Entrevista: "A integración sensorial fai énfase na interacción e no xogo como motivadores en lugar de seguir instrucións"

LugoXa
Falamos con Carmen Díaz-Mor terapeuta ocupacional de atención temperá no HULA sobre a sala de integración sensorial
Sala integración sensorial portada
11 Feb 2023

Falamos con Carmen Díaz-Mor, terapeuta ocupacional de atención temperá no Hospital Universitario Lucus Augusti, sobre a sala de integración sensorial, un espazo novidoso de terapia para os nenos e nenas.

Que é atención temperá e en que consiste o traballo dunha terapeuta ocupacional?

A atención temperá é un conxunto de medidas e actuacións dirixidas á poboación infantil de cero a seis anos, ás súas familias e a súa contorna, para a prevención e detección precoz de calquera alteración, trastorno ou desharmonía no desenvolvemento nas áreas motoras, sensoriais e/ou cognitivas ou con risco de padecelas. Tamén é poñer en marcha, nos casos que se precise unha intervención integral dirixida a mellorar e potenciar ao máximo o desenvolvemento das capacidades físicas, psíquicas, sensoriais e sociais deses nenos/as desde os primeiros momentos da súa vida, para evitar ou minimizar o agravamentos dunha discapacidade. De aí a importancia de que o sistema sanitario implicado estea coordinado para unha pronta atención dos casos.

O Comité Europeo de Terapeutas Ocupacionais define a Terapia Ocupacional como a profesión da saúde que se fundamenta no coñecemento e a investigación da relación que existe entre a saúde, a ocupación e ambiente no benestar da persoa ante a presenza de limitacións físicas, cognitivas, sociais, afectivas e/ou ambientais que alteran o seu potencial de desenvolvemento e o seu desempeño ocupacional; que utiliza actividades significativas para a persoa tendo como obxectivo final restaurar, manter e/ou desenvolver habilidades necesarias para integrarse e participar na súa esfera biopsicosocial.

Esta é unha das diferentes definicións da terapia ocupacional, gustaríame engadir que a participación nas diferentes áreas de desempeño non son só o obxectivo para conseguir co tratamento, mediante elas facemos a intervención ocupacional; a saber, o neno ten que poder xogar e é o xogo unha potente ferramenta que nos axuda a conseguir os fins nas outras áreas.

Que é unha sala de integración sensorial?

En integración sensorial, a énfase está na capacidade do individuo para usar información sensorial e poder participar dentro de ambientes que impoñen diferentes demandas e non na execución ou aprendizaxe específico dunha habilidade motora. Búscase que o neno poida acceder ás súas habilidades motoras de forma variada para responder a diversas demandas dentro do ambiente. Fai énfase na interacción e no xogo como motivadores, en lugar de seguir instrucións. O desenvolvemento normal baséase na habilidade dos sistemas para procesar e integrar eficientemente esta información sensorial e responder apropiadamente.

A sala de integración sensorial é unha sala provista de todo o material necesario para proporcionar esa información sensorial, ten randeeiras de diferentes formas para combinar diferentes imputs, ten piscina de bólas, cordas colgadas para subir, teas de lycra, rocódromo se é posible e senón substitúese por outras estruturas que favorezan a capacidade de subir, tirolesa, coxíns e pelotas enormes, ramplas, túneles. Quero poñer o énfases de que non é un parque de xogos, é unha sala terapéutica que debe estar organizada e promocionada por terapeutas ocupacionais formadas en integración sensorial. Esta sala esta ocupada polas terapeutas ocupacionais de atención temperá durante toda a xornada de mañá e tarde.

Como xorde a creación dunha sala de integración sensorial?

Hai uns anos fixen a miña formación no modelo de integración sensorial e grazas a ela comprendín ó ser humano e o desenvolvemento do neno desde outra perspectiva. Nese momento tivo sentido porqué ás veces o tratamento non era eficaz ou non se conseguía establecer unha boa alianza, supoño que se verá mellor nun exemplo.

Se un neno con dous anos e medio non dá pedais nun triciclo, é posible que nos empeñemos en suxeitarlle os pes con pedais para que o faga, e seguramente fracasemos, pero se previamente traballamos imputs vestibulares e propioceptivos pode suceder que o neno se baixe da randeeira e pola súa propia iniciativa suba a un triciclo e comece a dar pedais.

