Abre na rúa Dinán de Lugo a clínica veterinaria Portovet
María Barbosa da Silva é unha das responsable deste centro, que está especializado en medicina felina e dermatoloxía, odontoloxía e nutrición animal.
Como son os inicios de Portovet?
A clínica veterinaria Portovet leva aberta desde o 1 de xuño deste ano. Temos tamén unha clínica en Taboada funcionando desde hai 7 anos e decidimos dar o paso á cidade para buscar un camiño máis de especialización no ámbito da odontoloxía e a dermatoloxía tanto canina como felina, na que levamos traballando 15 anos. En Lugo estamos situadas na rúa Dinán número 1-3.
Que servizos ofrecen?
Ofrecemos todo o que ten unha clínica veterinaria: consultas, laboratorio, RX, ecografía, calquera tipo de cirurxía, hospitalización, etc. Pero ademais contamos coas especialidades de dermatoloxía, odontoloxía, nutrición e medicina felina. Eu son especialista en odontoloxía e dermatoloxía tanto canina como felina e Ana ten unha especialidade en medicina felina. Nos felinos é moi importante o coidado, son animais que non se queixan tanto, ocultan moito as súas emocións e por iso en ocasións é importante estar pendentes dos pequenos cambios que se poidan dar neles, como xogar menos, pupilas non dilatadas ou cambios de humor.
Cada canto é bo facer unha revisión?
Unha vez ao ano mínimo é moi importante que as nosas mascotas vaian ao veterinario, aínda que non teñan ningún síntoma. Hai elementos que son moi prexudiciais para eles, como o tabaco, que pode dar problemas de pel nos gatos, por iso son vitais as revisións periódicas antes de que os nosos animais mostren síntomas.
Que traballo realizan en canto a nutrición animal?
Nós traballamos con calquera tipo de alimentación, queremos fomentar máis o produto natural a longo prazo, pero actualmente tamén traballamos con pensos. Dentro dos pensos, principalmente co que traballamos é con pensos específicos para diferentes problemas de saúde como poden ser os renais ou de fígado ou tamén o sobrepeso. Buscamos unha alimentación que acompañe e axude a mellorar as patoloxías destes animais. Ademais dos pensos, desde Portovet traballamos con alimentación natural, unha alimentación húmida que vén en sobres e é totalmente natural. Este tipo de alimentación favorece a dixestión, alonga a vida da túa mascota e consegue unha maior calidade nos ósos, pel e pelo dos animais. Temos dispoñible tamén un servizo para que todas aquelas persoas que queiran unha alimentación especializada para a súa mascota poidan facelo, independentemente de que sexan animais con ou sen patoloxías.
Que é o máis demandado polos clientes?
Agora mesmo estamos máis enfocados en odontoloxía e dermatoloxía, somos o único centro en Lugo que conta cunha odontóloga animal, e son estes servizos os que máis nos solicitan os nosos clientes. O noso obxectivo a longo prazo é traballar só con felinos.
Cales son os principais problemas de dentes que sofren as nosas mascotas e como podemos previlos?
Os principais problemas son o sarro ou a xenxivite, bastante similar ás persoas. Para previr este tipo de problemas nos animais é importante facer limpezas tanto de carácter anual no veterinario como semanal na casa. Na casa estas limpezas podémolas facer de varias formas, cunhas toalliñas especiais, con pasta de dentes ou con flúor. Tamén é fundamental coidar a alimentación e todo o que comen. Moitas veces morden pedras ou algún tipos de pelota, como as de tenis, que afectan á súa saúde bucodental.
Que é o que máis valoran os clientes?
A atención sen dúbida. Dar unha boa atención tanto ás persoas como aos animais é a parte que os clientes máis valoran e o que determinan que se sentan a gusto e coidados.