Manuel Uriz, de Activa3: "A acollida foi moi boa, sobre todo no concepto novidoso de fisioterapia"
Activa3 é un centro multidisciplinar que abriu recentemente na nosa cidade co fin de unificar fisioterapia, adestramentos e nutrición. A actividade xira en torno a figura do exercicio terapéutico que é o exercicio enfocado á prevención de lesións ou doenzas, recuperación das mesma e mellorar o estado físico xeral. Tratar as persoas segundo as súas necesidades.
Falamos con Manuel Uriz Corral, director responsable Activa3.
Este centro é novo na cidade como xurdiu a idea?
A idea xurdiu despois de moitos anos traballando na Coruña nun centro do estilo, a cousa marchaba moi ben a final decidín volver a Lugo, a miña cidade natal. Tendo como referencia a boa experiencia da Coruña pensei que sería unha boa oportunidade en Lugo tamén.
Desde cando estades abertos?
Abrimos o luns 21 de febreiro.
Que acollida está a ter?
A verdade é que eu tiña bastantes expectativas e se están incluso superando no tempo que levamos. A acollida foi moi boa, sobre todo no concepto novidoso que implantamos nos tratamentos de fisioterapia. A xente está acostumada a que a fisioterapia sexa pasiva e agora está máis que demostrado que as terapias activas teñen moita máis eficiencia que as pasivas, sobre todo, a longo e medio prazo e, aínda que é verdade que a terapia pasiva en ocasións é necesaria e está moi ben, é un remedio a curto prazo. Nós traballamos no xerme do problema intentando arranxalo.
A xente é reticente a ser o axente do cambio e nós tratamos de implicar máis ao paciente na súa recuperación.
Cal é a novidade nesta terapia fisioterapéutica?
Nós partimos dunha valoración inicial moi completa onde se ve e se analizan debilidades, restricións de movemento e problemas que son a base que xerar unha dor que é o síntoma. A idea non é tanto tratar o síntoma, aínda que é verdade que hai que atenderlle, pero en parte focalizamonos en atopar a raíz do problema e intentar abordalo dende esa perspectiva. O proceso tarda máis pero os resultados a longo prazo son moito mellores. Tratar os síntomas é un parche “pan para hoxe e fame para mañá”. Acabas sendo dependente dunha terapia pasiva que non está mellorando a túa funcionalidade nin a túa calidade de vida a longo prazo, pode aliviar pero non soluciona.
Tratamos de elevar as capacidades dos pacientes e a súa forma física.
Que tipo de servizos prestan?
Temos unha gran cantidade de servizos.
Desde o punto de vista da fisioterapia é o basicamente o que acabo de explicar e en canto ao adestramento, este pode ser individual, parella ou grupo reducido dun máximo de 6 persoas.
Temos clases de pilates, clases de hipopresivos, preparación parto e postparto que o leva a miña compañeira Sabela.
E tamén temos un servizo de nutrición. Este está adaptado ao perfil da persoa intentando levar a cabo alimentacións flexibles.
Ademais, ofertamos un servizo de aparcadoiro de balde para os nosos clientes a poucos metros do centro para que chegar ata aquí non sexa un impedimento. Tratamos de dar todo tipo de facilidades aos nosos pacientes.
Como nace esta idea de xuntar estas tres modalidades?
Eu estiven na Coruña bastantes anos, primeiro estudei Ciencias da actividade física, despois, fisioterapia e cando xa tiña o centro en marcha a xente comezou a demandar un servizo de complementación a través de nutrición e alimentación e comecei a estudar o ciclo de nutrición, técnico superior de dietética. Cando xuntei as tres formacións decidinme a facer un centro que unira as tres cousas.
Existe moita competencia na cidade?
Bueno, creo que non moita. A día de hoxe non hai moitos centros respecto á demanda que é maior neste aspecto. Cando comezamos na Coruña éramos 5-6 centros e cando marchei había case 15 do mesmo estilo. Non que uniran as tres cousas pero fisioterapia e adestramento é un sector que está moi en auxe. Un centro que unifique os os tres servizos non sei si hai un ou dous máis en Lugo. Para min a competencia no noso é boa, realmente a competencia o que fai é xerar a necesidade dun servizo na poboación. Se ti vas a un centro deste estilo nun lugar e llo comentas a un amigo, ese pode buscar algo do estilo máis preto do seu lugar de residencia polo que vai repercutir positivamente nos centros do mesmo estilo.
A súa experiencia deportiva tivo algo que ver na creación deste novo proxecto?
