Entrevista: "Gústame que chego á galería, monto o arco e desconecto por completo do resto”

LugoXa
Falamos con Ana Villar Fernández unha das arqueiras do Club Escola Lucense de Tiro con Arco sobre este deporte minoritarioa
Tiro Con arco LUgo
25 Mar 2023

Ana Villar Fernández é unha das arqueiras do Club Escola Lucense de Tiro con Arco, falamos con ela sobre como é practicar este deporte minoritario e un pouco descoñecido.

Cando e como entra a formar parte do club?

Dende os seus comezos o club está comprometido coa promoción e difusión do tiro con arco no eido do ensino, visitando colexios e institutos tanto da capital coma da provincia, nunha destas visitas ao instituto de Rábade os meus fillos coñecen o deporte, gustoulles e decidiron empezar. Como consecuencia de levalos a adestrar decido probar un día, gustoume e quedeime. E ata hoxe.

Que é o que máis lle gustou deste deporte?

A min o que máis me gusta é que me axuda unha chea a desconectar de todo, con calquera cousa que teña que ver co traballo ou con algún problema. Chego alí, desconecto e esquézome de todo. Tamén me gusta moito o feito de que te relacionas con moitas persoas diferentes, de idades dispares, desde nenos que empezan con nove ou dez anos ata xente que xa está xubilada. 

Encantoume desde o primeiro momento o ambiente que había, pero sobre todo o feito de que chego á galería, monto o arco e desconecto por completo do resto. Axúdame moito a controlar o estres e a relaxarme.

E a nivel deportivo?

Pois a nivel deportivo desfruto moito o bo ambiente que hai nas competicións, é un ambiente máis relaxado e educado que noutro tipo de deportes, a xente que está nas bancadas é moi respectuosa. As competicións son moi ordenadas e organizadas e a min resúltame moi divertido e desestresante, aínda que esteas a competir. 

O bo que ten o tiro con arco é que non te limita, teñas a idade que teñas podes competir, a idade non inflúe e por tanto é un deporte que podes manter ao longo do tempo. Hai outros deportes onde o desgaste físico acaba por impedirche xogar. Pero no tiro con arco podes seguir competindo ou practicando aínda que teñas setenta anos, os arcos adáptanse á potencia que ti poidas abrir.

Que cre que é o máis difícil de practicar tiro con arco?

Eu creo que o máis difícil é precisamente o que máis nos gusta a todos, aprender a desconectar, que cando te sitúes na liña de tiro sexas capaz de illarte de todo o que está a pasar ao redor e concentrarte só no que vas facer ti, sen importar o que fagan os demais. Eu creo que iso é o máis difícil, desconectar da contorna para que non che inflúa na competición.

Canta xente forma parte do club?

Actualmente temos 50 licenzas cun abanico de idades dende os 6 anos de Hugo ata os 74 de Pepe. Calquera pode vir á escola a aprender a facer tiro con arco e non é necesario dispoñer de ningún material porque o propio club dispón do material e préstao.

En cantas competicións teñen participado este ano?

No ámbito competitivo participamos, con gran éxito, nos torneos de ámbito autonómico de Escolas Deportivas Adarve coma la Liga Adarve de Equipos de Club, no que no ano pasado proclamámonos Subcampións. Por outra banda tamén participamos nos Campeonatos Oficiais da FGTA, sendo que, o pasado 4 de febreiro, vimos de participar no Campeonato Galego de Equipos, no que presentamos un equipo na Clase de Arco Tradicional e dous equipos máis na Clase de Arco Recurvado Olímpico no que nos proclamamos subcampións Galegos.

Como sería unha rutina de adestramento?

Nós o primeiro que facemos é levar un control de temperatura e tensión, despois facemos un quecemento suave e a continuación temos un tempo onde realizamos exercicios de coordinación, por parellas ou grupos. Despois hai uns trinta minutos de exercicio suave asociado ao deporte que practicamos como fortalecer brazos, ombreiros, costas e pernas e a partir de aí o que facemos o resto do adestramento é practicar o tiro. Tamén temos un apartado no que facemos traballo mental para mellorar a concentración e hai un día á semana que facemos un control de tiro.

Que obxectivos teñen para esta tempada?

A nosa tempada vai de outubro a setembro, nós temos dúas etapas diferentes porque no inverno practícase o tiro con arco en sala e a partir dos campionatos galegos, mais ou menos en febreiro ou marzo, empeza a tempada de aire libre. Tírase a distancias totalmente diferentes, en sala é a unha distancia de 18 metros mentres que en aire libre poden ser 30, 70, 90 dependendo da túa categoría e a túa idade.

Nós agora a nivel escola estamos con torneos de escolas de tiro, vimos facendo un ao mes e temos outros catro ou cinco que nos quedan aínda de sala e estamos a espera a ver se podemos comezar a adestrar xa en aire libre porque nos gustaría presentarnos aos galegos. O traballo de cada tempada baséase no que pretendemos facer a tempada seguinte, porque ti agora non podes preparar en dous meses un torneo que se vai a celebrar esta tempada, pero si que podes facer a preparación para a tempada seguinte.

Ten algunha necesidade o club?

O que mais botamos de menos é algo que non hai en Lugo, nin para nós, nin para ningún dos outros clubs de tiro con arco e é un campo de tiro. Non existe ningún campo de tiro con arco onde os clubs teñan acceso para poder adestrar ao aire libre. A galería é pequena, non conta con moito espazo, pero organizámonos e entramos todos, pero non temos ningún campo ao aire libre. É o que mais botamos en falta, a infraestrutura e as axudas, nós estámonos mantendo por nós mesmos e sácanse adiante diferentes proxectos porque os socios axudan e fano de maneira desinteresada.

A nivel persoal de que logro está máis orgullosa?

En 2017 cando quedei subcampioa galega, era o meu primeiro torneo galego ao que ía, non levaba ningún tipo de aspiración e ese téñoo moi gardado. Este último por equipos tamén, foi o primeiro por equipos ao que eu asistín e ademais levaba a capitanía e desfruteino moitísimo, non polo posto no que acabamos senón por todo o que disfrutei durante a competición. 

Gustaríame que a xente entendese que no tiro con arco nin sequera tes porque ir competir, que é unha opción de cada un, por iso gustaríame convidar a todo o mundo a probalo porque é moi bonito e axúdache moito. É un deporte que podes manter no tempo independentemente da idade e que te mantén activo. Eu empecei con 44 anos e evidentemente non ía ir a unhas olimpíadas pero é necesario saír da rutina do traballo e do día ao día e isto é algo que se pode manter no tempo.

Tiro con arco 2
Tiro con arco 3
Tiro con arco 4
0.18509316444397