Rubén Arroxo: "O maior logro está por vir, verase nos vindeiros meses"
Rubén Arroxo, tenente alcalde de Lugo
Como definiría a Lugo como Concello?
Lugo é un concello bastante interesante porque ten unha parte histórica. É a cidade máis antiga de Galicia e ademais esta rodeado dunha zona verde espectacular. Somos a única cidade galega que está dentro da rede da biosfera polo tanto temos esa marabilla que é compaxinar a parte histórica coa parte medioambiental.
Que ten Lugo que non ten outros municipios?
Primeiramente que temos a única muralla romana do mundo que está completa na súa integridade. É algo que é único en todo o planeta, eso é algo que nos fai exclusivos a nivel mundial. Pero a maiores, temos tres patrimonios da humanidade. Poucos sitios o teñen. Ademais contamos tamén de toda esa rede da biosfera ao redor. Ten unha actividade cultural muy intensa e unha gastronomía da cal podemos presumir alá a onde vaiamos.
Cal considera que é a maior actuación que se fixo no Concello de Lugo?
Eu creo que é a peonalización da Mosqueira. Cando unha persoa quere representar Lugo, a imaxe que se lle ven á mente é a Muralla cos arcos da Mosqueira porque é o símbolo que máis identifica á cidade, pode que inclúa a catedral ou outros elementos, pero sempre están os arcos da Mosqueira. Polo tanto, esa peonalización e converter ese espacio, que era un paso de vehículos, nun paso peonil para que poida desfrutar tanto a xente de Lugo, como a xente que nos visite, eu creo que é un asunto clave que vai ter moita importancia na nosa cidade.
"Un goberno máis sólido"
Que vantaxes ten o goberno actual en referencia co anterior?
Eu creo que é un goberno máis sólido. Isto permite poder sacar moitas máis cousas adiante. Ademais, eu creo que a entrada do BNG no goberno foi fundamental e aportamos moitísimas cousas que levabamos no noso programa, no noso proxecto e, polo tanto, permite que Lugo avance por esa liña.
Como ve á cidade de Lugo nun futuro?
A cidade de Lugo nun futuro vai ter a muralla totalmente peonil no seu redor. Como dicía, é a única muralla romana do mundo que se conserva na súa integridade e hai que asumir a sua protección. Quero velo tamén totalmente rehabilitado, coas edificacións totalmente rehabilitadas, que sexan rúas vivas, cheas de vida, con actividade cultural e que a xente desfrute moito da sua cidade. Eu creo que vamos polo bo camiño e que vamos poder chegar a telo.
Cal é a maior necesidade de Lugo na actualidade?
As comunicacións. Lugo está sendo a cidade que está quedando máis incomunicada. Por iso a importancia de rematar as autovías. Non ten sentido que Lugo aínda non teña autovía, no ano 2022, que a comunique coa capital de Galicia, nin co sur. Practicamente estamos incomunicados. A nivel ferroviario xa non te podes expor usar o tren. Polo tanto, eu creo que a maior necesidade que temos son as comunicacións.
Que é o que o fai sentir máis orgulloso da cidade de Lugo?
Son moitas cousas, pero a propia xente de Lugo que é a que é capaz de facer que esta cidade sexa tan acolledora, intensa, dinámica. Unha cidade na que da gusto vivir.
Cal considera que é o maior reto ao que se tivo que afrontar na súa vida política?
Eu creo que foi a primeira vez que fun candidato nas eleccións municipais porque era un momento ademais moi difícil para o BNG, incluso se falaba de que o grupo tiña dificultades para manter a representación, pero o certo é que mantivemos a representación que tiñamos e, pouco a pouco, fomos avanzando e agora o BNG é un referente en Lugo.
E o maior logro acadado?
Eu creo que está por vir e que se verá nos vindeiros meses.
Que diría que lle queda por facer para acadar o Lugo que quere?
Pois moitísimo. Queda seguir avanzando nas peonalizacións para que nun futuro a muralla sexa totalmente peonil. É un reto complicado, sobre todo o ir deseñando as alternativas de tráfico, pero ten que ser un obxectivo. E seguir avanzando por rehabilitar as edificacións da cidade para que os barrios estean rehabilitados, e para que a vivenda teña un acceso para toda a poboación e siga sendo unha cidade dinámica como esta a ser. Eu creo que pode selo aínda máis.
Que é o máis complicado da súa profesión? Nalgún momento se descansa e se deixa de ser político?
Non se descansa ése político todo o día porque recibes peticións, suxestións, críticas, queixas as 24 horas do día. Ao final, é moi difícil desconectar. Seguramente eso sexa o máis complicado. Ao final aquí estamos porque queremos e porque entendemos que isto é o que queremos facer neste momento e, polo tanto, aí vamos seguir.
