Entregan a Escoba de Platino aos traballadores da limpeza de Lugo
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, entregou a Escoba de Platino ao persoal do servizo de limpeza da cidade, nun acto que contou tamén coa presenza de Miguel Fernández, concelleiro de Transición Ecolóxica. A rexedora expresou o seu agradecemento a todo o equipo, destacando a importancia do seu labor diario: "É unha honra para min facervos entrega dun recoñecemento que nos sitúa entre as cidades máis limpas e con mellor xestión de residuos de España, xunto a referentes como Vitoria ou San Sebastián."
O galardón, outorgado pola Asociación Técnica para a Xestión de Residuos, Aseo Urbano e Medio Ambiente (ATEGRUS), recoñeceu hai menos de un mes a renovación do servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos (RSU), limpeza viaria e xestión do punto limpo impulsada polo Goberno local. A Escoba de Platino é a máxima distinción neste prestixioso certame de ámbito estatal e iberoamericano.
O xurado de expertos valorou diversos aspectos para conceder este recoñecemento ao Concello de Lugo, tales como o uso de vehículos e maquinaria medioambientalmente sostibles, a transición ao sistema de carga lateral nos colectores, a apertura dunha oficina de atención ao cidadán e a implementación do servizo de punto limpo móbil.
A alcaldesa subliñou que este premio é un testemuño do arduo traballo e dedicación do equipo de EcoLugo: "Vós sodes os verdadeiros artífices deste logro. Cada un dos labores que levades a cabo no día a día reflicten o voso compromiso coa excelencia, algo que a propia veciñanza tamén percibe: subimos no último ano 25 postos na clasificación da OCU sobre limpeza urbana".
Pola súa banda, Miguel Fernández destacou os avances na concienciación cidadá e a tendencia á alza nas cifras de reciclaxe: "Non só o traballo sobre o terreo da resultados, tamén se acadaron mellores hábitos da cidadanía grazas á concienciación: a reciclaxe na bolsa amarela non para de crecer cun 18% máis nos primeiros cinco meses de 2024 e un 15 % no papel e cartón".