Manuel Curiel: "O único segredo é a afección ao cinema do público lucense que nos ven apoiando ano tras ano"
Este ano a Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo celebra a súa 44 edición do 19 ao 24 de setembro cunha homenaxe a María Casares. Falamos con Manuel Curiel Fernández autor do libro sobre a figura da artista e director da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo
Como comeza a súa vinculación co cine?
Cando tiña dez ano no Gran Cinema da Fonsagrada, levábao Don Cosme Iglesias Trevín (que tamén era propietario doutros cinemas da provincia, entre eles o Victoria de Lugo). Eu fíxenme o seu amigo e axudante. Pintaba as carteleiras, ía recoller e enviar as películas ao coche de liña, e axudaba na cabina de proxección (todo isto ás agachadas da familia).
Así, asistía gratuitamente ao pase das películas sábados, domingos e días de feira. O local do cine estaba precisamente nos baixos da escola, por iso podo dicir que pasei na miña infancia máis días nesta casa que na miña propia. Logo cando me trasladei a Lugo a estudar o bacharelato, a miña amizade con Don Cosme abríame as portas do Cine Victoria, previa repartición dos famosos “prospectos” polo paseo de Lugo (Cantóns e rúa da Raíña) da película que programa o cine. Mais tarde en Santiago, tiven que inventarme outros sistemas, para e sobre todo, asistir diariamente ás sesións continuas do Salón Teatro., pero ese e outro cantar.
Cal é o titulo do seu novo libro e cando sairá publicado?
Agora mesmo, estou inmerso en dous títulos. O primeiro, que será presentado na próxima edición da Semana do Cinema é o dedicado á actriz coruñesa María Casares e o seu centenario. Será homenaxeada no Festival de Lugo, xunto a unha sección retrospectiva e unha exposición; así como a colocación dunha placa conmemorativa no Paseo do Cinema no parque de Frigsa. O seu título será María Casares. Vive desde hai cen anos. O segundo é un traballo para o Concello de Lugo de moitísima investigación sobre as películas estreadas en Lugo o Domingo das Mozas dos últimos cen anos. Será presentado coincidindo coas festas de San Froilán, dentro do seu programa.
Como xurde a idea para este novo libro?
Xeralmente, os libros editados por Fonmiña, son traballos para a Semana de Cine, ao longo das súas edicións. Creo lembrar que estamos preto da vintena de publicacións e todas elas relacionadas con xente do cinema lucense e galega. Cando se inicia o trámite dunha nova edición da Semana, a xunta directiva, reunímonos e estudamos todas as posibilidades e a quen homenaxear e de aí nace a figura da persoa ou o tema a quen lle dedicamos cada ano.
Como nace a Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo?
A primeira Semana de Cinema de Lugo nace en 1979, a través dunha subvención concedida a Fonmiñá por parte do Ministerio de Cultura de medio millón de pesetas (3000€), coa idea de facer unha semana de cine pero sen continuación. Ao ano seguinte a Xunta Directiva (a mesma que na actualidade) decidiu seguir adiante coa denominada Semana Internacional de Cinema de Autor un ano mais e así ata a actualidade, e van 44 edicións
Cal é o secreto do éxito para continuar tantos anos con este festival?
Penso, que o único secreto é a afección ao cinema, non so por parte de Fonmiñá, senón tamén do público lucense que nos ven apoiando ano tras ano. Todo iso coa estimada colaboración por parte do Concello de Lugo, Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia. Foron moitos os desgustos, atrancos, alegrías e emocións. Polo momento non atopamos xente para unha posible substitución, xa que o peso do Festival e os anos non perdoan, pero de momento seguimos adiante aínda que sexa ano a ano.
Cal será o prato forte desta nova edición?
Naturalmente as homenaxes a María Casares, Margarita Ledo Andión e Dario Xoan Cabana. Películas míticas como o son “O acorazado Potenkim” ou “O bosque do lobo”. O cinema infantil, a sección oficial, o cinema documental, practicamente a totalidade do cinema galego realizado, os mellores e mais premiados curtametraxes nos mellores festivais de todo o mundo e o novo cinema español inédito.
Algunha recomendación persoal a non perder?
Recoñezo a imposibilidade de ver 120 películas nunha semana (a min levoume máis tempo), pero que cada espectador estude a totalidade da carteleira e que se faga o seu propio programa. O que si rogamos e agradecemos é a súa asistencia.
Que recorda con máis cariño das pasadas edición da Semana Internacional de Cine de Autor e cal cree que foi o momento máis difícil?
Recordo con agarimo a xente homenaxeada e que xa non está connosco Frank Braña, Eduardo Fajardo. A miña estancia na Arxentina para a realización do libro e documental de Enrique Muiño. A xente de Baleira que se envorcou na homenaxe á súa estrela Carmen Correa. En fin, ao longo de 44 anos foron moitas as penalidades sufridas pero máis as alegrías, o que nos fai seguir adiante coa Semana. Hai moi poucas actividades en Lugo que duren ininterrompidamente tantos anos e unha delas é a Semana de Cine.