EMcreativo: "Unha vez que conseguen os primeiros premios, medra a confianza no grupo"

LugoXa
Tomando algo e entre amigos.
EMcreativo
25 Jun 2022

Tomando algo e entre amigos. Así é como xorden as ideas de EMcreativo Escola de Escritores. Un proxecto que xurdiu entre os usuarios de Alucem como un obradoiro de escritura e que xa é toda unha escola con xente chegada de diversos puntos do Estado. Alejandro R. Robledillo é o mestre de EMcreativo que anima dende o primeiro día a que os seus alumnos presenten os traballos a concursos de alto nivel. Falamos con el e con algún dos seus alumnos, María Varela, Pablo Veiga e Fernanda Arrojo, que nos contaron como viven as experiencias que lles trouxo EMcreativo.

Como xorde a iniciativa?
Alejandro Robledillo: Xorde de Alucem. Nun principio ía ser un obradoiro de escritura creativa, que me propuxeran facer os alumnos de Alucem. E que rapidamente, pola demanda e o éxito, acabou sendo unha escola de escritores que incluso, xa saltou do ámbito literario e estamos implicando a xente doutros sectores como a cultura Guido Guía, ou Diego As. E estamos empezando a tirar doutros ámbitos como pode ser o deportivo. A asociación de esclerose múltiple o que consegue é formar ese talento para logo reclutalo en beneficio da propia asociación e que medie e nos dea a coñecer ante o resto da sociedade.

Cando comezou a funcionar a escola?
Alejandro Robledillo: No ano 2018, aínda que se parou pola pandemia.

Con cantos alumnos conta a escola?
Alejandro Robledillo: Agora mesmo cero, polo parón da pandemia. Chegamos a ser 25, en dous grupos nalgún momento.

A cultura, ás veces, cóstalle arrancar…
Alejandro Robledillo: Non, eu creo que ao revés. O mundo literario é algo que te das conta enseguida, tanto en redes sociais como na vida real, que a xente ten moitísima interese en aprender a escribir. Ofértanse moitos cursos. E este, era gratis, en Lugo. E chegou a haber xente que non era da asociación, sen diversidade funcional.

Falamos xa do parón da pandemia. Como vos afectou?
Alejandro Robledillo: Cando entramos na teleformación, pola pandemia, tiven que pechar a asistencia porque chegamos a ter, naquel momento, 20 solicitudes de ingreso. Entón, limiteino ás persoas que eu máis coñecía, ás máis achegadas, porque non quería que se perdese. Chegou a haber xente de Cáceres, Badaxoz, Madrid, tamén alguén das Illas Canarias. De todo o Estado, pero ao final decidiuse que ía ser un grupo máis pequeno. Que permanece vivo e que segue telemáticamente. Son xente que ten relación dalgunha ou doutra forma con EMcreativo.

Pode participar calquera nesta escola de escritura?
Alejandro Robledillo: Polo momento está pechada, pero en canto volvamos a abrir, queremos que sexa algo aberto a toda a poboación, que calquera poda participar.

Que hai que facer para formar parte da Escola?
Alejandro Robledillo: Sencillamente, seguir o noso perfil de Facebook, EMcreativo Escola de Escritores. Para setembro, a idea é volver poñelo en marcha. Este ano, posiblemente fagamos coma sempre, será gratuito para os socios de Alucem e, o resto, pediremos un donativo solidario unha vez ao mes ou algo así.

Non asusta enfrontarse aos concursos e certames dende o primeiro día de curso?
Alejandro Robledillo: O primeiro reto que lles puxen diante, o primeiro día, foi dicir: non imos aprender a escribir imos comezar a concursar. Lembro a cara de pánico de todos. Á xente deulle medo. Pero porque este reto? Primeiro porque esixe unha rutina e, depois, porque implica que alguén nos valore; que non nos coñece, que non sexa a nosa nai, o noso amigo... Alguén nos vai ler e, unha vez que consiguen os primeiros premios, que todos os conseguiron, o grupo comeza a gañar unha confianza altísima. O seguinte paso, que xa é lanzarte a escribir a novela, vai detrás. Depende do teu xénero, hai quen publica un ensio, ou quen segue presentándose e gañando un montón de concursos. Foi o primeiro reto, tiñan medo pero non o rexeitaron.

