Entrevista: "O meu campo de investigación foi Lugo dende sempre"

LugoXa
Adolfo de Abel conta diferentes curiosidades do parque Rosalía, así coma datos sobre a cidade de Lugo e os seus monumentos.
parque rosalia castro lugo 8
8 Ago 2021

Adolfo de Abel Vilela conta diferentes curiosidades do parque Rosalía, así coma datos sobre a cidade de Lugo e os seus monumentos.

En que aspectos se centra o libro O parque de Rosalía de Castro: o centenario da súa creación?

Na historia do parque, de como xurdiu e como se foi facendo ao longo do tempo.

Que destacaría do parque a nivel histórico?

Entre outras cousas o estilo arquitectónico en que se fixo, que é Art Deco dos anos 20. O parque faise entre o ano 21 e o ano 30.

Que cre que significa o parque Rosalía para a cidade de Lugo?

Sobre todo, no seu momento, o aspecto máis relevante era que sacaba, por dicilo dalgunha maneira, o medio urbano fóra do recinto amurallado. Queiras ou non, a muralla limitaba o espazo urbano histórico polo que o parque se creou nun lugar estratéxico dende o punto de vista paisaxístico. Por esta razón, ao principio foi chamado Bellas vistas, porque dende O Garañón se contemplaba o val do Miño, coa súa ponte medieval de orixe romano entre outras cousas. En resumo, unha paisaxe moi fermosa.

Considera que hai que mellorar algo do parque actualmente?

Nesta última tempada asearon o parque xa que limparon monumentos, pintaron bancos e farolas. E aínda van a continuar facendo outras pequenas obras de conservación. O parque neste momento está ben. A única dificultade é a pantalla vexetal que impide, precisamente, ver o que antes se contemplaba. Desta maneira, eu entendo que esa pantalla vexetal habería que eliminala porque senón non cumple coa finalidade ou con unha das finalidades polas que se fixo o parque. Ademais, outras das razóns da súa execución foi para que os nenos xogaran, practicaran diferentes deportes e, basicamente, que a clase proletaria tamén tivera un lugar de lecer. Pretendíase poñer tamén unha biblioteca para que o obreiro se quería, puidese leer e formarse, aínda que esta non se chegou a facer en ningún momento.

A nivel histórico, que lugares destacaría da cidade ademais da muralla e catedral?

O que é o propio recinto histórico. Cando un pasea pola cidade, o Lugo romano non se ve porque está debaixo nosa ou desapareceu, polo que o único que vemos, coma noutras cidades, son aqueles edificios potentes. Noutro lugares como por exemplo en Roma vese o Coliseo, en Mérida o teatro, en Segovia o acueduto e aquí é a muralla. Sen embargo, a muralla ata hai pouco estaba totalmente descontextualizada. É dicir, era un monumento de orixe romano pero non se vía o romano por ningún lado. A partir do ano 86 en que se fixo obrigatorio facer escavacións cando se fai unha edificación ou cando se fai algo que afecte ao chan, foi cando empezararon a aparecer mosaicos, obxectos e edificios como é o caso da Domus do Mitreo. Desta maneira é como empezamos a contextualizar a muralla. Por outro lado, outro edificio importante que temos e que moitas veces pasa desapercibido, son os baños romanos que se atopan á beira do río Miño.

Actualmente, ten algún proxecto en mente?

Sempre estou traballando na historia de Lugo. Teño varios pero neste momento non quero decir en qué. Eu todos os días traballo sea máis ou sea menos en temas relacionados coa historia de Lugo.

En relación aos libros que publicaches, poderías destacar algún en particular?

Para min todos teñen interese pero digamos que eu, a título persoal, teño dous libros importantes. Un que é sobre a muralla e que se titula A muralla de Lugo na documentación do séculos XVI ao XX, que é todo o que atopei en moitos anos de investigación. O ano que vén vai a facer 50 anos que quitei o primeiro libriño adicado á muralla, ás casas que había apegadas á mesma. Eu creo que é unha aportación importante porque naquel momento da muralla, practicamente non se sabía nada. Había nada máis que unha tesina de Felipe Arias sobre a parte romana da época romana pero despois quedaba toda a historia moderna e contemporánea sin estudar e foi o que fixen eu. Por outro lado, outro dos libros que considero importante é un libro que publicou a fundación Barrié, La ciudad de Lugo en los siglos XII al XV: urbanismo y sociedad.

Todos os libros que publicou están adicados a Lugo ou tratan sobre a historia de Lugo?

Exclusivamente Lugo. O meu campo de investigación foi Lugo dende sempre porque entendo que unha cidade que ten 2.000 anos de historia, ten moito onde traballar e que contar. Eu creo que cumplo unha boa función exhumado a historia da cidade.

0.14604592323303