Grupo Arrhythmia: "Nalgún momento tentamos tocar con palabras e música enfermidades como a ansiedade"

LugoXa
Entrevista a Arrhythmia o grupo lucense de música metal que tocará o día 10 na praza da Mosqueira este San Froilán
Arrhythmia ensayo grupal 1 horizontal portada
10 Out 2022

Falamos co grupo Arrhythmia que está formado por catro lucenses que levan dez anos facendo música metal, electrónica e rap. Contan con catro discos publicados e actuarán na praza da Mosqueira o luns día 10.

Que proxectos tedes actualmente entre mans? 

Vimos de sacar o noso último disco I e estarémolo presentando polo menos ata o fin do verán que ven, aínda que posiblemente saquemos algún sinxelo no medio.

Espertei é o vos sinxelo de lanzamento de que trata? Como de importante e tras a pandemia visibilizar e falar de saúde mental?

É importante normalizar este tipo de enfermidades que antes ou despois acaban por afectar a unha gran parte da humanidade. Tampouco houbo unha búsqueda durante a composición porque nesa fase un só pensa en crear, pero si é certo que tanto en Espertei como en moitos momentos do disco tentamos tocar con palabras e música enfermidades como a depresión e a ansiedade, ou o problemáticas sociais tan graves como o suicidio.

Neste novo proxecto do grupo, I,  ademais da temática da saúde mental que outros temas definen este traballo?

Toda a nosa discografía ten partes moi persoais en canto ás temáticas pero tamén ten outra máis reivindicativa, no caso de I falamos de temas como o cambio social que supuxeron as redes sociais ou sobre o auxe do fascismo.

Como de importante é para vós a parte audiovisual do proxecto? que creedes que aporta o grupo?

Para nós é tan importante como a música, ás veces pensamos que somos un proxecto audiovisual máis que un proxecto estritamente musical. Gústanos acompañar a música de vídeos ou fotografías que acheguen un pouco máis a quen nos escoita á idea orixinal que estaba nas nosas cabezas cando gravamos.

Para isto é moi importante que todo o traballo tanto a nivel de produción musical como audiovisual está feito por nós mesmos, permítenos achegarnos ao máximo á idea orixinal.

Actualmente este novo traballo conta con tres videoclips, que buscades transmitir en cada un deles?

Furacán e Espertei son videoclips duros porque poñen imaxe a dúas cancións duras tanto temática como musicalmente. Houbo unha busqueda de abafo e desesperación nos guións e imaxe deses dous videoclips.

Planeta alerta é a contraréplica do disco, unha canción máis luminosa que invita á loita contra o cambio climático dun xeito máis optimista, por iso o videoclip mostra imaxes máis vivas.

Que tal foi a acollida por parte do público das pezas audiovisuais?

Moi boa, temos a sorte nos últimos anos de que a xente espera os nosos videoclips e as acollidas soen ser moi positivas.

Este novo traballo conta tamén con unha colaboración, como foi traballar con outra artista?

Cando nos mesturamos con grandes artistas é moi sinxelo, neste caso nós tiñamos a canción completa a falta dunhas estrofas e buscábamos unha voz feminina que rapease. Cando apareceu diante de nós a opción de Jazzwoman sabíamos que non existía unha alternativa mellor. Ela fixo a súa parte de voz dun xeito impecable que da un plus enorme á canción.

Sodes finalistas dos premios Martin Codax da Música de este ano e xa fostes gañadores no 2018, que supón para vós este recoñecemento?

Ao longo da nosa carreira musical recibimos varios premios pero estes fan unha especial ilusión porque supoñen a festa anual da música galega e é un recoñecemento que che outorgan as compañeiras e compañeiros da escea. De todos xeitos o mellor dos recoñecementos é que siga habendo xente interesada en escoitar a nosa música, ter premios e non público non valería de nada.

Que implicacións ten para vós o uso do galego na vosa música/ porque o galego como idioma?

Para nós é natural, cantamos en galego porque somos galegos, coma un francés canta en francés.  Sería moi bo sinal que deixase de ser sorpresa que unha banda galega use o seu idioma e non o inglés, que sen desmerecer a quen o usa, sería o atípico por lóxica.

Non é a primeira vez que tocades no San Froilán, que é o que mais desfrutades destes concertos?

A comodidade de tocar preto das nosas familias, na cidade na que medramos, ver moitas caras coñecidas que por desgraza vemos menos do que nos gustaría e poder comer unha ración de polbo despois de tocar.

Arrhythmia ensayo grupal 1 horizontal
Arrhythmia
Arrhytmia CasteloRock22-04015
0.15744519233704