Entregan 89 hortos urbanos situados no Paseo do Río Rato de Lugo

LugoXa
Este proxecto forma parte dunha estratexia maior da Deputación para poñer en valor o territorio, especialmente as Reservas da Biosfera
Entrega-hortos-Lugo
28 Mar 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández Fernández, e o deputado de Medio Ambiente, Carlos López, realizaron a entrega de 89 hortos urbanos situados no Paseo do Río Rato.

Deste total, 39 hortos foron renovados para antigos usuarios cuxa concesión estaba a piques de finalizar, e 50 hortos foron asignados a novos beneficiarios.

José Tomé mantivo un encontro cos novos usuarios e coas entidades beneficiarias desta iniciativa, coa que se segue a promover a agricultura ecolóxica, hábitos de vida saudables e o lecer medioambiental entre a veciñanza de Lugo e dos concellos próximos.

O presidente da Deputación destacou a gran demanda deste proxecto, resaltando que non só é gratuíto, senón que tamén inclúe un servizo de formación continua que permite mellorar os cultivos e fomenta a implicación das persoas no coidado do medio ambiente.

A Deputación de Lugo pon así á disposición dos beneficiarios un total de 140 parcelas de 30 metros cadrados, todas elas xa ocupadas, para o seu uso e disfrute, cunha clara vocación social e educativa, tal e como subliñou Tomé.

Este proxecto forma parte dunha estratexia maior da Deputación para poñer en valor o territorio, especialmente as Reservas da Biosfera, que son un dos maiores expoñentes naturais da provincia, promovendo o desenvolvemento sostible a través de accións que aproveiten a riqueza natural da zona.

Durante a entrega, o presidente repartiu entre os novos usuarios unha carpeta serigrafiada con información de interese, un bolígrafo, unha bolsa de tela, un lote de plantas para as súas hortas e unha pequena aciñeira en conmemoración do Día da Árbore, celebrado o pasado 21 de marzo. Ademais, todos os xoves, a Deputación organiza sesións de formación gratuíta para mellorar os cultivos e optimizar o uso das parcelas.

Os hortos foron asignados a través dun processo competitivo que tivo en conta criterios sociais, como a situación de desemprego, a representación de centros educativos ou a vinculación a colectivos sociais.

⚙ Configurar cookies
0.17796516418457