Eduardo Nuñez-Torrón: "O que máis nos enorgullece é que a asociación conta con preto de 500 socios"

LugoXa
Entrevista a Eduardo Núñez-Torrón presidente de la Peña Anda una asociación que recauda fondos para fines benéficos en Lugo.
eduardo-peña-anda
29 Maio 2022

Eduardo Núñez-Torrón Caballero, presidente da Peña Anda. A Asociación con máis de 60 anos de vida recada fondos para actividades benéficas da cidade de Lugo.

Como naceu a Asociación?

A Peña Anda nace no ano 1964 por un grupo de amigos arredor do Bar Anda en Rúa Nova. Alí xuntábanse para falar de fútbol. Ten unhas orixes ligadas ao CD Lugo. Nos primeiros anos de vida comezou a recadar fondos para a residencia de anciáns de San Roque. Nun principio era un grupo reducido de 15 persoas aproximadamente que co tempo foi crecendo.

Que necesidades existían no momento da súa formación?

Naquel momento desgraciadamente moitos, o asilo de San Roque estaba nunhas condicións que non teñen nada que ver coas de hoxe en día. Deses problemas eran conscientes os membros da Peña e comezaron a realizar actividades con fins benéficos para poder axudar.

Afortunadamente a día de hoxe o asilo non ten esas carencias, non ten nada que ver con aquel momento.

Que actividades realizan?

Actualmente as actividades son ao longo do ano. Realizamos unha ou dúas excursións cos socios da Peña, en novembro ten lugar unha comida de irmandade onde nos xuntamos os socios e ademais facemos a recadación do domingo das mozas polas rúas de Lugo, no Nadal vendemos lotería e ademais, facemos chegar de maneira discreta, unha cesta con produtos de Nadal a persoas próximas á Peña que ten os recursos máis limitados. Ademais, o Día de Reis, achegámonos cunha banda de gaitas ao asilo de San Roque e pasamos o día con eles.

Cal foi o maior logro da asociación, o evento con maior repercusión e co que se senten máis satisfeitos?

Do que máis orgullosos estamos é de que unha peña con 60 anos de idade teña preto de 500 socios.

Que cambios houbo nas actividades que levan a cabo ao longo do tempo?

A verdade é que é unha Peña moi tradicional, a súa media de idade é bastante maior, ronda os 70 anos polo que se seguen conservando as mesmas actividades que se facían nun inicio.

Cales eran os obxectivos principais no momento da súa formación? E agora?

É unha asociación benéfica, prestamos axuda aos necesitados. Naquel momento era tan só ao asilo de San Roque e, agora mesmo colaboramos en calquera causa local na que poidamos axudar.

Cales son os principios que moven aos socios?

O da solidariedade e axuda ao próximo.

Pódese colaborar dalgunha forma coa asociación?

A través de cotas de socios, a través da lotería de Nadal e participando na achega do domingo das mozas.

Que están a realizar na actualidade?

Vimos fai uns días de realizar unha xuntanza cos socios da Fonsagrada. A Peña ten extensión en Fonsagrada e Noia.

Ademais, tamén estamos organizando a visita a Santiago de Compostela onde terá lugar o xubileo.

Que novos proxectos teñen de cara ao futuro?

En principio o máis importante é revitalizar a Peña. Gran parte dos 500 socios supera os 70 anos de idade polo que estamos buscando novas xeracións e novos aires, ata aí van os nosos obxectivos para que a Peña dure 60 anos mais.

Cal foi o maior reto ao que se tivo que afrontar o grupo?

Seguramente fora agora co tema da Covid, hai que ter en conta que nestes dous anos case non houbo actividade e volver a reiniciar a marcha foi complicado. Actualmente estamos intentando que as cousas volvan a normalidade e seguir adiante coma en antaño.

Como chegou a formar parte vostede de Peña Anda?

O primeiro presidente da Peña era o meu avó, despois de 25 anos foino meu pai e, no seu falecemento no ano 2015 os socios decidiron que fora eu o presidente.

Cal é o mellor recordo que ten da asociación?

Está moi ligado á miña familia, os meus mellores recordos desde unha perspectiva persoal son as comidas de irmandade. A día de hoxe xuntarnos unha vez ao ano cos socios é moi gratificante.

Tamén gardo moi bos recordos das visitas que realizamos ao asilo no día de Reis.

Que foi o máis complexo á hora de formar a asociación?

É unha asociación que nace arredor dun grupo de amigos que se foi instaurando na cidade, obtendo cada vez máis calado polo que complexidade ningunha. O seu nacemento foi espontáneo e pouco a pouco cobrou fama. O máis dificultoso é mantelo con esta forza.

Que propósitos se marca de cara a esta nova normalidade?

Intentar rexuvenecer a Peña, que se integre máis xente de maior idade e seguir dando vida á asociación. Os propósitos seguen sendo os mesmos axudar ao asilo de San Roque e as causas locais que poden necesitar a axuda.

Estades a levar a cabo algunha medida para atraer a xente nova?

A través dos socios que xa formamos parte do grupo estamos intentando que o círculo máis achegado do mesmo se una, utilizamos o de sempre, o boca a boca.

0.19239497184753