Entendendo así o tratamento, combinado con outros, considerei que os nosos nenos de Lugo tiñan dereito que nun hospital público houbese todo o necesario para mellorar e conseguir os fitos evolutivos necesarios para a participación familiar, escolar, social, etc. Gustaríame dicir que non debemos pensar que é a panacea e a solución a todos os nosos problemas, pero axúdanos moitísimo a conseguir as metas na intervención.

Como é o proceso de creación desta sala dentro do HULA?

A tarefa foi ardua, convencer ao xerente do hospital de que se gastase moito diñeiro nunha sala así ía ser difícil. Primeiro falei coa miña xefa de servizo, non lle pedín permiso para aparecer aquí, por iso respecto a súa privacidade, que deu o visto e prace e díxome adiante. A continuación fixen escritos, entrevisteime con diferentes persoas que tiñan a capacidade de aprobar o proxecto e dar o diñeiro e non parecía que aquilo fose a ser posible, nunca me dixeron que non taxativamente, pero todo eran problemas.

Estando na sala de espera para conseguir falar con outro responsable atopeime cunha persoa empática que me escoitou, xa tiñamos falado en moitas ocasións e entendía o meu traballo desde esta perspectiva, grazas a ela foi posible conseguir esta sala. As palabras dirixidas dela á persoa que ía aprobar a idea foi “por favor escoita a esta moza que é terapeuta ocupacional e quere facer unha sala moi chula para traballar cos nenos” presenteille os planos, o material necesario, o razoamento clínico, a evidencia científica e a partir de aí o soño fíxose material. Obviamente o Sergas non fai cousas caprichosas teñen que ter o aval científico demostrado, e este traballo estao.

A partir de aí púxenme en contacto con provedores, orzamentos, etc. O que realmente me pediron foi que a estrutura que se montase estivese certificada para soportar o tipo de actividade para a que estaba deseñada, por iso esta estrutura está certificada para soportar ata o peso dun coche. Tamén quixen poñer un minirocódromo pero non puido ser posible, as paredes están forradas de pracas de xeso e non resistirían o peso dun neno desprazándose polas presas, substituímolo pola espaleira que xa tiñamos previamente.

Que novidades e beneficios achega con respecto a outros métodos de terapia?

A teoría de integración sensorial é moi antiga, a persoa que investigou neste tratamento foi Jane Ayres no ano 1975. Pero é desde os 2000 cando se empeza a facer formación en España impartida pola Universidade de California. As clínicas privadas en atención infantil empézana a implementar e formar aos seus terapeutas ao verificarse o gran beneficio terapéutico que este tipo de terapia achega a nenos con Trastorno de espectro autista e en nenos con déficit de atención por hiperactividade, a partir de aí foise facendo extensiva para todo tipo de nenos con problemas de desenvolvemento.

Para min non substitúe a ningún outro método, é un terapia que se complementa con outras, como o enfoque perceptual motor, neuromotor, Floor estafe, estimulación sensorial, enfoques conductuais, etc.

A quen está dirixida?

Lactantes e nenos pequenos, síndromes, patoloxías neurodexenerativas, nenos prematuros, metabolopatías, atraso psicomotor, nenos escolarizados de 3 a 6 que teñan dificultades de aprendizaxe, nenos con problemas de alimentación de orixe sensorial, nenos con dano cerebral, TDAH, TEA, saúde mental.

Como é un día de traballo?

Pois como en calquera outro traballo no que estean implicados os nenos, as súas familias, a escola, etc. Ás veces moi gratificante se conseguiches axudar ou cambiar algo na vida do neno, outras veces menos. Sempre me marabillo da lealdade do neno e como fai a alianza terapéutica para conseguir as metas.

Como de importante é a investigación e a constante actualización dentro da terapia ocupacional?

A investigación avala a eficacia e efectividade do noso traballo, tradicionalmente non estamos afeitos a investigar pero afortunadamente isto está a cambiar.

A actualización en tratamentos é fundamental, a sociedade está en continuo cambio e os terapeutas debemos dar respostas aos novos desafíos sociais e sanitarios. Lamentablemente a organización sanitaria galega non nos forma aos terapeutas ocupacionais, temos que facelo co noso diñeiro e o noso tempo. Pero non é escusa, empezando pola miña que xa teño un longo percorrido como terapeuta e continuando polas miñas compañeiras dentro do noso hospital, que estamos continuamente formándonos e investindo para dar solucións aos problemas do día a día nos nosos departamentos.

Sala integración sensorial 2
Sala integración sensoria
Sala integración sensoria Hula2
Sala integración sensorial HUla

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19787979125977