Entrevista: "A nosa actividade principal é a venda de recambios usados"

LugoXa
Jorge Fernández Herbón leva trinta anos ao frente da empresa Desguaces Herbón, falamos con el sobre os comezos e a actualidade da empresa
Desguaces Herbon
12 Ago 2023

Desguaces Herbón conta con trinta anos de experiencia no sector, falamos con Jorge Fernández Herbón sobre os seus comezos e a actualidade da empresa.

Cando comeza desguaces Herbón?

Con Desguaces Herbón comezamos en outubro do ano 1993 nunha nave na estrada de Vegadeo, estivemos alí ata o ano 2000, que nos trasladamos ao Ceao. Actualmente no Ceao contamo con dúas naves e estamos tamén no polígono industrial das Gándaras.

A idea de montar esta empresa nace a raíz de que eu traballei como xefe de recambio na BMW e deime conta de que despezando un coche e obtendo as diferentes pezas que o forman era posible facer negocio.

Como é o traballo dun desguace?

É moi sinxelo, o primeiro paso do proceso é mercar un coche para a continuación proceder a despezalo. Unha vez que se seleccionan as pezas que están en boas condicións e se revisan póñense a venda.

Unido a esta actividade principal que é a venda de recambios usados, sendo un centro de referencia na zona noroeste de España, tamén realizamos a xestión, descontaminación e tratamento de vehículos ao final da súa vida útil.

Como é o proceso de por a venda unha peza?

O noso proceso de venda e tanto presencial, nos diferentes puntos que temos na cidade, como a través de internet. Unha vez temos seleccionadas as pezas que se poden vender realizamos fotografías e unha pequena descrición pala subilas tanto a nosa web como a diferentes plataformas de venda en liña a nivel nacional e internacional. Nós temos presencia en internet dende hai xa sete ou oito anos e aínda que a venda por internet cada vez é máis importante seguimos vendendo máis en físico, a xente prefire acudir aos locais da súa cidade porque o proceso de adquisición da peza é máis rápido.

Dende os comezos houbo cambios no sector?

Si, en moitos aspectos. Cando comezamos había menos competencia se antes podía haber quince empresas coma nós agora hai trinta. Ademais agora existen novas liñas de venda como internet, no ano 1998 estaban as páxinas amarelas e ti pagabas por ter presencia en cada cidade, hoxe está todo en internet e cambiou todo o sistema. Nós xa vendiamos a nivel nacional antes, coas páxinas amarelas estabamos presentes noutras cidades e enviabamos as pezas a diferentes puntos de España, agora todo se fai a través de internet.

Como é o proceso de mercar un coche?

Pódese realizar principalmente a través de dúas canles, por un lado particulares e talleres e por outro compañías.

Na actualidade cando hai un accidente e un vehículo é declarado sinistro acostuman ser as compañías de seguros as que mercan eses coches, por un prezo superior ao que podería ofrecer un desguace porque despois sae a poxa. É dicir, as compañías mercan os coches novos que tiveron un accidente e son declarados sinistros para a continuación realizar unha poxa na que todos os desguaces compiten por el. Na actualidade hai menos coches e é máis difícil acceder a eles e polo tanto tamén son máis caros.

Nós realizamos compra de coche tamén a xente que xa coñecemos ou nos coñecen e a talleres cos que xa traballamos, non é todo e a través das compañías, aínda que cada vez iso vai en aumento e o mercado evoluciona cara aí, en dous ou tres anos é posible que esta compra de vehículos se realice todo a través das compañías.

0.092143058776855