Maite Ferreiro: "Lugo ten moitas posibilidades, podemos sentirnos orgullosos da cidade que temos"
O turismo en Lugo vai en aumento nos últimos anos. E é que as numerosas atraccións turísticas e a oferta cultural conseguen sorprender aos viaxeiros que chegan á cidade. O Goberno local aposta por impulsar un turismo de calidade que decida pasar máis dun día en Lugo. Falamos con Maite Ferreiro, titular da concellería de Turismo en Lugo e que explica as claves do aumento de viaxeiros na capital.
Nos últimos anos houbo un aumento do turismo na capital, que fai o Concello para favorecelo?
É un pouco o resultado de dúas situacións. Unha que, despois da pandemia, a maioría das persoas temos ganas de saír e poder recuperar esas viaxes. E outra, a campaña que levamos a cabo, nos últimos anos dende a área de Turismo, de centrar a Lugo nese punto quilométrico, Lugo Km100, onde animamos a todas as persoas que veñan a Lugo e, dende aquí, se desvíen a outros puntos turísticos importantes da provincia como pode ser a Ribeira Sacra, a Mariña, os Ancares ou, incluso, outras cidades galegas como Compostela.
E, despois, ter actividades culturais para atraer ese turismo de calidade, de cercanía, ao que axuda tamén esta nova cidade: no sentido de que haxa moitas zonas peonís, onde se poida pasear e donde se poida visitar con tranquilidade, andando, todo o noso patrimonio.
Intentamos promocionar tanto o Patrimonio arqueolóxico, ambiental... En fin, un conxunto de accións que eu creo que levan a Lugo polo bo camiño na promoción do turismo.
Que turismo é o que chega maioritariamente a Lugo?
A parte dos peregrinos, que veñen cunha finalidade relixiosa, pero tamén se interesan polo cultural e o patrimonial; está chegando un turismo moi variado e diverso, das grandes cidades, Madrid, Barcelona, País Vasco... E volvemos recuperar ese turismo de interior de Galicia, onde Lugo sempre foi esa cidade descoñecida e que está sendo unha sorpresa para todas esas persoas que se achegan e non coñecían a marabillosa cidade que temos con tres patrimonios da humanidade, esa gastronomía tan importante, de produtos de cercanía...
Eu creo que estamos recibindo, segundo os datos que temos, un turismo máis cercano da xente que non quere desprazarse moito. Motivado tamén pola pandemia, xa que non se podían planificar moitos viaxes, nin con moito tempo de antelación, entón, Lugo acolleu ese turismo de cercanía que a nós nos parece moi interesante.
E no estranxeiro, vese interese por Lugo?
Estase retomando este turismo. O que sorprende aos turistas de fóra é que unha cidade tan pequena como Lugo, e tan descoñecida, teña ese patrimonio tan importante e, despois, lugares de visitar como poden ser todas as salas museísticas como a Casa dos Mosaicos, o Porta Miñá ou o de San Roque.
O Vello Cárcere é un dos lugares que máis sorprende, que máis chama a atención, non só pola súa historia senón pola reconversión que se fixo e que sexa un centro de actividades culturais onde hai exposicións continuas moi diversas.
Temos tamén un aumento de visitantes no MIHL con exposicións que tivemos adicadas aos xoguetes, ao playmobil... Sobre todo, dedicadas a un turismo de familias, atractivas para nenos e nenas.
Cre que os lucenses valoran, realmente, o patrimonio cultural e histórico que ten a cidade?
Eu creo que si que o valoran. O que pasa é que a xente de Lugo tiñamos esa idea de que a cidade de Lugo non era atractiva para os visitantes. Víamola como unha cidade escura, onde non había nada. Eu creo que o feito de empezar a visibilizar que teña tres Patrimonios da Humanidade, cando a xente chega e ve esa marabillosa Muralla, única no mundo, eses cambios da cidade a zonas peonís, lugares onde antes eran coches agora hai actividades culturais... Están descubrindo que Lugo ten moitísimas posibilidades que podemos sentirnos orgullosos da nosa cidade que, malia ser pequena, ten moito que ofrecer. Calquera persoa que veña a Lugo sorpréndese coa cidade e iso é bo para subir esa autoestima que moitas veces nos falta a quen vive e é de Lugo.
O pasado romano pesa moito pero que mais se pode visitar en Lugo?
Temos moito atractivo para un turismo cultural. Podemos ver toda a historia da zona cidade, tanto no museo provincial, onde se organizan actividades, temos as exposicións do Vello Cárcere, as salas museísticas. E logo temos o propio paseo pola cidade, onde podes ver os monumentos, a Muralla, patrimonio da humanidade; esas fiestras arqueolóxicas e, mesmo, esa contorna do casco histórico que, o único que afea o lugar é a falta de rehabilitación da zona da Tinería. Esperamos que a Xunta se implique, sería algo marabilloso para poder visitar ese Lugo, paseando tranquilamente e sen necesidade de coller o coche.
Podemos gozar das actividades culturais, do patrimonio ambiental que temos no entorno. Uns paseos envexables no Miño e no Rato onde podemos pasear e facer deporte, pero tamén esa oferta cultural á que podes asistir tras facer estes percorridos. E cremos importante ter esas actividades para que a xente pernocte en Lugo. Era unha das carencias que tiñamos.
Que non pode quedar por ver nunha visita a Lugo, ese segredo máis escondido?
O segredo dunha cidade descóbrese paseando por elas. É certo que as visitas guiadas descóbrenche esas partes máis descoñecidas como pode ser a zona do Carme ou a ruta polos murais da cidade. E creo que, simplemente paseando, e descubrindo eses edificios bonitos que temos na cidade, con ese encanto de cidade antigquísima e que recolle tanta historia, hai que velo cos ollos moi abertos e con ganas de descubrilo. É unha decisión de cada persoa que vai descubrir o que máis lle guste ou lle interese en cada lugar.