Entregan preto de 2.000 sinaturas contra a privatización do SAF en Monterroso
As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Monterroso entregarán hoxe un total de 1.920 sinaturas recollidas entre a veciñanza do municipio en rexeitamento á privatización do SAF iniciado polo goberno municipal e para demandar un servizo "100% público, estable e de calidade".
Desde a CIG amosan a súa satisfacción polo apoio dos veciños e veciñas "na defensa dun servizo público de tanta necesidade" como é o Servizo de Axuda no Fogar.
Ao seu entender, a recollida de sinaturas "manifesta claramente a deslexitimación" do goberno municipal á hora da adopción de dita medida, "posto que o número de sinaturas recollidas é superior ampliamente ao número de votos dos partidos que compoñen a coalición de goberno". A formación sindical lembra que o PP acadou 695 votos e IxM acadou 798 votos, "se ben IxM non levaba no seu programa electoral nada relativo á privatización do servizo, e que a súa presenza no grupo de goberno é froito dunha división interna no grupo, e que polo tanto non conta co apoio de todos os seus votantes".
Desde a CIG fan un chamamento ao equipo de goberno para a "reconsideración desta medida" xa que, din, a privatización do SAF suporá "un encarecemento do mesmo e tamén un deterioro progresivo do servizo posto que para unha empresa privada o que prima é o beneficio e non a calidade do servizo, e xustamente o beneficio aumenta a costa de recortar na calidade".
O sindicato asegura que continuarán a desenvolver accións mobilizadoras "para esixir do goberno municipal que reconsidere esta medida e que manteña o servizo con xestión directa con caracter público", así como que adopte as medidas "que a Lei lle permite" para contratar persoal sen a titulación requerida mentres non haxa persoal suficiente coa titulación para cubrir a demanda de persoal que se precisa para o servizo.