Bibi Bouza, presidenta do equipo de voleibol Emevé: "O Emevé a marea vermella de Lugo"
O Club Emevé de Lugo é unha entidade deportiva adicada ao voleibol, un deporte que se xoga cunha pelota e no que dous equipos de seis xogadores, se enfrontan sobre un área de xogo separada por unha rede central.
O club naceu extra-oficialmente no ano 1981 e, non foi ata o ano 1983 cando se crearon os estatutos e se fixo a inscrición no rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Foron os integrantes da familia Bouza, unha coñecida familia lucense, os que puxeron en pé este proxecto. O pai de familia foi o que deu a idea e dende a súa creación o club sempre estivo en mans dalgún membro da mesma, estando implicados ao 100% no crecemento e mellora dos equipos. Actualmente, o club está presidido por Bibi Bouza unha das fillas do socio fundador.
A idea xurdiu despois dunha fusión entre a xente que xogaba a este deporte na cidade de Lugo. Nos seus inicios, o club era integramente feminino xa que a presenza do voleibol masculino corría a cargo do Muralla Lugo. Tras un tempo, houbo un entendemento e crearon un club máis grande onde se atopaban as categorías femininas e masculinas.
O nome Emevé fai referencia a “El Mejor Equipo de Voley de España”. Un soño que se fixo realidade no ano 2005 cando o equipo infantil feminino se proclamou campión de España.
O máis característico deste club é que a maior parte dos xogadores e xogadoras son da casa. Normalmente chegan da canteira polo que á hora de competir e formar equipo teñen máis facilidade e complicidade debido a que levan toda a vida xuntos.
No club destacan a importancia de traballar o deporte base para conseguir xogadores xa que resulta máis complicado conseguir que xogadores de fóra veñan a Lugo. Polo que o compromiso e o equipo é fundamental para chegar ao punto no que se encontra actualmente o club.
A día de hoxe o Emeve conta con arredor de 350 persoas e cerca de 40 equipos tendo representación en todas as categorías inferiores. Tamén contan con equipos en categorías nacionais.
Falamos con Bibi Bouza.
Como evolucionou o club dende a súa creación?
En case 40 anos de vida a evolución foi constante, con moitos altibaixos ata consolidarse pero seguimos traballando e mellorando.
Como sobrevive un club con equipos en todas as categorías?
Con moito traballo, con moita organización, buscando as sinerxias entre os adestradores/as.
Escoitando todas as achegas que se fan e intentando seguir unha liña de actuación, non necesariamente a liña recta, porque moitas veces hai que dar marcha atrás ou dar voltas ata saber por onde debemos tirar.
Cal é o segredo para chegar a ter presencia en todas as ligas?
Traballo, disciplina, máis traballo e rodearse de todos aqueles e aquelas que queiran achegar algo positivo.
Cantos títulos e logros ten o club?
Bastante pero non suficientes: varios campionatos de España
A que se debe a gran presencia deste deporte en Lugo tendo en conta que é un deporte minoritario?
Creo que en Lugo funciona moi ben o "boca a boca" e o traballo que facemos cós mais pequenos vai chegando mais aló do que é o ámbito deportivo. O Voleibol vaise coñecendo cada vez máis e en Lugo empézase a falar da "marea vermella do Arenal Emevé".
De que están máis orgullosos?
Do traballo de canteira, da cantidade de nenos e nenas que están vinculados a este deporte; da implicación de moita xente pero, sobre todo, de todo/as os que fan as cousas de xeito altruista, é algo que hoxe en día está desaparecendo en case todos os ámbitos da sociedade e nós temos a fortuna de poder contar con grupo de persoas que traballamos por amor á arte neste caso, por amor ao Emevé e a o Voleibol.
Que é o que máis se traballa no club?
A formación deportiva, sen dúbida. Esta ten que ir unida á fomentar valores como son o respecto polo traballo propio e o de os demais, a disciplina , o orden na vida, a puntualidade, a competir, a gañar e a perder, aceptar as derrotas con elegancia.
A que se debe o éxito do club?
Principalmente aos adestradores/as, son de Lugo, formados en Lugo ou están lugolizados e senten as cores do Emevé porque , dende o equipo de xestión queremos que así sexa: nos xestionamos dende a directiva pero ele/as son quen levan a cabo toda a labor formativa.
Que destacarías do voleibol como deporte?
Que non hai contacto físico. É un deporte moi técnico que necesita de moitas horas de adestramento para xogar a bon nivel e aí radica a dedicación do/as xogadores/as, a continuidade e o tesón, que se traduce en: orden, disciplina e continuidade.
Que destacas do club?
Somos un club en forma de pirámide: a base creo que, a día de hoxe, é moi sólida e pódese crecer cara arriba porque os cimentos son firmes. Houbo épocas moi duras e moi tristes e o club seguiu adiante.
Como afectou a pandemia ao club e aos seus xogadores?
Os equipos de superliga tiveron a sorte de poder seguir coa competición, non houbo contaxios e as restricións afectaron e bastante pero fomos quen de saír adiante. En canto ás categorías de base, puidemos seguir adestrando, non como equipo pero sí a nivel individual. O/As adestradores/as fixeron un traballo encomiable para poder seguir adiante.
Xa se volveu á normalidade?
Mais ou menos sí pero os nosos equipos son conscientes de que hai que temos que ser moi coidadosos porque isto non acabou aínda.
Que obxectivos ten actualmente o club e que plans de futuro ten?
Pois seguir crecendo na medida en que poidamos, para a tempada que ven nos gustaría ter dous equipos máis na terceira división infantil e cadete pero, está por ver si somos capaces.
Logros que faltan por acadar? Algunha meta ou soño que quede por cumprir?
Falta moito por acadar pero, como soño: ser campioas e campións da Copa da Raíña e do Rei respectivamente.
Que valoración fas do club e os seus últimos anos?
Unha valoración moi positiva. Nestes últimos anos o club deu un gran salto de calidade, fixemos unha aposta moi forte polos equipos de Superliga e, de momento, está saíndo ben porque está a repercutir nos equipos da base que é o mais importante.