Entrevista: "O noso obxectivo é seguir mantendo o número un en vendas de Honda na provincia"

LugoXa
Motolugo leva 40 anos profesionalizándose na venda e reparación de motos e maquinaria de xardinaría e forestal.
Sabela Gomez Carreira, asesora de MotoLugo
23 Xul 2022

A diferenza doutros sectores, a xardinaría e o motociclismo están en auxe trala pandemia e a suba de combustibles, un revulsivo que, ben seguro, axudará a Motolugo a manter o seu número 1 en vendas de Honda na provincia de Lugo.

Con 40 anos ás costas, a experiencia é un grao, na venda de recambios e pezas para moto, venda de motos de ocasión ou maquinaria Honda. Contan con amplio stock Honda e Echo tanto en xardín como motociclismo, ademais dun servizo de taller para a reparación e mantemento de calquera moto. O concesionario e o taller atópanse na rúa Camiño Real, no barrio da Milagrosa da capital.

Falamos con Sabela Gómez Carreira, asesora de MotoLugo

Como xorde a creación de Motolugo?
A empresa, como Motolugo, leva dende o ano 2000. Pero, dende o 1982, levamos traballando neste sector, baixo outro nome.

Que tipos de produtos ofrecedes?
Pois traballamos coa marca Honda, en motos e en maquinaria e xardinaría. Para maquinaria forestal tamén temos a marca Echo.

Que servizos teñen máis acollida entre os clientes?
Principalmente, a compra de Honda. É o que máis tirón ten, tanto en maquinaria coma en motos, máis ou menos ao 50%. Tamén temos o taller multimarca que ten bastante clientes.

No tema de motociclisto, o aumento no prezo dos combustibles, fixo mella?
A verdade, é que se notou, pero neste caso, para ben. Tivemos moitos clientes que deixaron de andar no coche e compráronse unha moto. É máis barato.

A pandemia supuxo un freo en moitos sectores, entre eles ao mundo do motor, ao non poder saír das casas. Pero, como afectou ao mundo da xardinaría?
Neste senso, pódese dicir que a pandemia foi un revulsivo. Houbo moita venda de desbrozadoras, para limpar fincas que igual tiñan medio abandonadas; a de cortacéspedes e robots tamén aumentou moito.

Que novidades hai no sector?
Agora, co tema das emisións hai moitos fabricantes que están desaparecendo. O sector estase abrindo a maquinaria máis eficiente e motores de batería. Cada ano que pasa hai máis máquinas eléctricas con baterías.

Tamén no mundo do motociclismo?
Algo comeza a haber, pero Honda, polo momento, non ten nada eléctrico nas motos, pero en xardinaría si. Cada vez hai máis motores eléctricos e menos de combustión.

O cliente busca motores eléctricos?
Si. E coa suba do prezo dos combustibles, os clientes demandan cada vez máis este tipo de produtos.

Que obxectivos se marca a empresa de cara a un futuro?
Levamos abertos case 40 anos e queremos manter a mesma liña. Seguir como ata o de agora. Só temos Honda. E o noso obxectivo principal é seguir mantendo o número 1 de vendas de Honda na provincia, tanto en motos como en xardinaría. Manter ese liderado.

0.18454504013062