Yanire Raimóndez, do feminino do Club Deportivo Lugo: "Estamos moi contentas e aínda asimilando este ascenso"

LugoXa
Entrevista a Yanire Reimondez, xogadora do CD Lugo Feminino, tras o ascenso a Primeira Nacional acadado polo equipo esta tempada
celebracion-lugo-feminino-ascenso2
23 Xul 2023

O CD Lugo Feminino conseguiu esta tempada un ascenso histórico a Primeira Nacional tras unha final moi igualada que se resolveu na tanda de penaltis. Falamos coa xogadora Yanire Reimóndez sobre o ascenso e a tempada.

O CD Lugo Feminino conseguiu esta tempada un ascenso histórico a Primeira Nacional tras unha final moi igualada que se resolveu na quenda de penaltis. Así mesmo, o equipo fíxose co título de Campión de Copa logo de vencer por goleada ao Antas.

O CD Lugo suma este título a unha gran tempada na que logrou o ascenso de categoría, a Primeira Nacional, logo de quedar na terceira posición na fase de liga regular.

O equipo que dirixe Joaquín Blanco enfrontouse por segunda vez ao Antas na fase final da Copa e volveu gañar. Nesta ocasión, venceron por 5-0 cunha gran contundencia. Ademais, María Valcárcel foi a máis goleadora da competición sumando un total de nove tantos.

Como foron as sensacións ao longo da tempada?

A tempada fíxosenos a todas un pouco longa, pero ao final, conseguimos o obxectivo principal. Eramos un total de dezaseis equipos e xogamos en liga regular uns trinta partidos con moi poucos descansos, só tivemos catro paróns en toda a tempada polo que foi todo moi seguido, e longo. Pero mereceu a pena, estamos moi contentas e aínda asimilando este ascenso.

Como foi o partido de ascenso?

Nós xa sabiamos que ía ser moi igualado e así foi, viñamos co resultado en contra pero todas moi convencidas de que xogando ao que nós sabemos conseguiríamos darlle a volta. Ao final, entre nós, que sabemos ao que xogamos, e a afección, que axudou moito, conseguimos remontar o partido, a eliminatoria e levalo aos penaltis, que son unha lotería e ao final estivo a sorte do noso lado, que tamén nos facía algo de falta despois de toda a tempada.

Cales cre que son os puntos fortes deste equipo?

A unión que temos, este ano penso que grazas a que somos un equipo moi unido houbo partidos que gañamos por ser todas unha, por ser a familia que somos. Temos moi bo ambiente no vestiario, eu levo desde os seis anos xogando ao fútbol e este foi dos mellores anos, cun dos mellores ambientes. É un grupo espectacular, somos un grupo cun amplo rango de idade, dende os 14 anos ata os 27 e non temos diferenzas, levámonos todas moi ben.

De cara ao ano que vén, que implicacións ten este ascenso a nivel deportivo?

Pasamos a unha liga máis complicada, a de este ano non foi fácil tampouco, pero en nacional xa hai equipos como o filial do Depor cunha estrutura moito máis grande e vai ser unha liga difícil. Pero vai ser un ano tamén para desfrutar e para ir vendo como se vai dando, porque non coñecemos aos rivais, o importante vai ser manterse e se se pode chegar a algún obxectivo máis pois benvido sexa.

Para vostede a nivel persoal?

É a primeira vez que vivo un ascenso, foi moi ilusionante e máis co grupo que temos. O máximo non é pero para min xa foi moito, se podemos ascender máis anos pois ata onde se chegue.

De cara ao ano que vén vaise manter o grupo?

Iso xa non vai depender de nós, pero a nosa intención é seguir todas e que veña máis xente porque somos pouquiñas, somos un equipo de 18 fichas e dúas están lesionadas de gravidade. Para o ano, baixo o meu punto de vista, deberiamos ser unha plantilla de 20 ou 21 xogadoras para non pasar os apuros deste ano.

Como cre que é de importante este tipo de resultados para o fútbol feminino lucense?

Favorecen a visibilización do fútbol feminino, o ascenso, a publicidade que se lle dea, seguramente haxa nenas que non sabían que existiamos e que descubriron o Lugo feminino. E tamén non é o mesmo levar o nome de Lugo a nivel de provincia e autonomía que a nivel nacional, si que é verdade que non imos recorrer toda España pero ó final vas por moitos sitios fóra da comunidade.

Que tal a afección?

Normalmente a nosa afección son os nosos pais, amigos e algún familiar máis, pero no partido de ascenso había moitísima xente, eu non lembro un partido no que eu xogara con tanta xente na grada. Cando xogamos en Bergantiños tamén había moita xente, pero era a súa afección. Aquí conseguimos que viñera xente de Lugo que ao mellor nunca nos vira xogar, que estivo animándonos e iso foi xenial. Eu estou segura que algún dos que estiveron no partido do ascenso lle picou o gusanillo de vernos outra vez e volverán.

celebracion-lugo-feminino-ascenso1
Lugo feminino ascenso
celebracion-lugo-feminino-ascenso5
celebracion-lugo-feminino-ascenso6
celebracion-lugo-feminino-ascenso4
0.19183707237244