Entrevista: “É incrible subir ao escenario e ver á xente gozar dos meus concertos”

LugoXa
David Prado, cantante lucense que actúa no Caudal Fest este mes. Repasamos algún dos aspectos que máis lle apaixonan
David prado
12 sep 2021

David Prado, cantante lucense que actúa no Caudal Fest este mes

David Prado é un artista lucense que actuará proximamente no festival Caudal Fest de Lugo. Repasamos con el algún dos aspectos que máis lle apaixonan da música, así coma os proxectos de futuro cos que conta.

Canto tempo leva no mundo da música?

Comecei aos 8 anos tocando a guitarra. Despois, aos 16 anos empecei a compoñer e a facer as miñas cancións.

Por que xurdiu o interese nela?

Foi un pouco de casualidade. Nun primeiro momento, iniciei no mundo da música por miña nai; eu era un rapaz activo e buscaba un entretemento para min. Despois, a partir dos 16 anos foi cando empecei a escribir e foi de casualidade. Todo adolescente ten inquietudes e, dependendo da persoa, tiran para un lado ou para outro e, no meu caso, como sempre me gustou a música e tiña unha guitarra a man, decidín tirar por aí.

Como ve vivir da música? É un ámbito complicado?

Agora mesmo si. Eu, por exemplo, estou complementando con varias cousas, a maioría, proxectos artísticos. Ao final vivir do escenario é moi complicado polo que se intenta complementar con outros proxectos.

Que proxectos artísticos fai para complementar?

Todo o que pode englobar a arte e a música. Sobre todo composicións doutra serie de producións coma anuncios ou incluso colaborando na produción de eventos ou noutro tipo de cuestións.

Cales foron as súas influencias a nivel musical?

Sempre digo que a maior referencia para min foi o pop que había fai uns anos, con artistas coma Antonio Veiga, Antonio Flores, Enrique Urquijo; iso en relación a uns anos atrás. Agora si que escoito máis tipos de música e considero que, ao final, hai que influenciarse por un montón de estilos diferentes. En ámbito nacional, actualmente, tamén tiro moito por Quique González, entre outros.

Que é o que máis lle gusta da música?

Sen ningunha dúbida, tocar nun escenario. Ao final actuar diante da xente, expoñer as túas propias cancións e que teñas esa sorte de que as escoiten e de poder ensinalas é o que máis me gusta. É dicir, que non se queden só para min. É incrible subir a un escenario e poder ver a xente gozar dos meus concertos.

Un dos procesos para realizar unha canción é escribila, é algo que lle resulta complicado?

Non. Ao final creo que todo o mundo ten unha maneira ou outra de sacar para fóra o que leva dentro e a miña maneira é escribindo as miñas propias experiencias ou cousas que pasan na sociedade ou no día a día. Diferentes inquietudes vaia. Por iso, as miñas cancións son todo cousas que pasan no día a día e non me resulta difícil.

Hai algo en particular no que se inspire?

As miñas cancións son, na súa maior parte, de amor porque considero que é algo que se atopa en todo, xa non solo nun ámbito de parella, senón na familia, nos amigos ou na propia sociedade. Por iso, un porcentaxe moi elevado das miñas cancións son de amor e de desamor.  De feito, moitas veces hai cancións que a xente as interpreta como se fora unha parella cando é algo totalmente diferente, só que eu o englobo nunha historia de amor. É tamén como a persoa interprete esa canción.

Vai a actuar no Caudal Fest proximamente, que significado ten esta actuación?

A verdade é moi ilusiónante. Xa estiven na primeira edición que houbo e nesta, cando me chamaron, fíxome un montón de ilusión, sobre todo polo momento que estamos pasando. Ademais, compartir cartel con artistas coma Iván Ferreiro e Love of Lesbian é incrible porque son grupos que escoitas e levas admirando toda a súa carreira. Poder compartilo é incrible. Por outro lado, poder tocar e actuar na miña cidade cun público espectacular, cunha organización e cunha produción moi boa, é algo impresionante. Ao final é o que queremos a maioría de artistas, poder actuar nun sitio no cal as condicións sexan óptimas e isto é algo que se dá no Caudal Fest.

Cal foi o concerto máis especial que fixo?

O concerto máis especial penso que foi a presentación do anterior disco, xa que tocas no auditorio Gustavo Freire ante 700 persoas, cancións que nacen no salón da túa casa. Foi un concerto no que me sentín moi apoiado e, para min, foi todo un logro tocar diante da miña xente nun auditorio ao que fun dende que era un cativo. Ademais, hai concertos que non te esperas que sexan tan especiais e despois crease un ambiente fascinante. O outro día, por exemplo, en Chantada non pensei que podería chegar ao punto ao que chegou, foi un concerto realmente incrible.

Ten algún sitio onde lle gustaría actuar e que aínda non o fixera?

Encantaríame actuar no auditorio novo de Lugo, no Fuxan os Ventos. Oxalá chegue o momento en que se avance neste tema porque considero que temos aí un lugar espectacular e da pena velo tan parado. Polo que oxalá chegue o momento de poder presentar o seguinte disco no auditorio Fuxan os Ventos.

Que proxectos de futuro ten na actualidade?

Antes de que chegara a pandemia tiñamos pensado sacar o novo disco pero, con toda esta situación, todo o que viña parou en seco. Actualmente, levamos preparando un montón de temas para poder escoller xa que queremos sacar o novo disco en pouco tempo. Xa temos as cancións e estamos buscando darlle a forma. Ese é o proxecto no que me estou enfrascando agora.

Ten planeado algún concerto proximamente?

Hai algúns concertos para pechar. O problema é que eu, nos invernos, sempre facía concertos en salas de Madrid, Barcelona... Agora estamos pendentes das restricións e de como están as salas, xa que hai moitas delas que pecharon. Por iso estamos intentando organizar unha nova xira de acústicos a nivel nacional.

Clavi piano 45
Clavi piano 80
0.18294310569763