Lara Méndez: "Gustaríame que todos e cada un dos lucenses se sinta orgulloso da gran cidade que temos"
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo dende o 2015 comenta as estratexias coas que se está a transformar a cidade.
Como é Lugo como Concello?
Eu si teño que utilizar unha palabra diría privilexiado. É unha cidade que unifica o urbano e o rural, na que intentamos optimizar as oportunidades da contorna, dende a riqueza ambiental, paisaxística, patrimonial, histórica, de patrimonio inmaterial, como o San Froilán, o Arde Lucus... Todo isto, nos da unha riqueza moi boa. Pero tamén, hai que ter en conta a cidadanía que conta cun talento excepcional. Este, é outro dos parámetros a ter en conta porque a parte, así o reflicten moitas iniciativas que temos postas en marcha dende o Concello.
Con todas estas características como cidade o que nos permite e, no que estamos a traballar, é a segunda gran transformación da cidade que sempre dividimos en dúas vertentes. Por un lado, a mellora de calidade de vida dos lucenses a través de gañar espazos públicos. Co tema da pandemia nos dimos conta de que era necesario ampliar as zonas de confort dos nosos fogares a toda a cidade e os espazos comúns. A outra vertente é a transformación económica para dar oportunidades. Por moitas condicións boas que teña a cidade, se non hai oportunidades económicas e laborais, a xente ten que marchar.
Cales son os beneficios de Lugo fronte a outros municipios?
Todos os territorios teñen as súas particularidades, as súa costumes e tradicións propias que determinan o comportamento social.
Como dicía, Lugo ten moito talento e a oportunidade de xerar un tecido económico en torno a este e á riqueza natural. Esto é unha oportunidade para impulsar a economía verde. Queremos diversificar un só modelo produtivo nunha cidade moi envorcada no sector servizos. Ademais, vimos que ante unha pandemia este é dos máis afectados e polo tanto, o que queremos é fortalecer, aproveitar esta situación que nos puxo o foco nas debilidades que podíamos ter para potenciar as habilidades innatas que temos e apostar pola economía verde, unha economía circular baseada na competitividade. Isto vai fortalecer o sector servizos e amplialos a base da diversificación económica e diversificación produtiva do noso Concello.
Aí temos un exemplo claro, unha das estratexias que temos en marcha, vinculada a uns fondos dun proxecto pero que é unha estratexia común en tódolos fondos que estamos a desenvolver neste momento. Unha delas é o uso da madeira para a introdución no sector construtivo e creación das vivendas do futuro, do crecemento urbanístico da cidade e, tamén de utilizar os recursos naturais para diversificar a economía. Todo isto da man da universidade, dando ese plus de innovación e I+d+I que é fundamental. Queremos que isto sirva para seguir facendo esas zonas de confort da cidade pero tamén aproveitando a economía verde circular.
Ese é o exemplo máis gráfico que podemos amosar, como potenciamos isto e, como estamos a traballar nesa segunda gran transformación en base a estas estratexias. Proxectos como pode ser a dinamización do sector forestal onde Galicia e, Lugo particularmente, teñen moito que dicir. Queremos ademais, evitar o que pasou coa leite, sendo Lugo a maior produtora de leite, a segunda e terceira transformación non se produce aquí e, polo tanto, o valor engadido non o temos aquí. O que pretendemos é reter ese valor engadido para seguir xerando riqueza e seguir aproveitando un sector como pode ser o primario vinculado á reindustrialización.
Para iso, estamos a poñer en marcha un fondo de capital risco, un fondo de emprendemento de 12 millóns de euros exclusivamente propios, co fin de seguir diversificando ese modelo produtivo da cidade para captar inversións de empresas que estean localizadas noutros lugares e, atraelas a Lugo para fortalecer as existentes e consolidalas. Axudando así a manter ese talento dos novos emprendementos que poden vir da mau da universidade, startups, spinoff e, polo tanto, queremos incrementar o impacto social innovador e medioambiental a través destas estratexias que son xa unha realidade na nosa cidade.
Cal é o maior proxecto que se levou a cabo no Concello dende que goberna?
Eu falaría máis de estratexias. Porque realmente dentro de tódalas estratexias que temos vinculadas aos fondos, que é unha estratexia integral de transformación sostible na nosa cidade, co fin de reforzar tamén a loita contra o cambio climático, ser proactivos, falaría da segunda transformación sostible que estamos a desenvolver na nosa cidade.
