Celestino Muinelo, de Facela Fest: "Un dos nosos obxectivos é poñer a Lugo no mapa dos festivais"
Celestino Muinelo organizador do Facela Fest, festival que terá lugar o 12, 13 e 14 de maio.
Como xorde Facela Fest?
Facela naceu sendo un blog escrito bastante crítico onde a única condición para escribir era non ser politicamente correctos. Este era un proxecto que tiña cun compañeiro e, pasado un tempo quedei eu só, nese momento decidín organizar un festival. Este materializouse na primeira edición que tivo lugar no Clavicembalo. Xa coa terceira edición uniuse máis xente e a idea foi pasar de critica a que nos criticasen, sempre mantendo o espírito do blog pero en forma de Festival.
Por que se decidiu emprazalo en Lugo?
As tres persoas que organizamos o festival somos de Lugo, vivimos na cidade e estábamos cansos de ter que viaxar e ir a outros sitios para poder desfrutar dos festivais. A idea realmente, xurdiu despois de ir a un festival de Portugal e atopar a máis de 100 persoas de Lugo.
Un dos nosos obxectivos é poñer a Lugo no mapa. Na cidade non se celebran eventos con este tipo de música polo que estamos traendo bandas e grupos que doutra maneira xamais virían a Lugo.
Que diferencia ao Facela Fest doutros festivais da zona?
Un amigo noso designounos como “Festival de Autor”. A el gústalle moito o cine e extrapolou o término ao noso festival xa que o que nos diferencia é a música que traemos. A nós non nos interesa traer grupos que estean de moda, nin aqueles que poidan supoñer un maior rédito económico, por iso o que nos diferencia son os grupos e bandas que forman parte do cartel, é máis difícil atopar este tipo de música noutros festivais. Ao longo do tempo, a xente colleu confianza con nós e sabe que traemos boas propostas, polo que aínda que non as coñezan son fieis a data.
Ten algún festival como referencia?
Cando empecei sempre falaba do Primavera Sound, falar do Primavera Sound son palabras maiores. A min o que mais me gusta e ao que máis veces fun é o Paredes de Coura en Portugal, é un que sempre se adianta a traer as grandes estrelas e tendencias, esta é unha proposta moi interesante que nós intentamos facer sobre todo con bandas españolas. Fomos o primeiro festival de Carolina Durante, a primeira vez en Galicia de bandas como Cariño... gústanos adiantarnos a outros festivais. Moitos grupos que consideran que van a ser as vindeiras sensacións interésalles moito participar nestas citas.
Cal é o obxectivo do Facela Fest?
Nós vivimos doutros traballos, non somos profesionais de festivais, montamos unha asociación que é a que organiza esta data, polo que o obxectivo económico non é o primeiro obxectivo desta cita.
O que nos interesa é poñer a Lugo no mapa, consideramos que Lugo nunca transcendeu no musical e non foi porque non houbera músicos senón porque non había unha escena de música independente.
Ademais, tratamos de facer un festival totalmente diferente aos demais.
Como afectou a chegada da Covid na consolidación desta festividade como unha celebración máis na cidade lucense?
Non afectou moito xa que non deixamos de facelo. No ano 2020 fixemos un ciclo de catro bandas nun auditorio pechado. Seguimos apostando pola cultura e, o ano pasado, fixémolo con 12 bandas no exterior. Como a nosa aposta non é económica dábanos un pouco igual o feito de que non viñera moita xente.
Viunos ben porque veu moita xente nova, diferente, xente que non nos coñecía e que normalmente repiten. Houbo poucas organizacións que se atreveran a seguir realizando este tipo de actividades polo que por esa parte vímonos favorecidos.
Cambiou na forma de facelo, buscar cadeiras, mesas, etc, pero non no espírito.
Que cambios houbo que realizar con respecto ás edicións pasadas?
Este ano o maior cambio é nas bandas. A nós o que nos interesa máis é a proposta musical, a montaxe será similar. Como volvemos cambiar de data a maio haberá que apostar por unha lona máis grande por si acaso as condicións meteorolóxicas non acompañan. O que é a montaxe como estamos ao lado do auditorio empregamos as súas instalacións.
Cal é o maior atractivo do festival?
Eu creo que os dous grupos ingleses que veñen xa que só veñen a tocar en España ao Facela. The Wedding Present é unha agrupación coa que falamos nós directamente que está moi emocionada por ser cabeza de cartel. O outro grupo que ven de Londres, Wave Pictures, na súa xira tan só toca en Oporto e Lugo.
