Ramón Carballo: "Lugo é unha cidade cómoda, con moito potencial e recursos"

LugoXa
Conoce a Ramón Carballo Páez a través de la entrevista al portavoz del grupo municipal Partido Popular del ayuntamiento de Lugo.
RamónCarballo_CandidatoPPdeLugo_006
7 Mar 2022

Ramón Carballo, portavoz do Partido Popular no Concello de Lugo.

Como describiría a cidade de Lugo?
Para min a cidade de Lugo é marabillosa e moi acolledora. É unha cidade cómoda, con moito potencial e recursos. Boto en falta unha maior planificación por parte do goberno local para mellorar a limpeza, a mobilidade e o mantemento do espazo público. Tres premisas fundamentais para conseguir que o magnífico casco histórico que temos sexa declarado como o cuarto Patrimonio da Humanidade.

Se tivera que convencer a alguén para que veña a vivir a Lugo como o faría?
Diríalle que é unha cidade hospitalaria e tranquila. Aquí ninguén se sinte estraño e en seguida vai atopar o seu grupo e entorno social para que calquera persoa emprenda o seu proxecto de vida.

Poucas cidades poden presumir de ter a cinco minutos contornas naturais como o Paseo do Miño e o Paseo do Rato. Mágoa que o goberno local, en 20 anos, non fose capaz de pechar este magnífico cinto verde ou de darlle continuidade cun camiño de ida e volta pola outra beira do río, tal e como nós propuxemos.

Ademais, o noso casco histórico ten un encanto especial. Cando pasou por aquí o alcalde de Madrid, Martínez Almeida, facendo o Camiño Primitivo dicíame: “Ramón tedes unha cidade cun potencial tremendo”.

Cales cre que son a maiores carencias da cidade?
Os problemas de aseo urbano son o pan de cada día; o tráfico da cidade empeorou nos últimos tempos como consecuencia dun proxecto de cidade dual dos dous partidos que forman parte do bigoberno; tamén nos últimos tempos a reforma do transporte público dificultou a vida de moitos veciños xa que o deseño das liñas non foi o máis adecuado. Nós seguimos á espera da gratuidade das viaxes para menores de 18 anos así como os transbordos de balde.

E que dicir das trabas burocráticas, das esperas interminables que sofren os cidadáns que precisan facer calquera trámite no Concello de Lugo como consecuencia do fracaso da administración electrónica. Todos estes atrancos están freando o investimento no municipio, onde seguimos falando de vellos problemas. En resumo: falta unha aposta firme polo emprendemento para xerar emprego e mellorar a economía.

Outra carencia é que temos dous modelos moi distintos de cidade no bigoberno municipal que repercute na execución dos proxectos.

Como está a traballar o Partido Popular para solucionalas?
Eu, dende que son voceiro e dende que asumín a responsabilidade de presentarme as pasadas eleccións intentei facer unha acción política baseada na escoita activa, pisando a rúa sempre que podíamos co obxecto de presentar propostas en positivo, de cuestións reais que afectan á veciñanza, para que servisen de utilidade aos lucenses. De feito, conseguimos grazas a nosa presión que o goberno de Lara Méndez dese marcha atrás e calculara de novo, tal e como lle suxerimos, os recibos da auga que viñan con sobrecustes por erros na lectura dos contadores. Tamén se recuperaron as taxas das pasaxes de 12 horas.

Esta modificación, que reclamamos con insistencia, evitará, a partir de agora, impostos desorbitados como os que pasou o Concello de Lugo o ano pasado a pequenos autónomos e negocios que chegaron a triplicar a súa factura.

Estes son dous exemplos do que entendemos no Partido Popular como unha política útil.

Tamén fixemos propostas moi interesantes como invitar ao goberno local a que presentase a Lugo para a candidatura da Cidade Gastronómica 2022, un galardón que recaeu finalmente en Sanlúcar de Barrameda. Nin PSOE, nin BNG quixeron optar a esa distinción, así como tampouco polo Grao Culinario Gastronómico. Eu mantiven contacto co reitor da Universidade de Santiago e tamén coa Xunta e ambos vían posible este grao gastronómico que finalmente, por falta de interese, tanto de PSOE como do BNG marchou para outra cidade.

En definitiva, faltou o respaldo político por potenciar o peso da restauración que temos no municipio así como a materia prima da que dispoñemos, xa que ambas peticións servirían para dar un pulo do lema “E para comer Lugo”.

Dende o PP tamén fixemos numerosas propostas para seguir avanzando na consecución do Casco Histórico como Patrimonio da Humanidade como é avanzar na peonalización do Paseo Interior da Muralla.

