Entrevista: "É importante para o corpo facer exercicio e non deixalo nunca"

LugoXa
Erika Pilates Centre é un centro de referencia na práctica do pilates, falamos coa súa dona Erika para coñecer os beneficios deste exercico
Erika Pilates portada
Erika Pilates portada
26 Nov 2022

Erika Pilates Centre é un centro de referencia na práctica do pilates en Lugo, falamos coa súa dona Erika.

Cando e como nace Erika Pilates Center?

Erika Pilates comeza en maio do ano 2013. Facía un ano que fora nai e quería unha certa estabilidade laboral. Despois de rematar a licenciatura de actividade física e deporte especialiceime en pilates mat, pilates maquinas, abdominais hipopresivos, pilates embarazadas e pilates con patoloxías.

Canta xente forma parte da empresa na actualidade?

Actualmente formamos parte da empresa dúas persoas, Puri e eu.

Que beneficios aporta o pilates?

O pilates aporta beneficios como a mellora da aliñación corporal, que sería a base do día a día. Tamén controlamos a respiración co que podemos chegar a unha mellor relaxación. Melloramos a estabilidade muscular, sobre todo esta parte é importante para todas as doenzas de costas, aumentamos o ton e forza de musculatura, melloramos a flexibilidade e reducimos o estrés diario.

Que persoas se poden beneficiar deste exercicio físico?

Calquera persoa que o desexe pode beneficiarse desta actividade, non hai límite de idade nin de patoloxía.

Ademais de pilates que outros servizos ofrecen?

Os venres tamén temos abdominais hipopresivos, recuperación posparto e ioga.

Traballan con embarazadas e mulleres que están no posparto, de que maneira?

Con mulleres embarazadas traballamos adaptando o pilates a elas e ó momento do embarazo no que se atopen. Coas mulleres que están no posparto facemos unha valoración previa e logo decidimos en que punto do pilates comezar.

En que consiste a reeducación da postura?

A reeducación da postura sobre todo é unha mellor colocación do corpo e tódolos seus músculos para o día a día, tanto no traballo como nas tarefas que levamos a cabo. Facendo unha boa conexión entre o corpo e a mente.

Como traballan a osteoporose dende o centro?

A osteoporose é unha patoloxía máis, que sobre todo padecen as mulleres, e témolo en conta adaptando certos exercicios e considerando o momento da patoloxía na persoa.

Que é o que máis valora a xente do seu traballo?

Pois iso teríano que dicir eles, pero quizais un trato próximo, despois que confirman por si mesmos o ben que senta a actividade por si soa.

Que lles diferenza do resto de centros de pilates?

Levamos dez anos no mundo exclusivo do pilates chan, somos realistas de como veñen ó centro os usuarios e do que necesitan, non buscamos ximnastas, buscamos poder mellorarlles o día a día. Neste tempo témolo conseguido con éxito.

Como de importante é estar en constante formación nun campo como este?

Esta actividade procede da ciencia do deporte e como toda ciencia está en constante aprendizaxe e avance. Pois o pilates exactamente igual, sempre se avanza e descobren cousas novas que son boas para o corpo.

Cal é a importancia de realizar exercicio físico con regularidade?

É importante para o corpo facer exercicio e non deixalo nunca. Ten beneficios tanto para o corpo coma para a mente, as melloras nótanse enseguida, en só o primeiro mes a xente xa mellora. Algunhas persoas ata din que crecen debido a esa reeducación postural e colocación de todo o corpo. Tamén mellora o rego sanguíneo, pensaremos con maior claridade o saír. Cunha mellor tonificación as doenzas parece que quedan no pasado.

Algún proxecto de futuro?

No futuro próximo xa temos uns novos aparellos encargados que nos aportarán gran variedade de exercicios novos, e no futuro máis lonxano queremos ampliar o local e poñer pilates máquinas.

Erika Pilates
Erika pilates2
Erika pilates 3
0.14423704147339