Entregáronse os premios da décima edición de Merca no teu comercio en Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Os gañadores recibiron tarxetas prepago por valor de 50 euros para fomentar as compras nos establecementos locais
Premios-Merca-no-teu-comercio-Lugo
10 Nov 2025

Os premios da décima campaña do programa Merca no teu comercio na provincia de Lugo entregáronse recentemente na capital, onde a iniciativa se desenvolveu entre o 15 e o 30 de outubro. A actividade está promovida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración coa Federación Galega de Comercio, representada no acto polo seu presidente, José María Seijas.

Durante a cita, celebrada na Delegación Territorial, repartíronse 1.000 euros entre os 20 gañadores en tarxetas prepago de 50 euros que poderán utilizar nos establecementos locais adheridos ata o 31 de decembro. Os premiados foron seleccionados mediante sorteo entre aquelas persoas que rexistraron as súas compras na web da campaña.

Merca no teu comercio é unha medida que busca promocionar e dinamizar o comercio de proximidade nos municipios rurais, contando coa colaboración das asociacións de comerciantes locais. Esta décima edición percorreu 22 vilas da provincia, comezando o 15 de xuño en Monterroso, Palas de Rei e Taboada, e finalizando en outubro en Castro de Rei, Cospeito e Lugo.

O delegado destacou tamén o éxito dos Bonos Activa Comercio, cuxa segunda edición deste ano arrancou na primeira semana de novembro. A iniciativa contou cunha “excelente acollida” tanto por parte dos comerciantes como dos clientes, esgotándose en pouco máis de 48 horas o crédito de 2,5 millóns de euros dispoñible.

Na provincia de Lugo adheríronse preto dun milleiro de comercios, nos que se trocaron máis de 327.000 euros en descontos, alcanzando unha mobilización total de vendas de arredor de 1,5 millóns de euros.

O delegado subliñou que Merca no teu comercio e os Bonos Activa Comercio forman parte do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que pretende fortalecer un sector moderno, competitivo e adaptado ás novas tendencias de consumo, recoñecendo o seu peso como xerador de emprego, riqueza e elemento clave para a vertebración territorial.

⚙ Configurar cookies
0.071750164031982