É un aliciente tamén, non?
Fernanda Arrojo: é unha motivación.
Alejandro Robledillo: Non imos facer algo polo mero pracer, imos intentar ser escritores. E iso conleva tamén que ti vas escirbir sobre o que te demanden non só sobre o que a ti te apetece. É unha forma de aplicar os diferentes estilos e comezar a ser profesionais dentro dese ámbito.

Como nace o proceso creativo?
Pablo Veiga: Depende de cada un. A min, a cabeza non me para nunca de dar voltas. Ás veces só faltaba sentar e poñerse a esquematizar e a fluir. A miña novela, en principio, eran personaxes encorsetados, sen unha historia. Díxome Alejandro: Enfía a historia, crea desde un principio a un final. E iso non é nada fácil.

Alejandro Robledillo: É un bo exemplo, A marcha de Anxo, o libro de Pablo. Tiña unhas historias boísimas, pero estaban sen entrelazar. Si que hai ferramentas, si que hai técnicas, como noutras artes; pero trátase de dar consciencia desas técnicas. Usamos moito o método peripatético, tomar unhas cervexas e comezar a falar. Pablo pasábame os esquemas e íamos todos falando con el e aportando ideas. E a partir de aí, fíxoselle a luz e dixo que xa o tiña, foise a escribir e cando volveu xa viña con el practicamente rematado.

Unha vez que se publica, que vén despois?
Pablo Veiga: Enche de orgullo que a xente lea a túa obra. Usuarios do meu traballo, xente maior que me pedía que lle levara o libro. E despois, que o lean e que che digan que lles gustou.

Alejandro Robledillo: Algo importante é que ao Congreso Internacional de Traballo Social vaian 4 libros de aquí, máis os meus. En total 7 libros. Conseguimos que en Lugo haxa un nivel de premios moi altos. Moi relevante para unha cidade desta poboación.

Tedes un proxecto común que é o conto As visitas de Escle a mamá. Como xorde este proxecto?
María Varela: Xorde porque eu contei, como lles explicaba aos meus nenos pequenos o que me pasaba a min. A min, dábame un brote, e como lle explico a unha nena de dous anos e a un bebé o que me estaba pasando? Pois tomándoo como un xogo. Se a mamá lle leva a cabeciña para atrás, colocámoslla ben. A miña filla maior ao irmán tíñalle que mirar a temperatura do biberón, eu non tiña tacto. Tiveron que aprender moitas cousas dende pequenos.

Alejandro  Robledillo: A verdade é que todo o que se escribira da esclerosis antes, e incluso doutras enfermidades, sempre se baseaba en explicar en que consiste. A un neno, o que lle importa é como lle vai a afectar esta enfermidade na súa vida. Diagnostican no entorno, unha mai, un pai, ou o que sexa, e pregúntanse como lles vai afectar. Pois había unha necesidade de dar resposta a isto. No grupo quedamos en que ía ser unha especie de traballo de fin de curso e xuntouse moita xente. Foi un traballo moi bonito e que gustou moito.

Que hai que facer para escribir?
Fernanda Arrojo: A ver, isto é un escola. E é moi importante formarse. Unha gran parte da formación artística e literaria é utilizar ferramentas, coñecer os xéneros. Saber que xénero é mais  acorde a ti, a túa forma de expresión, de escribir. A lingua é moi importante. É moi importante, ademais da creación, a formación; é pedra fundamental. Formarse, interesarse e ler moito.

Que proxectos hai de cara a futuro?
Alejandro Robledillo: Estamos agora traballando con Alcer, para facer unha historia sobre a donación en vivo. Xunto co CB Breogán e o CD Lugo que están participando nun video. E gustaríanos levar iso ao ámbito literario. Pero, o primeiro é recuperar a presencialidade. E o segundo, hai a posibilidade de que se faga un novo proxecto, non tan implicado coma este, pero no que se van implicar dúas novas formacións, esperemos. E, sobre todo, facer algo que trascenda o literario e ser un punto de encontro da cultura en Lugo máis aló da literatura. Xa se implicou a creatividade plástica con Estefanía e Paula, grandes ilustradoras; está tamén Diego As, ou Guido Guía. E, agora, temos tamén un proxecto de danza inclusiva que se porá en marcha en outubro. Coa intención de que sexa como EMcreativo: que non só sexa aprender a bailar senón a competir en calidade case de profesionais. Porque o que se fixo coa discapacidade é excluílo do profesional. A idea é que a cultura poida estar tamén neste punto.

Alucem
As visitas de Escle a mamá

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1919469833374