Jacobo Gómez, de ADC Sagrado Corazón: "En total temos 125 deportistas en 7 categorías"
Entrevista a Jacobo Gómez Presidente do ADC Sagrado Corazón.
Como naceu o club?
É un club que coñezo porque me criei no barrio do Sagrado Corazón e no cal de pequeño tamén fun xogador. Foi creado como un club de barrio para acoller as necesidades da zona e para que a xente practicara deporte. Naceu no ano 1965 e na súa historia houbo xogadores que debutaron no club e que chegaron incluso ao fútbol profesional.
Dende hai uns anos, o club está centrado no traballo de base, na canteira. Desde a categoría biberón ata a xuvenil. No club, principalmente, temos moitos rapaces, nenos e nenas do Sagrado Corazón, Paradai, As Gándaras, pero tamén do resto de barrios da cidade e incluso de Portomarín.
Como sobrevive un club destas características?
Somos un club pero tamén somos unha empresa porque todos os nosos adestradores están contratados e queremos dignificar e darlle o valor que teñen os adestradores como unha profesión máis. Sobrevivimos e cuadramos os nosos orzamentos a través das cotas que aportan os familiares dos xogadores, pero tamén co apoio das institucións e as empresas colaboradoras. Contamos con dez empresas que patrocinan e colaboran co club.
Que deportes ofrece?
Fútbol base desde os 4 ata os 18 anos. Desde a categoría biberón ata xuvenil.
Tedes pensado ampliar a oferta de deportes ou de idade?
Si que é verdade que no pasado este club sempre tivo unha categoría senior xogando en categorías autonómicas e, fai uns sete anos, tomouse a decisión de non seguir co equipo senior xa que carrexaba moito gasto para o club. Decidiuse desfacer esa categoría para reunir todos os esforzos na canteira e ofrecer servizos materiais e de traballo para mellorar a estrutura da canteira. Algún día gustaríanos retomar a categoría senior pero sabemos que é unha categoría custosa que carrexaría máis patrocinios.
Como se presenta esta tempada?
As tempadas deportivas comezan en agosto coas pretemporadas en fútbol-11. A partir de aí o fútbol-8 soe empezar en setembro. Estas tempadas van moi ligadas aos cursos escolares. Son case 10 meses de temporada deportiva e xogan competicións oficiais e a maiores os torneos, dous que organizamos nós e outros que nos ofrecen diversos clubs. Isto supón unha cantidade importante de partidos ao ano.
Cales son os obxectivos a conseguir este ano?
Somos un club humilde e que intenta facer ben as cousas. Os nosos obxectivos son a formación tanto do deportista como da persoa. Insistimos moito nisto, temos un gran contacto coa familia. Temos unha estrutura importante de adestradores cun responsable e coordinador deportivo á cabeza, e tamén recuperador de lesionados, preparador físico, preparador de porteiros, etc. Isto da soporte ao noso obxectivo que é a formación dos rapaces nos distintos ámbitos. Ademais, traballamos en que as familias estean a gusto no club e que os nenos desfruten do deporte, dos adestramentos e dos partidos.
Cales son os valores fundamentais do club?
Nós fomentamos sobre todo o compañeirismo. O deporte posúe moitos valores e queremos que todos os nosos xogadores e xogadoras aprendan deles e para iso queremos ter aos mellores recursos de adestradores posibles. Intentamos sempre que todos os xéneros que conforman a sociedade poidan formar parte do club. Temos todo tipo de familias e todos teñen cabida. Facendo especial fincapé en que non haxa discriminación por sexo, relixión, etc.
Cal é o maior logro do club?
Cando había categoría senior chegaron a estar en categoría preferente. Somos un club de formación que non se centra nos logros senón na base da vida deportiva dos rapaces. Por iso tamén impulsamos saltos que melloran este aspecto, cedendo aos xogadores cando outros clubs como o CD Lugo se fixan neles.
