Entrevista: "Os recursos que conseguimos das exposicións revertímolos no noso labor social"
Xabier Bermúdez, socio lucense de Aesclick, comenta como está levando a asociación as primeiras iniciativas en Lugo.
Dende cando colabora a asociación Aesclick con espazos de Lugo? Con que espazos colabora?
A nosa actividade en Galicia remóntase a 2015, e nun primeiro momento, centrouse fundamentalmente no sur: Vilagarcía, Mondariz e sobre todo Vigo; así como na cidade de Compostela. Por aquel momento o groso dos socios e socias concentrábase alí. Durante a pandemia entraron na Asociación socios e socias de Lugo e xuntos, impulsamos esta primeira exposición na nosa cidade. Por abril deste ano puxémonos en contacto coa Concellaría de Cultura do Concello de Lugo e saiu a idea de facer unha exposición sobre Historia da Galiza, concretamente no Museo MIHL, un espazo incríbel e moi adaptado aos nosos requerementos. Gustaríanos agradecer, tanto á Concellaría de Cultura como ao personal do MIHL, a súa confianza, traballo, disposición e paciencia con nós.
Cando nace a idea de Aesclick e por que?
Aesclick é unha asociación estatal de coleccionistas de xoguetes Playmobil, sen ánimo de lucro, que nace en 2004. Foi a primeira asociación deste tipo a nivel mundial. Cabe asinalar que Aesclick non depende nin ten nada que ver ca marca Playmobil. Nin traballamos para eles, nin dependemos en nada deles, simplemente coleccionamos os xoguetes que eles fabrican. Dende ese 2004, ese pequeno grupo de coleccionistas precursores foi medrando e, a día de hoxe, a Asociación está amplamente distribuída por todo o estado. O que nos une a todos é a nosa paixón por estes bonecos de 7,5 cm de alto e por suposto a labor social da nosa asociación, da que estamos plenamente orgullosos e da que despois poderemos falar. Como fito máis relevante a nivel asociación, en 2010 conseguiuse o récord mundial Guinness á exposición Playmobil máis grande do mundo con case 69.000 bonecos. Récord que segue en vixencia a día de hoxe.
Cales son os vosos obxectivos?
Como se comentou, Aesclick é unha asociación sen ánimo de lucro. Todos os recursos que conseguimos das nosas exposicións revertímolos íntegramente no noso labor social, a infancia con máis necesidades. Aesclick colabora con todos aqueles hospitais do estado que poñen a nosa disposición un espazo e unha urna nas áreas de pediatría. Nesas urnas (de 2x1 metros) montamos pequenas exposicións temporais que imos mudando cada 3/4 meses. A idea é traballar cas unidades de Humanización Hospitalaria de cada centro para crear un mundo paralelo onde cativos e cativas ingresadas poidan evadirse e pasar bos momentos. Ademáis, nestes hospitais colaboradores, donamos cada ano polo Nadal un lote de xoguetes playmobil para seren repartidos entre os ingresados/as ao longo de todo o ano. Deste xeito, independentemente da condición social e económica de cada familia, todas elas teñen un xoguete propio co que distraerse, xogar e compartir durante a súa estancia hospitalaria. Playmobil, ademais, é un xoguete que fomenta o xogo en grupo, algo que desgraciadamente se está a perder entre a infancia. Dende 2017 colaboramos ca Área de Humanización Hospitalaria do HULA e está en proceso moi avanzado a colaboración a curto prazo co Álvaro Cunqueiro de Vigo e co Materno Infantil-Teresa Herrera da Coruña. Por outra banda, en anos de bonanza económica, a asociación dona xoguetes e outros materiais didácticos a ONG’s, Fundacións ou Institucións que promoven a axuda á infancia desfavorecida ou en risco de exclusión social.
Vedes resposta na xente? Considerades que Lugo está volcada con iniciativas coma esta?
Temos que responder cun enorme SI! A ambas preguntas. A xente de Lugo volcouse dende o primeiro día ca exposición; dende a propia Concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, como o tenente de alcalde, Rubén Arroxo; o mesmo día da inauguración até os xa 2.000 visitantes que a día de hoxe (nas tres semanas de expo que levamos) levan pasado polo MIHL a visitar esta Historia da Galiza a golpe de Clik. De feito, dende a Concellaría xa se nos pediu a prolongación de máis un mes da exposición, debido ao éxito de asistenza. Algo que valoramos moi positivamente.
Por que nace a idea da exposición?
Nós, os coleccionistas lucenses, queríamos expoñer na cidade. Sabíamos do enorme “feed back” que supoñen as nosas exposicións. Playmobil é un xoguete do que gostan nenos e adultos e a asistenza ás expos adoita ser masiva. Sabíamos que podería funcionar ben. Foi poñernos en contacto con Anxo Lamelo, técnico de cultura do Concello de Lugo, presentarlle o noso proxecto e dar para diante a iniciativa. Coñecíamos o Museo MIHL e axeitabase á perfección aos nosos reaquerementos, así que propuxéronnos facer alí un percorrido histórico de Galiza até a idade media. A exposición consta de 5 dioramas que contan cunha explicación en vinilos pegados na parede, así coma un código QR moi sinxelo de descargar que contén a mesma información en audio. Catro de 2x2 metros cadrados onde se representa a Galicia no Xurásico, a Galicia paleolítica, a Galicia Castrexa e a Gallaecia Romana. Como diorama principal (2x10 metros) está a Galicia baixo medieval: O Reino de Galiza no ano 1000 d.C. Todos os dioramas están inzados de escenas da vida cotiá en cada unha das épocas, así como de escenas extemporáneas e divertidas que colocamos para que os asistentes as localicen, dando así un toque divertido. Estas escenas servirán tamén para que o personal do MIHL, nos talleres que organizan cada fin de semana cos máis cativos, poidan falar de historia e aprender xogando.
Hai preparadas máis actividades ou actuacións como esa en Lugo?
Polo momento imos ver como funciona esta exposición e despois será tempo de valorar se a iniciativa cumpliu as expectativas. Por parte de Aesclick estamos abertos a seguir colaborando co Concello e ca cidade, poñendo os nosos clicks a disposición dos e das lucenses.