Biblioteca e contou coa participación, entre outros, do secretario xeral da Lingua, Valentín García, que subliñou o interese que xerou a iniciativa e corroborou a eficacia desta fórmula para fomentar entre os escolares o interese por Castelao e pola literatura galega en xeral.
A iniciativa “Pescudando en Castelao. O tesouro das cousas” enmárcase nas actividades de celebración do Ano Castelao e desenvolveuse na Biblioteca entre o 10 de marzo e o 21 de abril. Propoñía un xogo de pistas que cada grupo debía completar no menor tempo posible -unha hora máximo- e no que tamén se valoraron aspectos como a iniciativa e a creatividade para descubrir a mensaxe oculta nos escritos e debuxos do autor.