Dentro das distintas estratexias, hai moitos proxectos concretos como o uso da madeira como elemento estrutural, a integración do Miño na cidade como elemento vertebrador do territorio e dinamizador da economía, o Lugo transforma para diversificar o modelo produtivo e dentro de cada un deles poderíamos falar doutros proxectos, xa que a integración do Miño na cidade estamos a levala a cabo a través da conectividade, coa pasarela, co paso soterrado, coa peonalización da calzada da Ponte.
A través Do Lugo transforma estamos a realizar a diversificación da economía, atraendo a empresas con impacto social, empresas vinculadas co I+d+I, empresas vinculadas coas enerxías limpas, e polo tanto aproveitar así os recursos que veñen de Europa.
Estaríamos falando que dentro destes proxectos hai moitas actuacións. Son moitos proxectos pero unha única estratexia integral de transformación sostible da cidade.
Que cambiou no goberno local con respecto ao goberno anterior?
Basicamente que hai unha estabilidade orzamentaria que nos permite realizar e levar a cabo as estratexias. Entre o ano 2015-2019 asentamos o proxecto das estratexias e, por iso falamos desa gran segunda transformación, onde naquel mandato acadamos 21 millóns de euros de fondos europeos, antes da entrada dos Next Generation. Lugo xa abandeiraba a importancia dos fondos europeos para implantar a gran transformación da cidade.
Proxectos que se están visualizando agora vinculados coas estratexias e cos fondos municipais propios a través dos orzamentos aprobados. Aquí podemos falar da mellora de parques infantís, da peonalización de Quiroga Ballesteros, ampliación da Praza de Abastos, mellora do cemiterio. Moitas actuacións que xa se fixeron e proxectaron no anterior mandato están a ver a luz neste. A gran diferencia do meu primeiro mandato ao segundo é a estabilidade orzamentaria que permite planificar ano a ano, e acadar así a conclusión dos programas cos que nos presentamos ás eleccións e poder seguir así materializando ese modelo de cidade que xa iniciamos no 2015
Cal é a proxección de futuro para Lugo?
Seguir nesta loita do cambio climático. Evolucionar e ter maior resiliencia como cidade. Diversificar a economía é fundamental para dar oportunidades ao talento, dar oportunidades aos xoves e retelos na cidade, evitando así, que teñan que marchar e buscar oportunidades noutros lugares que os leva a realizar o seu proxecto de vida alí onde encontren as oportunidades.
De que se sinte máis orgullosa do seu mandato?
Podería dicir moitas cousas, proxectos e estratexias pero así como pincelada a proxección que está tendo Lugo no eido nacional e internacional precisamente por ese modelo de cidade.
O modelo de cidade que estamos implantando e esas transformacións. Somos referentes a nivel nacional e internacional, así nolo están recoñecendo e están demandando que vaiamos presentar o deseño da cidade que estamos a executar. Unha proxección que ten Lugo noutros países de Europa e organismos públicos que ao final é o recoñecemento ao traballo que se está a facer.
Cal foi o maior reto nestes seis anos de mandato?
Retos xorden todos os días. A xestión de proximidade. Cando a administración está mais lonxana da veciñanza, os retos quedan máis esvaídos. Os retos aparecen todos os días desde que calquera veciño ao saír a rúa te para e che di cal é o seu problema.
O que me gustaría acadar é esa concienciación local de cidade de primeira porque o somos. Que sexamos conscientes de toda a riqueza que temos, que nos sintamos orgullosos do noso é un reto a parte de apaixonante, é un reto a conseguir para ter unha visión de cidade de primeira. A min me gustaría que todos e cada un dos lucenses se sinta orgulloso da gran cidade que temos.
Como afectou a Covid ao goberno do Concello?
Como a todas as administracións. A nivel organizativo houbo que facer unha reestruturación de prioridades, introducir actuacións que non estaban previstas na folla de ruta e, polo tanto, houbo que facer unha reestruturación de esforzos para poñer a disposición da cidadanía todos os recursos públicos existentes. O primeiro e gran obxectivo era non deixar a ninguén atrás e, poñer o foco nas persoas máis vulnerables ou que, sin selo, se converten en vulnerables ben pola perda de emprego, como por outras circunstancias. Fixemos un esforzo titánico para achegar soporte económico a todas as familias que o necesitaban, un gran esforzo no Fogar do Transeunte, un gran esforzo en combater e paliar axudas de esforzo social e, tamén despois, un gran esforzo para conter, e que ninguén tivera que sufrir a perda do seu emprego ou pechar a porta do seu negocio porque non puidera facerlle fronte aos custos que lle viñan encima, sin ter ningún tipo de ingreso.
