'Entrena Empleo Lugo' mellora a empregabilidade de 18 mulleres

LugoXa
'Entrena Empleo Lugo' pretende facilitar a reincorporación ao mercado das mulleres que viviron paróns na súa vida laboral.
Entrena Empleo Lugo
21 Jun 2022

O primeiro proxecto piloto Entrena Empleo Lugo, organizado pola Fundación Santa María la Real celebrou onte a súa última xornada.

Esta singular iniciativa da que se beneficiaron 18 mulleres con idades comprendidas entre os 27 e os 58 anos, e que viviron un parón na súa vida laboral por motivos de coidado de familiares ou dos fillos, tiña como obxectivo mellorar a súa empregabilidade e/ou facilitar a incorporación ao mercado de traballo.

Así pois, a través de Entrena Empleo Lugo se orientou e acompañou ás participantes na posta en valor do tempo que dedicaron aos coidados no ámbito familiar e nas capacidades adquiridas que resultan útiles para outros postos de traballo, como a xestión do tempo, o traballo en equipo, a adaptación e a flexibilidade ante novas situacións, a busca de recursos, a vocación de servizo ou a formación continua.

Tamén se realizaron actividades para aprender a elaborar un plan integral, así como para perfeccionar as súas habilidades comunicativas nas entrevistas e tamén as competencias dixitais.

Para completar a formación, as asistentes de Entrena Empleo Lugo elaboraron e renovaron os seus currículos incluíndo na súa experiencia os anos dedicados aos coidados de familiares ou dos fillos, ao tempo que realizaron actividades de intelixencia emocional e autocoñecemento para detectar os puntos fortes de cada unha delas e o seu aproveitamento na busca de emprego.

0.12063694000244