Entrevista: "Estou organizando un encontro sobre a zanfona o próximo mes"

LugoXa
Luciano Pérez, director da colección de instrumentos musicais, obxectos sonoros e arquivo documental, fala de proxectos realizados.
luciano perez
28 Ago 2021

Luciano Pérez, director da colección de instrumentos musicais, obxectos sonoros e arquivo documental, fala de diferentes proxectos que desenvolveu na súa vida, así coma de exposicións actuais e proxectos futuros.

Dende cando comezou coa construción de instrumentos musicais?

Comecei no ano 73 co meu avó Paulino, cando tiña eu 13 anos. A construción de instrumentos tradicionais faciámola no obradoiro de instrumentos que hai na Deputación de Lugo e que se creou no ano 1951. A partir de iso comecei a involucrarme máis no tema da música e, actualmente, son o director da colección de instrumentos musicais, obxectos sonoros e arquivo documental que está no Centro de Artesanía da Deputación de Lugo.

En que proxectos musicais ou de recuperación de instrumentos estivo involucrado?

Iso foi algo do que me preocupei a partir do ano 1990. Dende o ano 80 aproximadamente, meu pai, Xesús Pérez, máis eu volcámonos no ensino, na construción e en tocar instrumentos. Foi cando montei na Deputación a escola de gaitas e zanfonas, a primeira con base no solfexo. Co ensino chegaron os traballos de campo, os proxectos de recuperación de instrumentos que caían en desuso. Algún exemplo son os torneados de gaita que estaban nun pobo esquecidos, as castañolas das que temos unha variedade incrible, terrañolas e instrumentos infantís.

Que importancia lle da aos instrumentos infantís?

Outro proxecto que desenvolvín co colectivo escolar foi sobre iso, sobre xoguetes sonoros. Dei cursos para mestres e para alumnos. Este tipo de xoguetes serven para que os máis cativos comecen e poidan chegar á música profesional e aos instrumentos profesionais. De feito, todos iniciamos a nosa andaina xogando, continuamos con instrumentos de prácticas e de segunda man e rematamos co noso instrumento profesional. Por iso, consideraba fundamental que os máis pequenos comezaran con ese apartado de diversión con xoguetes sonoros. Ademais, todo ten que ver co inicio dos xogos dixitais onde non había ningunha interacción entre os cativos e todo era individualismo.

A continuación seguiu con proxectos multidisciplinares?

Sí, logo foi cando chegaron proxectos de maior envergadura, os proxectos multidisciplinares, nos que se involucraba a varios especialistas de diferentes campos. Por exemplo, organoloxía, musicoloxía, historiadores do arte, outros mestres artesáns, etc.

Un dos últimos proxectos que realicei, que é algo descoñecido, é a música das catedrais. Foi un traballo que fixen co cantautor Miro Casabella sobre a música nas catedrais. Nel, reconstruín un óboe barroco que había na catedral de Tui, metémonos coa marcha de chirimías da catedral de Tui e de Lugo, etc.

A catedral de Lugo ofrece algún concerto de música con instrumentos deste tipo?

Na catedral de Lugo non se toca case música anterior o clasicismo. Música clásica, polo seu lado, hai un montón, está a semana da música, a semana do Corpus, concertos de órgano... Pero de máis atrás non é común, son concertos esporádicos, a pesar de que nós contamos co obradoiro de instrumentos da Deputación de Lugo onde somos pioneiros na reconstrución de instrumentos da Idade Media e, de feito, na colección que eu dirixo aquí, temos a maior colección de Europa de réplicas de instrumentos do séculos XII e XIII.

Como é a acollida desa colección?

Ten moitísimo éxito. Desperta moito interese, sobre todo fóra. Sen embargo, seguimos a ter unha deficiencia na difusión. A maior parte da xente de Lugo seguramente non nos coñece ben, pero do resto de Galicia teño excursións. En Lugo chegamos maiormente aos colexios. É unha sección de público que me interesa moito pola cadea de transmisión que representan os rapaces. Ademais, é unha época na que estás coa mente aberta e acostumado a estudiar e formarte. Por iso é unha franxa de idade da que teño moitas visitas e que me interesa especialmente.

Como funcionan as visitas na colección do Centro de Artesanía?

Hai visitas libres nas que ti podes vir a dar un paseo, visitas técnicas guiadas, nas que un guía presenta aspectos diferentes da colección e hai visitas técnicas que fago eu e que van directamente relacionadas con algún asunto moi particular dos instrumentos de música. Finalmente, hai outro tipo de visita, a activa na que eu deixo entrar aquí a profesores de música cos seus alumnos e permito o acceso a gran parte dos fondos das vitrinas ás que non teñen acceso o público en xeral. Con iso, deixo que impartan a clase aquí.

Esta última é unha actuación que se realice con frecuencia?

Agora levamos un ano e algo no que o tema está parado. Anteriormente facíase na súa maior parte con conservatorios.

Ten máis proxectos a longo prazo?

O proxecto máis inmediato é un encontro sobre a zanfona que estou organizando para dentro dun mes. Aínda non está presentado ao público pero o encontro está programado para tres días con conferencias, mesas redondas, concertos e comunicacións, entre outras, para dar a coñecer o mundo da zanfona galega. Un dos participantes será Miro Casabella.

En canto á exposición de instrumentos A memoria do son, en que consiste?

Esa exposición atópase no pazo de Xelmírez en Santiago, onde se inaugurou, ata finais do mes de agosto. No mes de setembro imos a estar en Sarria, e despois irase a Sober, Monforte, Cervo, Ribadeo... A exposición son oito instrumentos musicais medievais que representan os diferentes modos de execución dun instrumento, que pode ser con arco, cunha roda, cunha púa e cos dedos, entre outras. Tamén é unha mostra dos diferentes tipos de instrumentos que había na idade media, nos séculos XII e XIII. O estudo fíxose en esculturas en pedra que hai en Galicia: no pórtico da Gloria, no pazo de Xelmírez, no entorno da catedral; pero empregando tamén documentos da igrexa de Portomarín e de San Estevo de Ribas do Miño, é dicir, referencias que temos na provincia de Lugo.

0.1964430809021