Fomos o primeiro concello que anunciou as axudas de cinco millóns de euros, o domingo 15 de marzo do ano 2020, non foron as únicas, viñeron moitas máis actuacións. Creo que si que estivemos á altura das circunstancias e a pesar de non ter a competencia vimos a problemática que se nos viña e estivemos aí. Só con eso quixemos ver as oportunidades que se podían xerar para seguir tendo capacidade de crecemento e emprego, que é unha das mellores políticas sociais que podemos facer.
Como lamentar, a soidade coa que nos vimos, sin ter respaldo da Xunta de Galicia, para facerlle fronte a todas as facturas Covid destes 22 meses. Tampouco de sentarnos a falar para que nos preguntase cales eran as problemáticas que estábamos a detectar e cales eran as complicacións que estábamos a ter para xestionar esta pandemia, polo que esta orfandade pola comunidade autónoma da Xunta, da administración competente en temas tan importantes, como era a sanitaria e social. Non tivemos nin unha soa mostra da súa parte. Ese déficit si que o tivemos e, por iso se cabe, pon máis en valor todo o esforzo que fixemos todas as administracións locais.
Que é o máis difícil da súa profesión?
Non o chamaría profesión, é unha dedicación, vocación, compromiso a un servizo público e, polo tanto, sempre hai dificultades nesa dedicación. Quizais os momentos máis complexos que nos poda suceder é non poder levar a cabo un proxecto ou non poder atender unha reivindicación individual porque como administración temos que pensar no colectivo.
E tamén, a pouca visualización que temos as mulleres nos postos de decisión con capacidade de transformación que hai que poñelo máis en relevancia. Temos conceptos e percepcións distintas e son complementarias e boas. Aí onde estamos gobernando mulleres como o meu caso, ou o da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, vemos que hai outra forma de gobernar e afrontar os problemas que moitas veces son mais prácticos e efectivos. Hai que visualizar o traballo que facemos as mulleres nos cargos de decisión.
Nalgún momento pensou en abandonar?
En ningún. Hai momentos máis duros e difíciles pero eu ante a dificultade tendo a crecer e buscar máis e mellores solucións. É certo que hai momentos complexos pero en abandonar, en ningún momento, porque non me houbera metido aquí. Non son de abandonar ningún proxecto, nin cuestión na que me implico.
Algunha vez sentiu algún tipo de discriminación política polo feito de ser muller?
Toda muller tivemos discriminación polo feito de selas. No ámbito político, no persoal, no laboral, en calquera dos ámbitos en maior ou menor medida, mais sutil ou menos pero, todas as mulleres desgraciadamente sufrimos algún tipo de discriminación, porque non temos unha igualdade real. Polo tanto, temos que traballar por conseguilo.
Como evolucionou o pacto PSOE-BNG? Cales son as claves para un bo entendemento?
Ter clara a folla de ruta. É o que temos claro tanto BNG como o PSOE e, estamos levando con cordialidade e con naturalidade. Somos dous partidos que nos sentamos para pechar un acordo programático, establecer esa folla de ruta para os vindeiros catro anos, baseada na segunda gran transformación, no modelo de cidade que xa tiña implantada no mandato anterior polo que queremos traballar e continuar nesa liña, coas accións programáticas acordadas na folla de ruta que, por certo, estamos a cumplir ben e a bo ritmo grazas á estabilidade orzamentaria que nos permite executar as accións.
Que ofrece Lugo aos seus veciños? Por que debería vivir a xente en Lugo?
Lugo é a mellor cidade do mundo e polo tanto ofrece esa cidade confortable, esa extensión dos noso fogares. Queremos que ofreza oportunidades. Eses son os dous eixos vertebradores de esta segunda gran transformación que está sufrindo Lugo e que, é necesaria para ter esa sensación de sentirnos de primeira, que o somos. Estamos a través de distintas campañas como pode ser Localmente Lucense para que se xere o movemento. Creo que o estamos acadando, nótase na cidadanía, nas conversas cos veciños, os cambios de hábitos, cambio de vida que estamos a percibir.
Lugo ofrece todo, dende unha cidade amable ata unha cidade de oportunidades.
Como definiría a cidade de Lugo e aos seus cidadáns?
Eu creo que é o maior valor que temos, os cidadáns. Sempre que temos oportunidade poñémolos en valor. Para nós é o maior patrimonio de Lugo e non será por falta de patrimonio.
Que é o que máis lle gusta de Lugo?
