Entregan unha nova vivenda de promoción pública no barrio da Tinería de Lugo

LugoXa
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou que a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca e da contorna inclúe recuperar catro edificios
entrega-vivenda-alugueiro-social-Lugo
25 Mar 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, entregou as chaves dunha vivenda de promoción pública situada na rúa Miño do barrio da Tinería, en Lugo, adxudicada en réxime de alugueiro que conta con 60 metros cadrados de superficie e dous dormitorios.

Arias destacou os proxectos da Xunta para continuar revitalizando este barrio incrementando o parque de vivenda pública para atraer poboación. Ao respecto, lembrou que a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca e da contorna inclúe recuperar catro edificios, dous deles tamén na rúa Miño e os outros na rúa Falcón, e construír tres novos, que sumarán en total 16 pisos.

Así mesmo, subliñou que o Goberno galego convoca diversos programas de axuda para facilitar o acceso á vivenda. Ata este venres está aberto o prazo para solicitar as axudas do programa bono alugueiro mocidade, ao que poden acollerse persoas menores de 36 anos de idade.

Así mesmo, ata o mes de outubro poderán solicitarse achegas para a adquisición de vivendas, e en abril abriranse dúas liñas de avais, para persoas que adquiran vivenda protexida, sen límite de idade, e para menores de 36 anos que compren no mercado libre.

⚙ Configurar cookies
0.17238783836365