Entregados os primeiros hortos urbanos de Paxariños

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, entregaron os primeiros 22 hortos urbanos de Paxariños, un espazo que pasou a ser xestionado pola institución provincial a través dun acordo de colaboración co Concello valorado en 57.000 euros. Estas parcelas, que suman algo máis de 1.000 metros cadrados, están situadas xunto ao barrio lucense de Xuíz, entre Fontiñas e o paseo fluvial do Rato.
Durante o acto de entrega, as persoas beneficiarias recibiron a autorización de uso das parcelas por un período de dous anos, xunto cun kit con material para iniciar o cultivo. Ademais, a Deputación ofreceralles formación e asesoramento gratuíto para aprender e aplicar técnicas de horticultura e optimizar o uso dos terreos. Pola súa parte, os usuarios deberán mantelos en boas condicións, reservándose a institución o dereito de reclamalos en caso contrario.
Ademais, xa está aberto o prazo para solicitar unha das parcelas que quedaron dispoñibles no Parque do Rato tras rematar o período de concesión de catro anos. As solicitudes poderán presentarse ata o 28 de outubro.
As bases establecen requisitos como ser maior de idade, estar empadroado no Concello de Lugo ou nalgún dos limítrofes (Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Friol, Outeiro de Rei ou Guntín), estar ao corrente coas administracións públicas, non posuír terreos cultivables no municipio e non convivir con ningunha persoa que teña xa un horto autorizado.