Lugo. Esa sería a resposta porque me gusta todo e cada cousa que ten a nosa cidade. Se vamos a pormenorizar e falamos de tapeo falaría da Milagrosa, o meu barrio, que é unha zona con tapas riquísimas, elaboradas, abundantes. Se falamos de degustación un bo prato de polbo. Se falamos dun bo paseo, a muralla de Lugo, a zona do Miño e do Rato. Depende do que falemos poderemos concretar.
Como naceu o proxecto Impulsa verde? Que supón para a cidade?
Impulsa verde nace dunha estratexia de fondos europeos dentro dun proxecto Lugo máis biodinámico. É o xerme do que queremos que sexa o primeiro barrio multiecolóxico de España, que nos establece unha folla de ruta de como queremos que crezan as cidades. Un barrio de cero que teña todos os parámetros de confort, medioambiental, accesibilidade, integración... Cidade de proximidade, ese barrio de 15 minutos onde estean todos os servizos ao carón e teñamos todos os elementos sostibles introducidos na vivenda, abaratando custos, aforrando enerxía, sendo menos contaminantes. En definitiva, esa cidade resiliente na que estamos a traballar.
Ese proxecto de Lugo mais biodinámico onde está incluído o edificio Impulsa verde, potencia a madeira como elemento de construción para utilizar os recursos naturais, diversificar a economía dentro da economía verde, dun produto que temos ao lado da casa. Por eso, ese proxecto tamén ten unha reforestación, que xa fixemos, de 21 hectáreas onde queremos implementar os bosques urbanos. Que o bosque forme parte deses barrios. Témolo implementado entre dous polígonos industriais que a súa vez aminora o impacto contaminante e permite ter a industria utilizando outros elementos para combatelo
O Impulsa verde nace porque temos claro o que queremos construír e cara onde queremos chegar. Coas distintas estratexias estamos a acadar a segunda gran transformación para facer a cidade amable, integradora, dende o ámbito xeracional, social económico.
Cando veremos finalizado o derribo do Garañon?
No ano 2022. A idea é que no transcurso do 2022 se derribe e poidamos seguir ampliando a zona verde e conectando o río coa cidade. Queremos introducir ese elemento vertebrador, que é o río, como un elemento activo, vivo da nosa cidade.
O patrimonio da Muralla é un patrimonio vivo que forma parte dos lucenses onde os veciños desfrutan dela, paseando, correndo, etc. Isto é o que queremos facer e conseguir no río. Nesa conectividade que estamos a traballar en distintas zonas, queremos que os terreos que hoxe alberga o Garañón se convertan nunha gran zona verde para darlle continuidade a esa zona.
Hai varias obras moi esperadas polos lucenses como a praia fluvial, a pasarela de San Roque... Cando se porán en marcha?
Outro dos fitos destes mandatos dende que eu cheguei á alcaldía é tamén paliar débedas históricas.
Por un lado, poder entregar ás familias da Croa as súas vivendas. Levan máis de 26 anos esperando polas escrituras das vivendas. Outra sería a eliminación da pasarela de San Roque que xa está en execución e, polo tanto, para nós é moi importante porque está entre dous patrimonios da humanidade e é un nó da conectividade peonil e de tránsito rodado e queremos que sexa seguro e visualmente ornamental, dado que está entre dous enclaves. Naceu a súa construción fai 30 anos como algo provisional. Esta é outra débeda histórica que xa está en execución.
A zona de baño pública, é certo que foi un periplo polas cuestións administrativas. A día de hoxe, xa é unha realidade. Xa se iniciou o proxecto de licitación e no 2022 teremos esa zona de baño pública para o use e desfrute de tódolos veciños e veciñas.
Poderíamos falar da humanización e desdobramento da avenida Infanta Helena que é moi necesario. Primeiramente, como arteria non só de entrada á cidade, que tamén, senón como elemento distribuidor do tráfico para evitar que estean conxestionadas as zonas máis urbanas, como pode ser a avenida da Coruña. Búscase poder proxectar un corredor verde e outros proxectos que nos van a permitir seguir deseñando esa cidade verde, sostible e pensada para as persoas.
Esto demostra que este goberno cumpre, marcamos unha folla de ruta. Aínda que é certo que algúns proxectos son complexos dende un punto de vista lexislativo e administrativo, tardaremos un pouco máis ou menos pero acadamos a conclusión desas débedas históricas e proxectos novos, como a calzada da ponte e o paso soterrado, que a pesar de levar 3 ou 4 anos cos proxectos, expedientes e permisos, finalmente se materializan e contribúen a seguir transformando a cidade de Lugo.
