Entrevista: "Nós centrámonos na xente, nas persoas de forma individual"
Boxing Club Cidade de Lugo é un equipo deportivo de boxeo e, actualmente, é o único club lucense con competidores. Agora mesmo, conta con máis de 150 licenzas e conta cun equipo de competición infantil. Falamos con José Luís Álvarez, adestrador e un dos encargados do club.
Cando naceu Boxing Club Cidade de Lugo e por que?
O club naceu no 2005. Meu pai, José Luís Álvarez, estivo ligado ao boxeo dende os 14 anos e ten agora 65, polo que leva máis de 50 anos unido a este deporte. De feito, el quedou campión da liga nacional de boxeo e subcampión de España profesional.
Como evolucionou o club dende a súa creación?
Comezamos en 2005 con catro licenzas e, actualmente, temos máis de 150 licenzas de boxeo en activo. Un dato destacable é que ata o ano 2009 non había mulleres adestrando no club e, agora mesmo, o 60% son mulleres.
Ademais diso, o club tamén conta con categoría infantil?
Si. En categoría infantil quedamos este año, no 2021, campións galegos por clubs. Conseguimos sacar oito medallas de ouro, tres de prata e dúas de bronce. Tamén competimos a nivel nacional, sen embargo, non hai competición nacional dende antes da pandemia, dende 2019. Sacamos catro medallas nese campionato levando a tres nenos. Ademais, tamén competimos na Copa Deputación de Ourense con 40 nenos. En canto á liga, de momento, aínda non hai previsión de que comece a liga de formas este ano polo tema da covid xa que aínda teñen que rematar os protocolos.
Como funciona a liga infantil?
A liga é sen contacto e é o que se chamaría formas de boxeo. Fan todo o que se fai no adestramento pero sen contacto ningún. As categorías son dende menos de 8 anos ata os 16. Agora estano ampliando un pouco máis porque a xente estivo moito tempo sen competir. Sen embargo, a liga propiamente dita, é de menos de 8 anos a 16. Os rangos de idade van de dous en dous, xa que senón hai moita diferenza entre un neno e outro. Por iso, estes rangos de idade son de 8 anos, 10 anos, 12 anos, 14 anos e 16 anos.
O que se practica en formas de boxeo é comba, sombra, que é dar golpes ao aire, manoplas e saco.
Como afectou a pandemia ao club?
A pandemia tocounos moito porque nós, particularmente, temos un rapaz, Wilker Faña, que é punteiro a nivel España, polo que estamos para pasalo a profesional. Este parón afectounos moito xa que tiñamos unha previsión de 20 pelexas para o ano da pandemia que, ao final, quedaron en nada.
Agora mesmo, dende a covid, tan só leva tres pelexas, senón seguramente xa se houbese pasado a profesional. O da pandemia afectou a todos os deportes loxicamente, sen embargo, a nós tocounos moito máis porque ao fin e ao cabo somos un deporte de contacto. Non é como o fútbol que, ademais, é ao aire libre.
Dende que comezou a pandemia reduciuse actividade, xa se chegou á normalidade?
Agora si. Xusto agora falaron con Secretaría Xeral para o Deporte e están mirando xa de quitar a máscara en interior para todas aquelas persoas que teñan o certificado de vacinación ou de haber pasado a covid. Basicamente están estudando o de sacar a máscara para deportistas.
En canto ao número de persoas practicando boxeo no club, aumentou ou reduciuse dende esta situación sanitaria?
Hai moitas máis persoas. O dobre de xente máis ou menos. É unha pasada.
E en canto a persoas adultas, poden competir como no caso da categoría infantil?
A xente que é máis maior tamén pode competir en formas. Non conta para a liga porque esta tan só é infantil, pero poden competir tendo podio e demais. Ademais, se queren competir en boxeo de contacto tamén poden. Nós actualmente temos 10 persoas competindo.
Que destacaría do boxeo como deporte?
Os valores que representa. Moitos valores que se están perdendo na sociedade de hoxe en día, aquí continúan manténdose como por exemplo o honor. Ademais, transmítese moita educación e saber estar, sobre todo, aos máis pequenos. Cousas importantes que hoxe en día non se dan, nin na casa, nin no colexio.
Que é o que máis valora do club en particular?
Que está centrado na aprendizaxe do boxeo, pero non tal e como se está a entender agora na maioría de ximnasios onde está todo moi masificado e existe produción en serie. Nós centrámonos un pouco máis na xente, nas persoas de forma individual porque cada unha é diferente. Por exemplo, nós temos nenos que teñen TDH e a cada neno, ao final, hai que tratalo dunha maneira diferente, non se pode tratar a todo o mundo igual porque cada persoa é distinta.
Que plans de futuro ten o club?
A corto prazo os plans de futuro que temos é pasar a Wilker Faña a profesional en cuestión de un ano aproximadamente e tamén continuar crecendo como club pouco a pouco. O tema do boxeo é que é competición anual, é dicir, ti gañas o galego e vas ao de España. Non é coma nunha liga na que podes quedar segundo ou terceiro e xa gañarás o ano que vén, aquí todos os anos é comezar de cero.