Cal é o maior desafío ao que se enfrontou o club?
Dende que eu entrei na Directiva hai sete anos creo que o maior obstáculo foi a pandemia, un reto moi complicado, houbo que tomar moitas medidas e precaucións. Isto materializouse con moita preparación. Nós paramos a actividade a comezos daquel marzo de 2020 e co paso dos meses e seguindo as indicacións das autoridades fomos retomando a mesma, intentando ser unha actividade segura na que as familias responderon moi ben e sempre se comunicaron moi ben co club e os adestradores.
Cantos deportistas ten na actualidade?
125 deportistas divididos nas diferente categorías. Temos 7 equipos en competición.
Que actividades realiza a maiores dos adestramentos e competicións?
Facemos dous torneos, o de verán que está adicado ás categorías infantil, cadete e xuvenil (12 a 18 anos) e logo de 4 a 11 anos (biberón, prebenxamín, benxamín e alevín) co noso Torneo de Semana Santa.
O Torneo de verán foi a 12ª edición e sole ser en pretemporada, na primeira fin de semana de setembro e veñen equipos de Lugo e A Coruña. O Torneo de Semana Santa naceu despois de ver que na cidade non había torneos de fútbol base nesa época do ano. Así, no 2019 fixemos a primeira edición e agora retomamos a actividade. Tivo lugar os pasados 11 e 12 de abril. A verdade é que tivo un gran éxito de participación, pasaron por Lugo arredor de 600 xogadores e xogadoras do mellor de Galicia.
Tamén levamos a cabo accións sociais, en decembro solemos facer recollida de alimentos e xoguetes a favor de asociacións lucenses para repartir entre a xente máis desfavorecida da cidade. Antes da chegada da Covid tamén celebrábamos unha festa de nadal e realizábamos a presentación do club a principio de temporada coas familias.
Temos en mente facer máis actividades sociais para chegar aos diferentes colectivos da sociedade e así fomentar o deporte e chegar a todos eles.
Como chegou a dirixir o club?
Levo toda a miña vida ligado ao deporte, estiven no Azkar Lugo Futbol Sala durante máis de 11 anos como Xefe de comunicación e no 2015 dende a ADC Sagrado Corazón pedíronme axuda para levar o tema de redes sociais, a páxina web, organización de eventos e dalgún xeito entrar na Directiva desta entidade. Nesta última época a Directiva e o seu Presidente, Jesús Pereira, quixeron dar un relevo xeracional e asumín a presidencia.
Actualmente estou colaborando no club con todo o que podo aportar, estou contento porque é o club do meu barrio, crieime no Sagrado Corazón e é unha honra poder ser parte do proxecto. É fundamental a directiva actual pero tamén o foi xente importante que pasou polo club recentemente nos últimos quince anos coma foron Castro, Jesús Pereira, José Ferreiro, José Flores e moitos e moitos máis xa que non deixaron en ningún momento morrer o club e fixeron cousas moi importantes polo mesmo. Agora o mundo do deporte cambiou, o de base tamén, e como decía ao comezo somos clubs pero tamén somos empresas e como tal debemos ser responsables con todo o que conleva.
A Directiva actual sufriu unha modificación e a min tócame estar ao fronte pero ao final toda a Xunta Directiva son os que aportan as ideas e poñen as bases do club para que os nenos e familias estean contentos e desfruten do deporte.
Gustaríame aproveitar esta oportunidade para agradecer a todos patrocinadores e á xente que colabora co club. O obxectivo e ter unhas boas bases, que as familias estean contentas e teñan sentimento de club e de pertenza ao mesmo. Sempre na toma de decisións podemos acertar ou errar, pero o único obxectivo e formas persoas e deportistas coas mellores prestacións posibles e para iso estamos os Directivos, para acadar os recursos económicos e materiais necesario e así acadar os obxectivos plantexados e por riba de todo que este club que ten máis de 60 anos de historia siga moi vivo.