Naceu en Suiza, actualmente ten algunha relación con este país?
Non, vivín moi de nena e con catro aniños. Teño recordos moi vagos da miña etapa na que vivín en Suíza. Non é un tema do que falaramos e añoraramos na casa. Nunca perdemos a seña de identidade que moitos emigrantes perden ao sentirse identificados no pais residente. No noso caso non, somos dos emigrantes retornados e podemos estar na nosa Galicia natal na que nos sentimos orgullosos e onde estamos satisfeitos de poder seguir desenvolvendo os proxectos de vida na nosa contorna.
Estudou Enxeñaría Técnica Agrícola sírvelle como base para tomar algunha decisión ou facer actividades no Concello?
Eu creo que si, evidentemente teño esa compoñente rural e arraigo ao sector primario, teño esa visión de conciliar o ser unha cidade de vangarda, con capacidade de crecemento e oportunidades económicas. Como se pode ver o vinculo moito ao sector primario, as novas tecnoloxías para ser esa cidade sostible, verde. Esa compoñente profesional onde realicei as labores preto de 10 anos si que me da ese sesgo e visión polo que moitos dos proxectos e deseño da cidade teñen esa compoñente de Enxeñeira Técnica Agrícola.
Como se iniciou no mundo da política?
Inicieime nas xuventudes socialistas coa rebeldía propia da idade e a idea de querer cambiar o mundo e, con esa idea sigo. O mundo cámbiase a través das transformacións que é o que estamos realizando.
Estábamos nunha situación de pérdida da alcaldía naquel intre e, como defensora de causas perdidas, decidín que era o momento de implicarse de forma máis activa. A inquietude de querer cambiar, aportar e sumar o tiven sempre alí onde estiven, en distintas asociacións culturais, deportivas ou dende o punto de vista profesional. Tiven a oportunidade de traballar como técnica cunha asociación de desenvolvemento rural onde xestionábamos tamén fondos europeos para a transformación da sociedade a través do rural e, polo tanto, esa inquietude que un ten se materializa dando un paso adiante. No meu caso foi nas xuventudes socialistas, con ese ímpetu que caracteriza aos xoves que é o que fai que movan utopías e que algunha utopía se converta en realidade.
Que fai no seu tempo libre?
Que é iso do tempo libre? O pouco tempo libre que teño dedícoo a miña familia, a miña pequena, a intentar desfrutar con ela. A lernos un libro mutuamente, ir ao cine, ter unha conversa. A veces algo que pode resultar tan banal por ser cotián, no meu caso, se complica. O feito de poder sentarnos as dúas e manter unha conversa convértese no meu tempo libre e desfrute.
Que propósitos persoais ten de cara ao 2022?
Seguiría na mesma liña do anterior, intentar desfrutar máis da familia e dos pequenos momentos. A situación pandémica evidenciou que hai que desfrutar da comida, da sobremesa, do paseo, sentarse nunha terraza cuns amigos a tomar un café... Polo que, os propósitos persoais serán que o pouco tempo do que dispoño poida desfrutalo con familia e amigos.
Ten algún soño por cumprir?
Soños temos todos. Son unha persoa que me gusta moito viaxar e tiven a oportunidade de facelo a través dun grupo folclórico no que estiven 19 anos e, polo tanto, de convivir con outras culturas e outras persoas favorecendo ese crecemento persoal. Boto de menos eses viaxes nos que me gusta calear, perderme polas rúas... eso é unha das cousas que quero seguir facendo cando dispoña de máis tempo.
Cal é o mellor recordo da súa vida política? E persoal?
Máis que falar de recordo, porque sería un momento, a maior satisfacción como política é ter a capacidade de transformación da sociedade e mellorar a vida dos veciños e veciñas. Ese é o gran obxectivo e, polo tanto, ese é o gran recordo. Momentos habería moitos, momentos transformadores que sería moi complicado falar dalgún recordo concreto. O feito de ser alcaldesa de Lugo permíteme facer esa transformación e visualizala. Para min é un orgullo ser alcaldesa de Lugo é unha gran satisfacción, gran responsabilidade tamén. Pero isto, permíteme transformar a cidade e visualizalo.
Dende o ámbito persoal, un tópico a chegada ao mundo da miña pequena. Supuxo un antes e un despois porque cambian as prioridades e o foco de prioridade se visualiza nos nosos fillos. Este é un fito na miña vida e o momento máis especial persoalmente falando.