Club Polideportivo Casás de Lugo: "O que máis nos ilusionou na volta foi que o 99% dos xogadores volveron ao club"

LugoXa
Entrevista a Adolfo Somoza, presidente del Club Polideportivo Casás de Lugo. En la actualidad cuenta con 250 socios.
cp-casas3
20 Mar 2022

Club Polideportivo Casás, un club con máis de 35 anos de historia.

Adolfo Somoza, presidente do club.

Como naceu o club?
O club naceu coa creación do colexio do Casás na zona da Abella. Naquel momento o director que era Javier Pérez comezou co deporte e, curiosamente, eu que era moi novo, rondaba os 18 anos, empecei con el. De aí naceu o principio deste club deportivo.

Practicábase deporte escolar principalmente o balonmán e o futbito que hoxe coñecemos como fútbol sala.

Como chegou a dirixir o CP Casás?
Eu xa estivera no Casás fai case 40 anos e cando se fundou o colexio eu comecei dando clase de ximnasia e ao mesmo tempo co deporte tanto de futbito como balonmán. Tras un tempo, por circunstancias da vida deixeino e estiven ligado noutros sitios ao deporte sempre, sobre todo na practica de balonmán e, cando a miña filla maior comezou o colexio matriculeina ao Casás. Eu seguía vinculado ao balonmán o director seguía sendo Javier aínda que o Club deportivo levabáo Mari Carmen Castro, Muchi. Ao achegarme de novo ao Casás volvín a involucrarme, comecei a adestrar a equipos e cando Muchi decidiu deixar a dirección do club no que levaba 12-15 anos, acabei como presidente.

Canto tempo levas de presidente?
Vou camiño de 12 anos. Xa na anterior etapa dende que a miña filla se matriculou no centro xa estaba ligado ao club tanto adestrando como naxunta directiva.

Onde naceu a súa vinculación co deporte?
A vinculación veu dende moi novo, primeiro como xogador e posteriormente como adestrador. Comecei practicando balonmán no colexio dos Maristas onde despois fun adestrador durante moitos anos.

Nunha primeira etapa adestrei a Maristas e Casás e despois abandonei o Casás e dediqueime durante case 20 anos aos Maristas. Podería dicirse que levo toda a vida no deporte.

Por que non ofrece balonmán o Casás?
Unha vez que deixei o Casás centráronse máis no fútbol e o atletismo deixando de adicarse ao balonmán. Fai uns anos, este deporte estaba un pouco abandonado na cidade, recuperouno moi ben o grupo deportivo lucense e grazas a eles volve a haber actividade, pero si que é certo que fai 8 anos o balonmán desaparecera de Lugo.

Como sobrevive un club destas características?
Con moito traballo, paixón e ganas. O club conta cunha xunta directiva que traballa moito. Estou moi orgulloso deles, agora mesmo co crecemento que tivo o Casás nos últimos anos sería imposible levar o club.

Que deportes ofrece?
Agora mesmo estamos centrados no fútbol, fútbol sala e de novo o atletismo.

O atletismo sempre existiu no Casás, deixouse de facer durante unhas tempadas e grazas a dúas persoas como Julio, que leva toda a vida no club como xogador, que foi un atleta moi importante a nivel nacional ao igual que Celia (ambos na xunta directiva) propuxeron volver a crear a sección de atletismo e levámolo adiante con gran acollida por parte dos rapaces.
En tan só un ano de vida, xa que se creou na tempada pasada en plena pandemia, conta xa con de 25-30 nenos.

Para que idades son as actividades?
Desde os 5 anos ata o equipo senior que está en autonómica de fútbol sala. No senior os máis veteranos superan os 30 anos de idade.

En fútbol sala estades moi forte. Como se presenta esta tempada?
A verdade é que esta temporada é moi ilusionante. Vamos intentar manter todos os equipos que temos en galega. Na actualidade contamos co equipo alevín, infantil cadete e senior nesta categoría e, aínda que sabemos que será complicado nalgúns casos, xa que existen ata 6 postos de descenso intentaremos non descender. Ao mesmo tempo, estamos intentando que o xuvenil recupere a categoría galega. Polo de agora estamos ben encamiñados xa que no que vai de tempada, ocupa a primeira posición no grupo de Lugo e Coruña, esperamos que haxa sorte de aquí ao final xa que tan só hai un ascenso.

