Irene Pin, guionista: "Á rapazada chámalle a atención o formato interactivo e a ciencia ficción"

LugoXa
Entrevista a Irene Pin guionista y directora originaria de Lugo. Estuvo de gira con su último proyecto Amnesia 3.0.
Irene_2_sinatura_Paula-Cermeño
13 Mar 2022

Irene Pin, nada en 1995 en Lugo, é unha directora, realizadora, poeta, música e investigadora galega.

Estudou Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela e especializouse en estudos da literatura e da cultura. Os seus traballos audiovisuais enmárcanse no ámbito do cinema experimental, da videocreación e do documental, enfocados desde unha perspectiva ecofeminista. Como poeta ten colaborado na revista Grial e como música é a baixista do grupo Poesía Canalla.

Quen é Irene Pin?
Eu tendo a dicir que son fervellasverzas, porque me gusta facer cousas moi distintas.

A que se adica?
Agora mesmo traballo nunha cooperativa de produción audiovisual que se chama Aqueladas. É un proxecto novo, moi ilusionante, que intenta explorar as posibilidades do audiovisual no eido dixital e facer narrativas interactivas e transmedia.

De onde vén a paixón polas diferentes artes cine, música, poesía...?
Non sei, creo que sempre me atraeron como unha maneira de expresar sentimentos ou inquedanzas. A primeira foi a poesía, para min era unha forma de autocoñecemento.

Cal de todas as facetas é a súa favorita?
Non podería dicir... cada cousa é para un momento diferente.

En que proxecto está a traballar na actualidade?
Estou co guión dunha longametraxe, Terás que saltar. Xa teño unha primeira versión, pero aínda quedan moitas voltas que darlle. Tamén ando, xunto a Dena Parro, intentando sacar adiante unha curtametraxe sobre o aborto: 3 minutos e 3 días.

É fácil adicarse ao mundo do cine?
Non, non o creo, pero eu tampouco considero que me dedique exactamente ao mundo do cinema.

Antes de rematar a carreira universitaria xa se lle outorgou un premio no curtocircuito do 2015 por Condición 5 este foi o primeiro recoñecemento polo seu traballo audiovisual? Como acolleu a nova?
Con sorpresa. Foi un premio compartido con Iria Iglesias e Natalia Porca, dúas compañeiras de estudos, nunha sección específica para alumnado da USC. Creo que ás tres nos fixo moita ilusión.

Como afectou a Covid-19 ao seu traballo?
Retrasou bastante a estrea e o percorrido de Amnesia 3.0, no que estaba traballando daquela. E logo, como en todo, tivemos que adaptar a maneira de traballar aos protocolos Covid, o que para este tipo de traballo, a nivel tan pequeno, nalgúns casos é complicado.

Que é o máis descoñecido deste campo? Que foi o que máis lle sorprendeu á hora de profesionalizarse e que esta sexa unha fonte de ingresos?
Supoño que o máis descoñecido para a xente que non está familiarizada co sector son todos os procesos que hai detrás, todo o tempo e toda a xente que fai falla para desenvolver un proxecto, desde a idea ata a distribución. Para min, do meu traballo, o que máis me está sorprendendo é o ben que me estou levando con iso de facer orzamentos, que é algo que sempre me deu bastante medo.

Cal é o traballo que presentou máis dificultades á hora de levalo a cabo?
Creo que o traballo máis difícil que fixemos foi Amnesia 3.0. É unha webserie interactiva, na que o público pode escoller desde a perspectiva desde a que vai vendo a historia cando as personaxes se cruzan. Armar a infraestrutura para facer iso posible é complicado, require moito tempo, moitas voltas da cabeza, moitos esquemas... E atreverse a intentalo tamén.

Como é o proceso de creación dunha das súas obras?
Creo que cada obra é diferente. Cando escribo guións de ficción normalmente véñenme á cabeza un par de secuencias que polo que sexa me interesan ou me atrapan. Escríboas así ao tolo, sen pensar demasiado. A partir de aí intento esbozar unha mínima sinopse na que isto encaixe e logo facer unha escaletas de maneira máis ordenada, porque ao principio son un pouco caótica. Pero é nese caos onde me sinto máis cómoda.

As súas primeiras obras foron documental e unha das máis recentes Amnesia 3.0 unha serie de ficción. Cal é o seu xénero favorito? Se tivera que elixir un xénero cal sería?
Entre a ficción e o documental non podería escoller. Ambos son ferramentas poderosas para contar historias e facer pensar.

Recentemente realizou unha xira polos centros educativos da provincia para dar a coñecer o seu traballo. Cal foi a recepción do público?
Estiven coa versión interactiva de Amnesia 3.0 en varios centros e a acollida foi sempre moi boa. Á rapazada chámalle a atención o formato interactivo e o xénero da ciencia ficción, queda bastante impresionada con que se estean a facer estas cousas aquí e non se coñezan. O que máis me alegra é cando che pregunta: “Non hai máis?”, porque quedan coas ganas de explorar o resto da historia, a das eleccións que non tomaron. Ademais, como curiosidade, para min é moi interesante ver como hai padróns de escolla que se repiten.

Que consello lle daría a unha persoa que se quere adicar ao mundo do cine e audiovisual?
Eu non son ninguén para dar consellos, pero se tivese que dicir algo... Que non perda a ilusión, é un combustible necesario.

Recorda cal foi a súa mellor experiencia no ámbito audiovisual?
Non sei se a mellor, pero foi moi emocionante gañar o premio a desenvolvemento de proxecto no Carballo Interplay. Para min, que viña dunha época de desencanto co audiovisual, supuxo sentir que era capaz de sacar adiante proxectos.

Maior dificultade a que se enfrontou nun proxecto?
Darme conta de que o que estaba facendo mal. O meu traballo de final de grao foi un documental con Begoña F. Ferreiro que filmamos en Grecia entre 2016 e 2017. Queriamos retratar a vida cotiá nun campamento de persoas refuxiadas e comezamos a traballar nun, en Sinatex, como voluntarias. Ademais diso, aos poucos intentabamos gravar. Nós tiñamos unha idea do que queriamos facer, pero non eramos capaces, sabiamos que as persoas non se sentían cómodas coa presenza da cámara, sentiamos como se lles roubaramos algo. Tras varios meses, ao final da rodaxe, Arshman, un refuxiado iraniano, pediunos permiso para coller a cámara. Filmounos a nós nunha entrevista na que cuestionaba a nosa capacidade para contar algo que non entendiamos, que non vivíramos. Pasar por iso foi complicado, e vernos despois tamén. Enfrontarse a ese material, que ao final se converteu no fío, na columna vertebral do documental, creo que foi unha das cousas máis difíciles coas que lidei nun proxecto. Pero era necesario expoñerse para o que queriamos contar.

Película e serie favorita?
Nunca sei que responder a isto. A serie téñoa clara: Utopia, a orixinal. O filme... non sei se podo dicir que sexa o meu favorito, pero The wind that shakes the barley foi o que me fixo querer estudar audiovisuais, así que téñolle cariño.

Existen as musas da inspiración?
Eu nunca as vin.

Próximos eventos ou actividades?
A finais de febreiro estaremos con Amnesia 3.0 en Madrid e durante o mes de marzo temos varias proxeccións programadas en centro de ensino da Coruña.

0.15699791908264