Entrevista: "A nivel competitivo gustaríame clasificarme nun campionato que hai o ano que vén en París"
Isaac Vide é director técnico e adestrador no centro Taico de Lugo. Ademais, quedou recentemente no podio do campionato Fittest of Spain.
Cando comezou a súa paixón polo deporte?
Levo dedicándome ao deporte toda a vida. Fixen deporte dende pequeno e actualmente é o meu traballo, polo que me levo en isto dende os 18 anos. De feito, adestrando en ximnasios levo dende os 15 anos.
Cantos anos fai que comezou co Crossfit?
Levo 6 anos practicando o deporte de crossfit como tal. Sen embargo, si que é certo que levo adestrando forza e movementos funcionais dende fai máis tempo.
Anteriormente fixo outros deportes?
Si, xoguei ao fútbol dende pequeno ata os 19 anos, que o deixei porque estaba traballando nun ximnasio. Ao final, por incompatibilidade horaria e por medo a lesionarme e non poder traballar, deixei o fútbol e centreime plenamente no traballo.
Fai pouco quedou no podio de Fittest of Spain, que significa isto para vostede?
É o froito de moito traballo a longo prazo, de moitos anos dedicándome especificamente ao crossfit e de toda a vida adestrando. O crossfit é un deporte moi sacrificado que require, se queres competir, moito tempo ao longo da semana xa que son moitas cousas as que hai que adestrar. Ao final, o crossfit é un deporte no que se adestra todo, dende resistencia cardiovascular, forza ou traballo co teu propio peso corporal. Por iso, integra tantos tipos de movementos e de capacidades físicas e, a consecuencia diso, sempre che queda algo por traballar. Non hai tempo suficiente durante a semana para poder adestrar todo o que é preciso. Por esta razón, é unha gran satisfacción que todo o traballo realizado con anterioridade se traduza en eses resultados.
En que consisten este tipo de competicións?
Cada competición de crossfit o que trata de buscar é a persoa máis en forma de esa competición. Para iso, o que fas é enfrontarte a varias probas que sabes con pouca anterioridade. Si que é certo que, cando compites, si que sabes máis ou menos os exercicios que adoitan caer máis en competición, pero nunca sabes como se van a combinar, o número de repeticións, etc.
Para facerse unha idea, un evento pode englobar unha determinada tarefa por tempo ou nun determinado tempo completar as máximas cantidades de rondas dunha determinada secuencia de exercicios. Ao final, sempre loitas contra o tempo e contra ti mesmo.
Adoita competir neste tipo de eventos?
Si. Eu intento facer sempre tres ou catro competicións ao ano. Gústame porque son unha persoa competitiva e, de feito, fágoo sobre todo por autoesixencia e autosuperación.
Que consello lle daría a unha persoa que vai empezar nesta disciplina?
Sobre todo, que teña paciencia. A peor inimiga deste deporte para a súa aprendizaxe son as presas. É dicir, a xente moitas veces ve a persoas que levamos moito tempo executando e que, aínda así, sempre che faltan cousas que aprender e sempre intentas probar en competicións algún tipo de movemento novo para que ti apliques o teu estado de forma a un determinado movemento ou a algo complexo. Moita xente novel que se inicia ve que se moven grandes pesos ou que se fan determinados exercicios complexos e quere chegar rapidamente a ese tipo de movementos. Sen embargo e, a pesar de que é un deporte que se basea moito na autoesixencia e na autosuperación, hai que ter paciencia porque as presas poden levarte a que te lesiones ou a coller malos hábitos que despois son difíciles de eliminar.
Que podería destacar deste deporte?
En xeral sempre hai moi bo ambiente entre os competidores e é un ambiente moi san. Todos nos vemos coma compañeiros aínda que nos enfrontemos cara a cara na competición. Sempre hai bo rollo entre nós porque, ao final, o que fas é probarte a ti mesmo e testar o teu estado de forma.
Actualmente é adestrador no centro Taico, que é o que máis lle gusta deste traballo?
O feito de poder axudar á xente a mellorar o seu estado físico e, con iso, o seu estado de saúde. Ademais, é unha forma de conseguir cambiar os seus hábitos de vida por uns que sexan máis saudables. Desta maneira, podemos conseguir que a xente gañe en saúde, que estea mellor consigo mesma e que sexa máis feliz.
Que proxectos de futuro ten a nivel competitivo?
A nivel competitivo gustaríame clasificarme nun campionato que hai o ano que vén en París. Ademais, quero facer algún podio a nivel nacional e intentar, se o tema da covid permite, moverme máis a nivel internacional. Antes da pandemia estaba comezando con isto pero ao parar todo, levamos un ano e pico sen competir. Agora parece que xa se comeza a mover todo un pouco.
E a causa da covid, puido continuar coa súa rutina deportiva?
Ao final, o centro Taico é un espazo que rexentamos a miña muller máis eu polo que, ao ser o noso traballo, podíame mover case todos os días para adestrar e para enviarlle aos nosos clientes material audiovisual para que puideran adestrar dende as súas casas. Por esta razón, case se pode dicir que adestraba case normal.
Ademais disto, vostede especializouse en nutrición deportiva, como considera que inflúe a alimentación na práctica deportiva?
Ao final a alimentación si que é certo que é unha parte moi importante, sen embargo, o máis importante é o tipo de adestramento que leves. Eu outorgaría un 70-30 a favor do adestramento. Aínda así é evidente que a alimentación é moi importante. Xa a nivel usuario controlar a alimentación vai facer que rendas mellor. A nivel competitivo axuda a que os procesos de recuperación sexan máis rápidos, que non teñas problemas nas dixestións e que non te limiten no seguinte adestramento. Ademais e, a pesar de que dixen que é máis importante o adestramento, a alimentación inflúe directamente nel, pois é o aporte para poder render ben. É a gasolina que tomas polo que, se o combustible é malo ou mediocre, o rendemento verase prexudicado. Se o teu obxectivo é ambicioso a nivel rendemento, teñen que ir da man. Se tes obxectivos coma baixar peso ou incrementalo, é fundamental.
Considera que na actualidade a sociedade comezou a valorar máis a práctica deportiva e este tipo de disciplinas?
Si, eu creo que a xente é máis consciente de que, polo noso traballo, que cada vez é máis sedentario, e os nosos hábitos de vida en xeral, é preciso coidar máis a alimentación e intentar moverse un pouquiño máis. Eu penso que a xente tomou conciencia nisto e que cada vez, a xente se inicia máis na práctica deportiva. A nós pásanos que cada vez temos máis xente de mediana idade que se inicia en este mundo e que leva ao mellor sobre 20 ou 30 anos se facer actividade física. E comezan agora porque ven que é preciso, que cada vez están máis cansos, que teñen pouca enerxía, que subiron de peso e que lles doen partes do corpo que antes non lles doían. Ao final, o corpo está deseñado para moverse e o feito de non facelo fai que existan unhas sensacións incómodas que non queremos ter. Practicar actividade física pode prever eses males que o ir cumprindo anos nos vai ocasionando.