CP Lucense: "O maior reto foi crecer, comenzamos con 20 nenos e agora temos 176"
O CP Lucense é un club que oferta balonmán e atletismo aos rapaces de Lugo. A idea xurdiu fai cinco anos como resultado de intentar recuperar a actividade de balonmán na cidade. Había algo de actividade pero non era o mesmo que cando os membros da directiva eran xogadores en activo. Xurde dende o cariño a este deporte e un intento de relanzar a actividade.
Óscar Rodríguez, presidente do Club Polideportivo Lucense
Como vive un club destas características?
A actividade como pasa en case todo o deporte base susténtase en base as axudas públicas por unha parte e outra parte sufrágase a través das cotas que pagan os usuarios que desfrutan da actividade no club. Esas son as dúas formas de ingreso. As axudas públicas poden ser tanto económica como coa cesión de instalacións deportivas. O restante obtense en base as cotas dos usuarios.
Que deporte ofrece?
A idea inicial era ter un club multidisciplinar. O club naceu con fútbol, balonmán e atletismo. Do fútbol desvinculamos porque a súa filosofía é diferente a do resto dos deportes. O fútbol é un deporte que move a moita xente, mentres que atletismo e balonmán son deportes máis minoritarios e requiren unha atención diferente. O atletismo non é tan minoritario coma o balonmán xa que hai máis clubs que ofertan esta disciplina. O que nos resulta interesante do atletismo é que é complementario ao balonmán e outros deportes. Axuda a coordinación, gañar destreza, condición física. É un deporte que se complementa nestas idades temperás con estas actividades. Moitos nenos practican ambas actividades e segundo van crecendo e desenvolvéndose optan a unha ou outra.
O noso percorrido é corto e no noso traxecto de vida, cinco anos, tampouco hai moitas conclusións ao respecto.
Para que idades son as actividades?
Agora mesmo temos nenos de todas as idades. Desde moi pequenos, prebenxamíns nenos de 5 anos ata a categoría xuvenil que son chicos que están na semi-madurez 17 anos.
A nosa idea inicial era traballar dende moi pequenos. Agora mesmo tal e como foi crecendo e evolucionando o club cubre esa base.
ÚNICO CLUB DE BALONMÁN
Cantos clubs de atletismo hai en Lugo? E de balonmán?
Agora por desgracia somos o único club de balonmán en Lugo. Ata fai pouco había outro club pero é complicado facerse un oco porque hai moita oferta de actividades en xeral na cidade e case non hai sitio para máis clubs. Hai moita rivalidade a nivel galega.
En atletismo hai rivalidade que é algo que vai asociado ao deporte, pero é unha rivalidade ben entendida.
De fútbol agora mesmo estamos desvinculados. Non é unha porta que estea pechada pero as circunstancias conducíronnos a ter soamente dúas disciplinas. É complicado porque require moita dedicación e somos un club afeccionado, non estamos profesionalizados en ningún sentido polo que é unha dedicación altruísta por parte de todos os compoñentes, tanto a directiva como o equipo técnico polo que require un esforzo importante. Segundo evolucionemos e crezamos decidirase en que sentidos se continúa o traballo. Si se da un salto e se busca a profesionalización da actividade ou se continuamos ata como agora.
Como se presenta esta tempada en cada un dos deportes?
Con boas expectativas se a pandemia nos deixa claro. Temos en balonmán dous campións galegos de tempadas pasadas e, este ano aspiramos a referendar os resultados do ano pasado onde conseguimos ser campións galegos en categoría alevín. Esto foi unha continuación do ano anterior onde xa alcanzamos o campionato galego en categoría benxamín de balonmán.
En atletismo individualmente hai deportistas tanto chicos como chicas que si que aspiran a competir nos galegos.
O noso obxectivo é fomentar o deporte. E formar aos nenos. Os resultados virán se hai boas condicións e se traballan ben.
Cales son os valores fundamentais que se intentan transmitir aos nenos?
Para nós é importante que se interprete ben o traballo en equipo que se pode proxectar en calquera actividade do día a día. A solidariedade, o reforzo do traballo do compañeiro. E entender que o sacrificio e o esforzo son necesarios para alcanzar os obxectivos. Algo que vai asociado sempre ao deporte e a calquera actividade. Esta é unha vía para aprendelo e divertirse ao mesmo tempo.
Ten planeado ampliar a oferta tanto de deportes como de idade?
Estamos abertos a todo pero de momento as circunstancias non son as mellores para facer plans. Vamos a ver si se supera primeiro esta situación e o crecemento que teña o club nos indicará cara onde tirar. Agora mesmo o obxectivo é crecer tanto en balonmán e atletismo e consolidar os resultados das categorías inferiores nas superiores.
Cal foi o maior logro do club?
O campionato galego do ano pasado. Está ben para a vida corta que ten o club. Conseguir iso en cinco anos é importante.
Cal foi o maior reto?
Sobrevivir ao ano pasado. O maior reto foi crecer. Nós empezamos cunha base que estaba en torno a 20 nenos e agora hai 176 deportistas e o crecemento foi moi grande.
Como afrontaron tanto os nenos como os adestradores a Covid?
Por parte dos nenos foron moi disciplinados. En balonmán se estableceu un protocolo moi esixente e estricto que nós seguimos para poder ter competición e podemos dicir que foi con bos resultados porque o total dos contaxios durante a actividade foi cero. Esto é un indicativo de que se está a facer ben.
En atletismo outro tanto, sempre se seguiron as pautas e indicacións do Sergas e sanidade en canto a uso de máscaras, distancias e reducindo o numero de participantes da actividade.
Esixiu mais traballo para os monitores pero con bos resultados.
Foi un período esgotador nalgún sentido porque parecía que non tiña fin.Os nenos teñen moita capacidade de adaptación e resisten máis do que pensamos os adultos.
Cantos socios son actualmente?
176 nas dúas disciplinas (100 de balonmán máis ou menos e o resto están en atletismo). Cadro técnico más grande en balonmán o que permite atender a máis deportistas nesta disciplina.
Cal é o deporte máis demandado?
Están bastante equiparados.
Realizan algunha actividade a maiores dos adestramentos e campionatos?
A intención este ano é reeditar un campus de tecnificación en balonmán. A data non está decidida pero é un proxecto que temos en mente e que comezaremos a desenvolver para levalo a cabo. Xa o fixemos noutra ocasión na que nos visitou o seleccionador nacional Manolo Cadenas e foi unha experiencia moi interesante para todos os nenos. É posible que no verán tamén se formule algunha actividade, esta é unha idea embrionaria.
A estas alturas do ano pódense apuntar rapaces ao club?
Pódense apuntar en calquera momento. Calquera neno é ben recibido para facer deporte nunca hai cotas cerradas. Estamos encantados de recibir a novos integrantes.
Que propósitos teñen para o 2022?
Facelo igual de ben que no 2021. Continuar no nivel de traballo que se ten agora mesmo e mellorar si se pode.