Entrevista Luís García Santalla: "A miña motivación é contribuir á mellora do benestar social"
Falamos con Luís García Santalla, presidente da Fundación CEL
Que é a CEL? De que se encarga?
En primeiro lugar, debemos diferenciar entre a CEL (Confederación de Empresarios de Lugo) e a Fundación CEL Iniciativas por Lugo. A CEL é una organización empresarial multisectorial, nada no ano 1977 ao amparo da lei que permitía a libre asociación sindical e empresarial, e que dende entón aglutina ás asociacións empresariais e empresarios da provincia de Lugo que libremente queren pertencer a ela con obxecto de defender os seus intereses empresariais e tamén promover o desenvolvemento do tecido empresarial da provincia de Lugo, así como o desenvolvemento social e económico da provincia.
No marco deste segundo obxectivo, a propia CEL promove no ano 1997, xunto con outras empresas e entidades, a creación da Fundación CEL cun obxectivo máis concreto, o de apoiar aos emprendedores cando dan os seus primeiros pasos, favorecendo así o fortalecemento do noso tecido empresarial e contribuido a xerar emprego e riqueza no noso entorno.
Digamos que a Fundación CEL é o “brazo de Responsabilidade Social Corporativa” da CEL, a través do que apoiamos, con distintos servizos, programas e liñas de traballo, a creación e consolidación de novas empresas en Lugo.
Canto tempo leva funcionando?
Pois como indicaba na pregunta anterior, a Fundación CEL nace no ano 1997, concretamente no mes de xaneiro, así que xusto este ano facemos 25 anos de historia.
Como naceu esta iniciativa?
No marco do compromiso social da Confederación de Empresarios de Lugo e doutras entidades asociativas e empresas que tamén forman parte dela, nesa liña de traballo de incentivar o desenvolvemento económico e social do noso entorno, no noso caso en concreto amparando a creación de novas empresas en Lugo.
Que ofrece aos empresarios?
A CEL unha comunidade para a defensa dos seus intereses empresariais e a proposta de iniciativas propias para a provincia de Lugo, ao tempo que forma parte da confederación galega e da CEOE, co fin último de proporcionar sostén ó empresario e á empresa e tendo en conta que é dende ésta dende a que se xera riqueza no noso país. Nesta liña a CEL representa e apoia os intereses das empresas de Lugo ante outros axentes sociais e entidades, ao tempo que presta servizos concretos de asesoramento xurídico, laboral, fiscal, en materia de axudas… que lles son de utilidade.
Pola súa banda a Fundación CEL, que ten o obxectivo específico de apoiar as empresas que están empezando, proporciona todo un abano de servizos que tratan de favorecer a supervivencia de novas ideas empresariais e iniciativas, pois é cando dan os seus primeiros pasos cando as empresas presentan máis dificultades.
Que é o que máis demandan as empresas?
No caso das que están empezando, que son coas que traballamos na Fundación CEL, servizos de asesoramento inicial para a posta en marcha, información de apoios e axudas públicas, formación en xestión empresarial.
Hoxe día, ademáis, o ecosistema de apoio aos emprendedores é moito máis complexo, inclúe entidades como a nosa que iniciaron a súa actividade con servicios de asesoramento básico e o programa de viveiro de empresas, e tamén aceleradoras, que inclúen programas de apoio máis intensivo que suman a participación de diferentes entidades públicas e privadas e ofertan dende actividades de formación e networking a financiamento e inversión en novos proxectos empresariais.
A Fundación CEL formou parte nos últimos anos, de distinto xeito, de dúas aceleradoras promovidas pola Xunta de Galicia, entroutras entidades, ViaGalicia e BFAero. O amplo marco de apoio para a consolidación e despegue que ofrecen estas aceleradoras tamén é moi valorado polos emprendedores usuarios da Fundación CEL. Asemade fúmonos especializando e integrando e novas redes de traballo relacionadas coa innovación ou as cooperativas, como a Rede Eusumo, da que somos centro de referencia en Lugo para o asesoramento a novos proxectos de economía social.
Como se acolleu a recente nomenclatura como mellor viveiro de empresas de España?
Con satisfacción, evidentemente, porque é un respaldo a un traballo de moitos anos xa, que implica a todo o equipo humano da Fundación CEL, pero que tamén é un recoñecemento ás entidades e empresas que apoian esta labor de compromiso cos novos empresarios. Un recoñecemento que non é o primeiro, xa que aínda sí que é a primeira vez que nos sitúan de primeiros na tabla, o viveiro de empresas da Fundación CEL xa apareceu en edición anteriores deste informe nos primeiros postos do ranking tanto nacional como autonómico. E tamén unha responsabilidade, para continuar prestando este servizo á sociedade da mellor maneira posible dende Lugo.
