Entrevista: "Quizais o maior efecto da pandemia foi a reconexión coa terra que habitamos"
A A.V. Irmandade Naviega conta os diferentes obxectivos da asociación e como, pouco despois de crearse, tivo que pausar todo a causa da situación sanitaria.
En que ano nace A.V. Irmandade Naviega? Para que fin?
A A.V. Irmandade Naviega creouse en setembro do 2019 co obxectivo de dinamizar o concello a partir da realización e organización de diversas actividades de distintas áreas (cultura, natureza, tradición...). O fin principal co que naceu foi para conseguir que o Castelo da Proba de Navia pase de ser un ben privado a converterse nun lugar público que se poda visitar e tamén, ao que lle den os coidados que necesita para que non se siga deteriorando.
Que obxectivos teñen dende a asociación actualmente?
Os obxectivos van evolucionando co paso do tempo pero, en liñas xerais, seguen a ser os mesmos que ao principio: dinamizar a zona, ofrecer algunha actividade á xente local e foránea e esforzarnos por mudar as cousas que poden estar nas nosas mans.
Hai planificada algunha actividade ou evento proximamente?
Sí, temos planificada a presentación dalgún libro de escritores da zona con data aínda por fixar. Por outra banda, no fin de semana do 7 e o 8 de agosto vai haber unha actividade en colaboración cos artistas rusos Pavel Yakushev e Alisa Smirnova. Para o resto do ano temos pensada algunha cousa máis pero dependen da evolución da pandemia.
Sodes unha asociación activa en canto a actividades e eventos, como responde a vila?
De momento as actividades que fixemos foron a I Polavila Naviega, o I Concurso de Sobremesas dos Ancares, unha xornada de recollida de lixo no río Navia ou o paseo de Navia en Primavera con Guido Guía. A resposta da xente está sendo moi boa e nos nosos actos sempre hai unha cantidade de persoas participantes, non podemos queixarnos.
Como viviu a pandemia a asociación?
A nós, como asociación, afectounos negativamente porque estábamos despegando coas nosas actividades e tivemos que pausar todo. A nivel de concello, en Navia de Suarna a pandemia non tocou tan forte coma noutros lugares xa que só houbo un contaxiado e ao ser esta unha zona rural con moitas aldeas pequenas, a vida non mudou tanto. O mundo non se parou coma na cidade porque a xente tivo que seguir coidando o seu gando ou atendendo as súas hortas. Quizais o maior efecto da pandemia foi a reconexión coa terra que habitamos e o aumento da autoestima por sentírmonos case autosuficientes, sen moita necesidade de pasar polo supermercado.
Que destacarían de Navia de Suarna?
Navia de Suarna está localizada nun entorno privilexiado, ao pé do río Navia e coa serra dos Ancares rodeando a paisaxe. Destaco a beleza do lugar pero sobre todo, a importancia do papel que ten cada unha das persoas que seguen vivindo nesta zona de vales e montañas, con veráns cálidos e invernos fríos.
Que consideran que se podería mellorar para que a vila crecese?
Esta pregunta é difícil, o despoboamento sempre está presente e facerlle fronte é un gran reto para o porvir. Ofrecer unha axenda de actividades culturais e de outros sectores podería ser un atractivo para esta zona; conseguir que haxa unión e cooperación entre os veciños e veciñas é outra das claves para revertir a situación actual. Asemade, nestes últimos anos estamos vendo que hai xente nova volvendo e demostrando que aquí se pode vivir facendo o que a cadaquén lle gusta. Con ese fío de esperanza queremos ollar cara ao futuro.