Entrevista: "O circuíto conta cunhas características propias de calquera de nivel nacional e internacional"

LugoXa
Jorge Prado é un circuíto de motocross ubicado en Teixeiro baixo a xestión do club Motopark Lugo falamos co seu secretario.
Jorge Prado circuito
18 Dec 2022

O pasado 27 de outubro celebrouse a inauguración do circuíto Jorge Prado, un circuíto de motocross ubicado na parroquia de Teixeiro que conta con máis de 2.000 metros de pista. O club Motopark Lugo é o encargado da xestión deste circuíto, falamos con Martín Pérez, o seu secretario. 

Que é o Circuíto Jorge Prado?

O circuíto Jorge Prado é un circuíto creado nun entorno natural, situado nas inmediacións da área dos Lagos de Teixeiro nunha parcela municipal que conta cunha lonxitude de 2.100 metros e un ancho de entre 8 e 10 metros. Ademais, ten unha saída de 40 metros de ancho con capacidade para acoller aos 40 pilotos que poden chegar a competir en cada categoría.  O circuíto ten as características propias de calquera circuíto de nivel nacional e internacional.

Que podemos atopar nestas instalacións?

Estas instalacións contan principalmente cun circuíto de MX que ten un trazado deseñado para todos os niveis, tanto para pilotos amateur como para pilotos profesionais, con saltos para todos os niveis que foron realizados aproveitando os desniveis naturais do terreo. Dentro do recinto tamén nos atopamos con dúas zonas para o paddock.

Como xurde o proxecto de crear un circuíto así en Lugo?

O proxecto xurde entre un grupo de amigos afeccionados a este deporte. Nun primeiro momento intentamos levar a cabo a rehabilitación do antigo circuíto de Rubiás por parte de Motopark Lugo. Este proxecto non foi posible ante unha falta de acordo cos propietarios da parcela.

Ante a dificultade de atopar un espazo onde adestrar e practicar este deporte propúxoselle ao Concello de Lugo crear un circuíto de motocross nunha parcela municipal e que levara o nome do lucense e bicampión do mundo Jorge Prado. Unha vez atopada a parcela adecuada levouse a cabo a execución da obra por parte do Concello de Lugo coa colaboración do club Motopark Lugo.

É un lugar accesible a calquera ou so destinado a profesionais?

O circuíto Jorge Prado é un circuíto aberto a todos os pilotos independentemente do nivel, con un trazado idílico para a práctica deste deporte debido á contorna e ao terreo.

Que é necesario para acudir ao circuíto? Cando se pode acudir?

Pódese acudir ao circuíto as fins de semana e festivos en horario de 9.00 a 15.00 horas e será necesario estar federado ou dispoñer dun seguro de accidentes persoal. No caso de non dispoñer dun pódese tramitar co persoal do club no propio circuíto.

Canto seguimento ten o motocross en Lugo? É un deporte popular?

Pois a verdade é que é un deporte un tanto esquecido. Isto é en parte debido a que en toda a provincia case non hai circuítos para poder practicalo e falando a nivel autonómico son moi poucos cos que poden contar todos os aficionados a este deporte.

Pero temos que dicir que desde uns anos para adiante e grazas ao tirón dos nosos pilotos, tanto o lucense Jorge Prado como o vigués Rubén Fernández, aumentou moito o número de afeccionados.

Que lle diría alguén que lle gustaría comezar neste deporte?

Que se anime a vir ao circuíto onde alí poderá participar en cursos de pilotaxe para todos os niveis e coñecerá a moitos pilotos que se achegan de todas partes, tanto de Galicia como doutras comunidades autónomas.

Que aporta contar en Lugo cun espazo coma este?

Pois temos que dicir que no que vai desde a apertura, en xullo deste ano, pasaron pilotos de toda España, os cales fixeron uso tanto da hostalaría como doutros servizos e déronlle a Lugo un punto de referencia no motocross nacional.

Como vai o proxecto para ser sede dunha competición do campionato de España?

Pois con moito traballo ao ser unha novidade tanto para nós como para a cidade, aínda que estamos a espera da confirmación oficial por parte da Federación Española de Motociclismo, contamos coa colaboración das administracións, Concello de Lugo, Deputación de Lugo e Xunta de Galicia.

Que proxectos teñen?

Unha vez pasada esta proba de carácter Nacional o circuíto acollerá diferentes probas a nivel autonómico. Tamén contaremos con cursos de pilotaxe para todos os niveis con pilotos profesionais como Román Pérez, que impartirá mínimo un curso cada mes.

Pista circuíto jorge prado
Circuito jorge prado 2
0.15263509750366