Isto ábrenos bastante publico de fora de Galicia porque quen queira velas ten que viaxar ata a cidade.
Ven xente de toda a península ou céntrase máis en público lucense?
Moito máis de Galicia, Lugo, Coruña, Santiago pero cada vez vén mais xente de Asturias, León, Madrid e Euskadi. Depende tamén das bandas, hai bandas que atrae xente do seu lugar de orixe, etc.
Que é o máis complexo de organizar unha cita destas características?
A día de hoxe diríache que todo. Ocupa moito tempo. O que máis complexo é organizar un cartel que ti consideres que cumpra todos os criterios que queremos os organizadores. Noutros eidos axúdanos outra xente que se dedica a isto. Ao ser a sexta edición é máis fácil resolver os problemas.
Que vos anima a continuar organizando este evento?
Animámonos máis nós que ninguén. Sobre todo, por iso creo que sempre repetimos, a xente que ven. Nós solemos preguntar a nosa xente máis achegada que foi o que máis gustou e o que menos para poder mellorar.
Xa non solo organizamos o festival, tamén fixemos máis concertos con moi boa resposta en Lugo, a xente é moi fiel. Ao final son os que o pasan ben, os únicos que non desfrutan do festival somos os que o organizamos que ata que acaba a cousa non podemos respirar.
Este ano, o cartel está protagonizado por artistas internacionais como se decide cal vai formar parte da festividade?
Hai de todo, somos 3 organizadores e entre os tres facemos consenso. O cartel é moi ecléctico porque nós temos gustos distintos e é complicado poñerse de acordo. Bandas que están de xira e que se ofrecen, e tamén bandas que nos interesan a nós. Tamén hai moitas produtoras coas que se ten confianza e interésalles moito colocar bandas para coller impulso de cara aos festivais de verán. O que si que temos claro é que teñen que formar parte do cartel bandas galegas, locais e con presenza feminina e a partir de aí, xente que nos guste. Discutimos moito pero ao final hai consenso.
Tamén apoiades aos grupos locais, cal é a acollida entre as bandas e artistas de Lugo?
Normalmente case sempre nos poñemos nós en contacto con eles. Esta é unha forma de dar visibilidade aos profesionais lucenses fora da cidade. O problema que tivo Lugo sempre foi a visibilidade que teñen os músicos fora da cidade amurallada xa que non existe unha escena propia para eles.
Este ano editamos o primeiro disco como Facela e agora a ese grupo chámano de moitos máis festivais. Isto fai que ás bandas lucenses as vexan xente de fóra de Lugo. Xa só saír no cartel é unha maneira de dar publicidade a esa banda, este ano por exemplo, preguntáronnos moito pola banda Terror Erótico Adolescente, o nome chamou a atención e é unha forma de darlle máis visión e promover o talento propio de Lugo.
Canto tempo de preparación ten unha festividade desta magnitude?
A día de hoxe xa temos bandas para o ano que ven. No tema musical xa lle estamos dando á cabeza.
Que expectativas hai para esta edición?
Ata agora é que son boas. Neste tipo de festivais aínda que poda parecer o contrario, o máis decisivo son as últimas semanas e os últimos días. A preventa foi moi ben e fora está funcionando mellor que nunca, aínda que non fixemos moita publicidade. Cremos que será a edición que máis xente atraerá.
Ten pensado ampliar a oferta en días ou abrirse a novos estilos musicais nun futuro?
Este ano xa presentamos o festival en Santiago, por segunda vez, facendo un concerto. Presentámolo tamén en Lugo con outro concerto e, este ano, en vez de dous días vai ser de tres días. Ademais, o sábado estaremos na Praza da Milagrosa cunha sesión vermú, esta é unha forma de involucrar á cidade e, o mércores vamos ao Clavi, ese concerto será gratuíto ata completar aforo, ten como fin agradecer ao Clavi o seu apoio como sala na que se levou a cabo a primeira edición do festival.
Estamos abertos a outros estilos sempre e cando entren no parámetro, o público ten unha idade e cada vez é máis difícil acceder a menores de 25 anos. Os gustos musicais van cambiando e non estamos pelexados con novas propostas.
Que metas marcan para vindeiras edicións?
Eu dixen que no momento no que vira que non podíamos crecer deberíamos deixalo, polo que como meta temos crecer, aínda que sexa pouco pero intentar medrar musicalmente que é o que interesa.
Como se poden conseguir entradas?
No Clavicembalo e nalgúns locais que anunciaremos nas redes. E na plataforma online woutick.es.