Entrevista: "O seguinte paso é que o Arde Lvcvs sexa Festa de Interese Turístico Internacional"
Miguel Alvelo Iglesias, presidente da asociación Cohors III lucensium, comenta as actividades que van a levar a cabo no Arde Lvcvs, así coma a evolución da propia asociación e os proxectos de futuro que teñen.
Cando naceu a asociación Cohors III lucensium?
A nosa é a máis antiga de todas, levamos ahora, se non recordo mal, 14 anos en funcionamento. Foi a primeira que surxiu en Lugo coma asociación de recreación romana. Actualmente, traballamos en máis sitios ca no Arde Lvcvs para recrear e dar a coñecer Lugo fóra das propias murallas e, nos últimos anos, incluso no extranxeiro.
En que lugares estivesteis coma asociación?
Aquí en España estivemos nas guerras cántabras, en Sagunto, en Asturias, en León, en Andalucía... En Galicia estivemos no Friulio en Friol, en Cambre e en Santiago. Fóra de España estivemos en Chaves, Portugal e fomos a Alba Lulia en Rumanía un par de anos. Este ano estabamos invitados a ir a Macedonia, a Checoslovaquia... pero non puidemos polo tema da covid19. Aínda así, mantemos relación con todas esas asociacións e tamén con algunha de Francia e Italia pensando nun futuro.
Por qué surxiu a idea?
Eu levo 11 na asociación, polo que non foi algo que vivín. Penso que foi nunha reunión dos que formaron a asociación. A idea xurdiu tamén paralelamente nun grupo de persoas do Concello de Lugo e viron a posibilidade de formalo. Surxiu máis que nada, coma unha colaboración entre amigos.
Cada canto vos xuntades?
Os da xunta directiva, normalmente, tratamos de xuntarnos como mínimo unha vez ao mes e intentamos manter o máximo contacto posible. Aínda que sí que é certo que levamos este ano e medio un pouco paralizados polo tema da pandemia. Antes de toda esta situación, subiamos á nave a adestrar movementos militares, a reparar pezas... Como mínimo xuntábamonos unha vez por semana.
Cantos formades parte do proxecto?
Hoxe andamos en torno aos 80 ou 85 en activo sendo socios. A parte, tamén está a figura do asociado e colaboradores.
Canto tardades en montar un campamento?
En canto á parte externa do campamento que temos a día de hoxe, móntase nun par de días. Neste caso, traballamos cunha empresa de aquí de Lugo porque necesitamos plataformas para desprazalo ata o centro. Na praza maior instálanse dúas grúas e outra instálase na nave do Ceao, onde temos todo almacenado e onde o montamos para poñelo nas plataformas. En canto á parte interna e aos detalles, solemos tardar uns 3 ou 4 días polo menos. Ahora xa temos experiencia e o que máis leva son os pequenos detalles.
Sempre construídes no mesmo sitio nas festas de Arde Lvcvs?
Sí, levamos dende que comezou a asociación con esa ubicación na praza Maior. De feito, o campamento está un pouco dimensionado para ese espazo.
Que actividades realizades este ano?
Este ano estamos algo condicionados pola pandemia coma nos pasou o ano pasado. Quizais se fan algunhas actividades máis pero seguimos estando condicionados polas medidas sanitarias. Este ano montaremos un campamento que non vai a ser como o que montamos habitualmente, senón que é algo máis ventilado e máis aberto para que a xente o vexa sen acumularse ao seu redor. Se se nos permite, tamén faremos algún desfile. En canto a outras actividades, nós temos un problema e é que moitas delas eran actividades de combate ou de contacto, polo que non se van a poder realizar. Así mesmo, o que sí faremos, serán conferencias. Eduardo Fernández, o noso vocal, organiza todos os anos en colaboración co Concello e coa Deputación unha serie de conferencias con escritores, arqueólogos ou xente de Lugo e de fóra de Lugo que traballan e que investigan sobre a reconstrución da vida romana e da vida castrexa. Ademais, tamén faremos unha reunión a través de videochamada con outras asociacións de Rumanía, Francia, Italia e Portugal coas que temos relación para que estean presentes no Arde Lvcvs. É o que imos facer máis ou menos este ano.
Considerábades ao primeiro que íbades chegar ata este punto?
Non, a verdade é que non. Empezamos a tirar algo para arriba e dábamos a sensación ás veces de que non tiñamos a suficiente calidade de chegar ata ahí. Sen embargo, comezamos a ver que se facían ben as cousas e que a xente da asociación tamén se animaba e respondía. Eu sempre defendín o factor humano porque creo que foi o que nos deu ese punto por riba do demais para poder chegar nun primeiro momento a outros lugares de España e, actualmente, a nivel internacional. É un orgullo poder levar a cidade de Lugo polo mundo.
Vós que vivisteis dende dentro o Arde Lvcvs, como vedes a evolución da festa?
Vimos unha evolución enorme, o que pasa é que agora dá un pouquiño de medo que non siga crecendo. Esperemos que nomeen ao Arde Lvcvs coma unha Festa de Interese Turístico Internacional que é o seguinte paso. Eu sempre o dixen, o máis impresionante do Arde Lvcvs é a poboación de Lugo. Ti cando vas por ahí adiante o que ves é que pode haber moita xente vendo os eventos pero participando coma participa a poboación da nosa cidade é moi complicado. Lugo para eso foi unha pasada como evolucionou.
Tedes algún proxecto de futuro?
Temos dous ou tres proxectos de futuro. Un é unha sorpresa para o Arde Lvcvs do ano que vén que cremos que vai ser espectacular pero que aínda non se pode desvelar. A maiores temos algún proxecto que imos intentar plantexar con outras asociacións de Lugo despois do Arde Lvcvs. Cremos que é fundamental ir cambiando e renovar o que se fai día a día para non repetirnos demasiado.