Cal é o truco para separar a vida persoal da política?
Pois é moi complicado. Eu creo que non hai truco, ten que ir un pouco ligado e tratar de buscar momentos de desconexión. A min, por exemplo, gústame o deporte e é un momento no que desconecto un pouco pero o certo é que ata correndo me teñen parado para dicirme cousas que teño que facer. É realmente complicado.
Nalgún momento complicado o abandono pasou pola súa mente?
No, en ningún momento.
Que é o que máis lle decepcionou dentro da política? Que non esperaba?
Eu creo que as actitudes dalgunha xente que as veces son demasiado destrutivas. Hai persoas que baixo o meu punto de ver tiveron actitudes que estaban encamiñadas a intereses partidistas que a ser construtivos coa cidade.
"Inícianse proxectos cun pouco de medo que finalmente teñen unha boa acollida"
Que é o que máis lle sorprendeu?
Eu creo que foi a boa acollida dos proxectos que estamos a realizar por parte da poboación de Lugo. Polo xeral a xente di que estamos polo bo camiño e que nos apoian. Esto é sorprendente. Si que temos iniciado proxectos que nun primeiro momento poden asustar e a verdade é que a xente está de acordo e iso sorprende positivamente.
Como se está a levar o goberno en coalición?
Estase levando bastante ben. Dunha forma moi respectuosa e moi correcta. Sabendo que os gobernos de coalición son difíciles porque somos dúas organizacións ideoloxicamente diferentes que soubemos poñer por diante a Lugo e creo que o estamos levando dunha forma bastante positiva.
Que é o que máis lle gusta de maneira persoal da cidade de Lugo?
O que máis me gusta son as contornas que ten Lugo nos espazos verdes. Sobre todo, as rutas fluviais. Para min son os espazos que máis me gustan de todo o Concello pola natureza e a tranquilidade que resaltan. É unha marabilla poder ter ese luxo pegado á cidade.
As nova rutas dos autobuses urbanos foron criticados polos veciños, co paso do tempo houbo algún tipo de modificación?
Eu discrepo niso, non foron criticados polos veciños, foron criticados polo presidente da federación de veciños. Foi unha persoa en concreto que utilizou máis de 40 datos falsos, por unha cuestión partidista desta persoa que leva dende que entramos no goberno intentando desgastarnos. Despois si que houbo críticas, como en todo cambio, había xente que estaba habituada a unha ruta e entendía que lle era máis cómoda. Pero, o certo é que cando se fai un cambio no transporte público hai que facer unha visión da totalidade da cidade e, na totalidade da cidade, mellorou moito.
En canto o expediente estea listo o transbordo será gratuíto
Foi noticia o ano pasado que o transbordo dos autobuses sería gratuíto neste 2022? Estase a traballar neste eido?
Si, está o expediente preparándose e cando estea rematado o transbordo será de balde.
Estase a loitar dende o BNG polo tren en Lugo como vaticina o futuro?
Non me atrevo a dicir nada. Eu o que agardo é que poida chegar un tren moderno a Lugo que poidamos comunicar con cidades próximas como A Coruña e Santiago Compostela en tempos competitivos, que poidan ser 40-45 minutos. Non falamos de alta velocidade, senón un tren que poidan alcanzar medias de 140 km/h. Esto son comunicacións dignas do século XXI e é o que esperamos pero, a verdade é que vai moi lento, polo que toca seguir loitando para que sexa unha realidade.
Cales son as maiores demandas que lle fai a xente da rúa? E queixas?
De todo tipo, do máis variado. Polo xeral, adoitan a ser cousas pequenas, nunha rúa hai unha beirarrúa en mal estado ou que hai que repoñer. Tamén hai moitas persoas que propoñen cousas moi interesantes como pode ser que coñecen unha medianeira dun edificio onde se pode facer un mural, coñecen unha rúa que se pode peonalizar e outro tipo de ideas. A verdade é que como cada persoa é un mundo se atopa de todo.
Queixas tamén por suposto, coches aparcados en zonas onde non deberían estar, beirarrúas en mal estado e todo tipo de cousas.
Segue ligado ao deporte?
Si, aí seguimos intentando non soltalo para intentar manter unha vida saudable e que permita desconectar aínda que sexa un pouco do traballo político de cando en vez.
Cales dirías que son os puntos fortes da cidade en canto ao deporte para acadar os numerosos éxitos cos que conta na actualidade?
O punto forte de Lugo son tanto os deportistas, como os clubs, como os profesionais do deporte. Mentres sigamos tendo os profesionais do deporte que temos en Lugo, adestradores, clubs e todas as persoas que se involucran no deporte ao nivel que se involucran en Lugo, o futuro do deporte lucense estaría asegurado.