Cales son os obxectivos a conseguir este ano?
O noso obxectivo principal é que os nenos da zona practiquen deporte, desfruten e o pasen ben coñecendo os valores base do deporte e da vida saudable.

Cales son os valores fundamentais que se intentan inculcar no club?
O fundamental é o compañeirismo, que comprendan que o deporte non solo é gañar senón que ten outros moitos valores fundamentais para a vida social. Ademais a zona na que nos atopamos é de gran diversidade, dámoslle moita importancia á igualdade favorecendo que todos os nenos poidan practicar o deporte fomentando a integración.

Que principios move aos deportistas?
Hoxe por hoxe o deporte encántalles, aos nenos gústalles estar cos seus compañeiros e practicar deporte. Normalmente un neno trae a outro. Entre eles falan, coñécense, xogan e practican deporte xuntos.

Cal é o maior logro do club?
Logros conseguíronse moitos ao longo de toda a vida deportiva do club, comezando fai 40 anos co futbito cando o Casás foi o primeiro equipo lucense en conseguir o Liceo La Paz de futbito que aínda se celebra na actualidade e se segue a chamar futbito, non se lle chama fútbol sala. A nivel galego multitude de títulos en todas as categorías de fútbol sala. O equipo senior estivo militando en terceira división nacional.

Noutros deportes, en balonmán no seu comezo conseguiu títulos. En baloncesto, no que destacou o equipo feminino, conseguiu ser campión provincial nun deporte tan arraigado como é o baloncesto.

En atletismo conseguimos títulos importantisimos, tivemos atletas que acadaron récords galegos e atletas que formando parte da selección galega conseguiu campionatos de España.

Ao mesmo tempo, o equipo xuvenil de fútbol sala proclamouse campión galego representando a Galicia no campionato de España celebrado en Elche.

Cal é o maior desafío ao que se enfrontou o club?
Creo que desafíos hai todos os días, pero un dos maiores pode que fora o cambio de presidente cando Muchi decidiu deixar o club. Por outra banda, no día a día aparecen diferentes dificultades que se superan coas ganas e a ilusión de cada un dos integrantes do club e da xunta directiva. Mentres existan persoas arredor do club ilusionadas co proxecto será máis doado afrontar cada unha das complicacións que se presenten. O día que se acaben as ganas e a ilusión os desafíos serán importantes.

Como está a afrontar a situación que xera a Covid 19? En que afectou?
A verdade é que afectou bastante. Casás foi dos primeiros clubs en tomar medidas. Decidimos rapidamente que os nenos non competiran e deixaran de adestrar co fin de acoller unha responsabilidade coa saúde social. Asemade, fomos dos últimos clubs en retomar a actividade deportiva co obxectivo de garantir unha actividade segura.

O que máis nos ilusionou na volta foi que o 99% dos xogadores volveron ao club dándonos un impulso de seguir coa actividade e dar o mellor de nós a pesar das dificultades que presenta a pandemia.

Cantos deportistas ten na actualidade?
Aproximadamente 225-250.

Que actividades realiza a maiores dos adestramentos e competicións?
A maiores dos adestramentos e competicións realizamos diferentes actividades. Destacan as conferencias dos árbitros lucenses. Esta iniciativa ten como fin concienciar aos rapaces sobre o labor dos árbitros, inculcando o respecto a súa persoa e ao seu traballo.

Tamén participamos durante moitos anos no Arde Lvcvs, en actividades durante o día da muller, o día da violencia de xénero, etc. A pandemia parou un pouco este tipo de actos pero en todo o que podíamos participabamos.

Fai uns anos, o equipo de Casás deu conferencias moi importantes, con adestradores de gran relevancia e estamos sempre abertos a retomar todo iso, sobre todo agora que se esta recuperando a normalidade.

Tedes previsto incluír a corto prazo máis deportes? 
Estamos abertos ás demandas da poboación, se solicitan unha nova modalidade, estudiarase o proxecto e se é posible levarase a cabo. Isto foi o que pasou co atletismo,fai dous anos que retomamos esta actividade grazas a que había xente ilusionada con esta nova sección. Se mañá aparece alguén interesado noutro deporte escoitaremos as propostas e realizaremos aquelas que estean dentro das nosas capacidades.

0.10046195983887