A miña experiencia deportiva tivo que ver na miña formación, foi a que me espertou o interese no mundo da saúde física. Neste proxecto en particular directamente non me influíu moito pero indirectamente si.
Que o diferencia doutros centros de rehabilitación ou fisioterapia?
O concepto da terapia activa sen deixar a terapia pasiva que tamén é necesaria.
Está dirixido a algún perfil específico de cliente ou pode acudir calquera persoa independentemente da súa problemática?
Pregúntanmo moito. Pode ir calquera persoa. Haberá que adaptar cada exercicio ou terapia a cada persoa. Aquí pode adestrar dende un deportista de alto rendemento ata a miña avoa de 92 anos que ven facer exercicios para mellorar a respiración. Abarcamos todos os perfís.
Ofrecedes un servizo de recuperación respiratorio en que consiste?
Ofrecemos un servizo de fisioterapia respiratoria e recuperación de capacidade respiratoria e muscular. Nestas épocas de Covid, a demanda é creciente e pódese enfocar á recuperación post-covid. Nós axudamos á xente que pasou a enfermidade a recuperar a capacidade respiratoria e a forza muscular. Trátase dunha recuperación física de capacidades respiratorias e musculares.
Notouse un maior interese pola realización de actividade física nos últimos tempos.
A verdade é que si, moitísimo. Estoume dando conta estes días que a xente dálle moita máis importancia a súa saúde e a capacidade física que antes. Igual derivado pola pandemia que dende agora se lle da mais importancia á saúde. Isto supón una mellora para nós e para a poboación en xeral.
A que cre que se debe este maior interese?
Eu penso que a pandemia a nivel mental cambiounos un pouco a todos, cada vez lle damos máis relevancia a nosa saúde física e mental e menos a cousas materiais. A día de hoxe unha persoa outorga maior relevancia a que non lle doa o lombo e xogar cos seus fillos que a ter un coche de alta gama e ir a cear fora os venres. Cambiou o concepto.
Ultimamente nas redes sociais pódense ver moitos consellos, rutinas deportivas e alimentarias. Que opina sobre isto? Este tipo de contido que promove os hábitos de vida saudable beneficia aos centros coma o teu ou perxudícaos?
A verdade é que non o sei e non me parei moito a pensalo. Sempre penso máis no consumidor nese tipo de contido, xente que está nas redes. Ao final é como todo ten os seus pros e os seus contras. Hai páxinas e divulgadores moi interesantes con contido moi bo que, por desgracia, moitas veces non son os que máis seguidores teñen. Normalmente os bos divulgadores deste tipo de consellos, solen estar seguidos por profesionais do sector que saben que as recomendacións son boas pero realmente non son os que necesitan información dese estilo. É xente con moi bo material que ten unha influencia menor comparado con outras persoas con maior número de seguidores e menos coñecementos sobre o tema.
Na balanza non sabería que dicir. Hai que intentar informarse ben, evitar vicios que fan dano física e mentalmente sobre todo en nutrición. Intentar filtrar un pouco o que se consume nas redes.
Cales son as últimas novidades do sector?
A verdade é que no mundo do exercicio en xeral hai moito marketing. A veces o marketing acaba nubrando a vista da xente. Cada certo tempo saen novas tendencias deportivas como o functional training, o crossfit e ao final todo é exercicio. O exercicio é unha ferramenta e os obxectivos son os que van a determinar o tipo de traballo que fas. Se o queres chamar en inglés que sexa atractivo a nivel de marketing funciona ben moitas veces pero a min non me gusta moito poñerlle nome e apelidos. Eu doulle importancia ao exercicio terapéutico porque é exercicio con fins terapéuticos, tamén realizamos exercicios que non son terapéuticos, pero ao final o obxectivo debe ser a boa saúde.
Éxito nas terapias individuais.
Que é o que máis se demanda?
Nestes días o que máis se demandou foi o tratamento individual. O concepto dunha recuperación activa cunha serie de exercicios. Terapias máis individualizadas. Isto foi un pouco sorpresa.
Xeralmente o camiño que se sole levar é un tratamento individual e unha vez estas recuperado te introduces con outras persoas para facer outro tipo de rutinas, ademais é outra forma de socializar.
Que proxectos ten de cara ao futuro? Que obxectivos se marca?
O obxectivo que marcaba era implantar un modelo de actuación, que a poboación sexa consciente de como se pode levar a cabo un cambio físico eficiente mediante o exercicio e a verdade é que a cousa está máis ou menos ben. A idea é que a xente aprenda a recuperarse.