A que se cree que se debe este nomeamento?
Como xa decía, a un traballo de anos, sostido no tempo, e que implica a moitas persoas e entidades. Pero tamén quizáis no caso do noso viveiro esa boa posición no ranking nacional se deba a que neste estudo de FUNCAS se valora moi especialmente dos viveiros de empresas que non sexan soamente catro paredes e mobiliario para que os emprendedores monten unha oficina, senón que ofrezan servizos adicoinais como acordos de colaboración con outras empresas e entidades, servizos de asesoramento, apoio para conseguir financiamento, posibilidade de networking, entre outros, aspectos nos que a Fundación CEL destaca.
Cantas empresas forman parte da entidade?
Se se refiere ao número de empresas que deron os seus primeiros pasos a través do programa de viveiros recoñecido por FUNCAS, ao longo dos anos naceron connosco xa preto dun centenar de empresas que xeraron máis de 600 postos de traballo directos. A esta actividade teríamos que sumar toda a que facemos de asesoramento a emprendedores que non chegan a ubicarse nos viveiros, a interesados en economía social a través da Rede Eusumo e, por suposto, o que facemos colaborando con aceleradoras como ViaGalicia ou BFAero.
Que hai que facer para formar parte da CEL?
Calquera que teña unha empresa ubicada en Lugo pode formar parte a CEL. A través da súa web www.cel.es ou chamando á entidade no 982231150. Pola súa banda, os emprendedores que precisen asesoramento poden dirixirse á web da Fundación CEL, www.fundacioncel.org ou ao teléfono 982284150 e solicitar cita.
Que beneficios ten formar parte da CEL?
Como xa comentaba en respostas anteriores, no caso da CEL pertender a unha entidade que representa ante a Administración e outros axentes sociais os intereses dos empresarios de Lugo, pero que tamén presta diferentes servicios de información e asesoramento de utilidade para o día a día dunha empresa. No caso da Fundación CEL, a nosa ollada diríxese aos emprendedores, aos que empezan cunha idea empresarial, aos futuros emprendedores: a eles proporcionámoslles espacio físico para empezar, asesoramento nos trámites de constitución, formación, información sobre axudas, acceso a outros programas de aceleración e un longo etcétera de apoios.
Como afectou a Covid á actividade que realiza a CEL?
Moitísimo. Tanto a CEL como a Fundación CEL tiveron que adaptarse con total rapidez as novas normativas que ían xurdindo, ao teletraballo e a atender ás empresas e emprendedores coa maior celeridade e eficiencia posible. Foi un reto resolto que nos ensinou novas ferramentas e fórmulas de traballo que quedan incorporadas ao día a día.
Houbo unha tendencia á baixa con respecto ao emprendemento por mor da Covid ou xa se está recuperando a actividade?
Sí, evidentemente os dous anos de maior impacto da pandemia, 2020 e 2021, vivimos un frenazo da economía a todos os niveis coa conseguinte destrucción de empresas e, dado o altísimo nivel de incerteza, unha menor tendencia a emprender ou incluso o retraso en proxectos que se ían iniciar neses intres. Cremos que sí, que 2022 será xa un ano no que a actividade emprendedora empecé a normalizarse.
Como chegou a ser o presidente da Fundación CEL?
No ano 2008 propuxéronme dende a CEL esta tarefa e aceptei, porque a labor da Fundación CEL, do lado de novos talentos e de emprendedores, é sen dúbida moi satisfactoria.
Cal foi a situación máis complicada á que se tivo que afrontar como presidente da Fundación CEL?
Pois tanto a crise do 2008 como a crise do COVID19 que aínda estamos superando foron momentos difíciles, para todos en realidade. Para as empresas e para as entidades como a nosa. Pero despois da tempestade sempre ven a calma e hai que confiar en que as crises dan paso a novas oportunidades, como así está sendo.
E a máis gratificante?
Sen dúbida ver como empresas que tivemos ocasión de tutelar como Patatotas, Innolact, o Colexio Galén, Multisports Galicia, Pazo de Orbán, Grupo Agroamb… e un longo etcétera sobreviven ao longo do tempo e siguen xerando riqueza e emprego en Lugo. E tamén como van xurdindo outras (Legalmit, Innogando, Miramar Cruises, 3edata…) con moita forza e con grandes perspectivas de futuro e éxito. E que a Fundación CEL siga medrando a través de iniciativas como a Business Factory Auto, que fai a Lugo provincia punteira na atracción de talento e emprendedores nun sector tan especializado como é o aeronáutico.
Cal é a súa motivación para asumir o cargo de presidente?
Contribuir dalgún xeito á mellora do benestar social a través do apoio á creación de empresas dende a provincia de Lugo.