Recentemente decidimos cederlle aos veciños de Lugo parte da cota das iniciativas que podemos levar a pleno e comisións. Neste eido, conseguimos desbloquear unha petición da veciñanza de Castelo que está a ter moitos problemas coa liña 5 do autobús urbano.

Tamén insistimos en reclamar a instalación de cámaras de videovixilancia protexendo os elementos máis emblemáticos do casco histórico e que evitarían problemas de convivencia e botellóns en puntos do entorno da Catedral.

Que opina do bipartito de goberno?
Díxeno desde o primeiro momento: é un bigoberno de perdedores. No único no que se puxeron de acordo o primeiro día foi en que non gobernara a lista máis votada que gañou as eleccións e que foi a do Partido Popular.

Co PSOE e co BNG Lugo ten o goberno máis caro da historia da cidade, que lles custa aos veciños e veciñas 4 millóns de euros.

Non teñen un modelo único e claro da cidade e isto da lugar a pelexas constantes. Como a sucedida pola inauguración de Quiroga Ballesteros, a Praza de Abastos ou a máis recente de todas na apertura do aparcadoiro do Centrad.

Cal cre que é a súa maior debilidade?
As pelexas entre eles. Están máis pendentes dunha foto e dun titular. Non están pendentes de solucionar os problemas da cidade. Ao non haber un proxecto conxunto de cidade as interferencias saltan e da a sensación de que non existe a comunicación. Falan dunha transformación da cidade que non existe porque os fondos europeos foron e son un despilfarro.

Está claro que este matrimonio de conveniencia non rompe porque o PSOE perdería estabilidade e o BNG visibilidade. Mentres tanto, os lucenses seguiremos pagando polas súas liortas e a cidade seguirá sen un goberno serio que xestione os problemas da veciñanza.

Último logro acadado na cidade de Lugo nos últimos tempos?
O logro máis importante da cidade foi conseguir que a Muralla, o Camiño Primitivo e a Catedral fosen declarados Patrimonio da Humanidade. Este é un valor e un logro de todos os lucenses e da xente que se involucrou nestes proxectos.

A construcción do polígono das Gándaras é unha das bazas que ten o municipio para atraer empresas. Un polígono onde a Xunta de Galicia puxo as parcelas ao 50% do prezo do mercado e onde se tiveron que facer ata 3 ampliacións.

Outras grandes obras son o Hula ou a transformación integral do barrio da Residencia así como o novo auditorio de Magoi. En todas elas hai un denominador común que é que a Xunta de Galicia demostra que é a única administración comprometida, con feitos, co futuro de Lugo.

O Concello de Lugo se dedica a malgastar os fondos de Europa en actuacións como o carril bici que máis que contribuír a mellorar a calidade de vida xera problemas.

Cal foi a súa maior decepción política?
Se me limito á vida municipal de Lugo, eu creo que foi a falta de xestión. Dende o primeiro momento vin que non hai dirección política para dar oportunidades a novos emprendedores e xente que se queira asentar en Lugo. Isto supón unha perda económica importante ademais dunha perda de emprego. Non hai ningunha intención de chegar a acordos, nós brindamos e apoiamos iniciativas importantísimas como o 5% do PXOM, o plan rehabita e o plan de Lugo transforma xa que vemos unha oportunidade beneficiosa para os lucenses polo que facemos unha política útil.

En termos xerais, a maior decepción agora mesmo é a polarización da política, esa perda de consenso a nivel xeral.

Repetirá nas vindeiras municipais?
Neste momento aínda non estamos nesa fase, o PP non designou aos candidatos e cando chegue o momento tomaremos a decisión. Eu sempre estiven á disposición do partido. Hai un proxecto para a cidade e estou seguro de que se poderá levar adiante.

Cre que nas próximas eleccións Lugo volverá a dar a maioría ao PP?
Eu creo que sen dúbida. Os lucenses saben que no Partido Popular teñen esa alternativa necesaria para a cidade. O PP gañou todas as eleccións municipais, excepto na ocasión que Orozco tivo unha maioría absoluta.

Nós vamos intentar chegar ao goberno porque sabemos que Lugo necesita ese cambio máis que nunca porque o proxecto político do PSOE e BNG, que leva 22 anos gobernando ben solos ou conxuntamente, está esgotado.

O PP venceu tanto no Concello coma na Deputación, se non fora polo bipartito en ambas administracións gobernaría o seu partido. Cal sería o obxectivo nese caso?
Están gobernando os perdedores, é lexítimo, a lei electoral o permite. Moitos votantes seguen sen entender que si o seu voto gañou non goberne a decisión da maioría. Esta situación debería facernos reflexionar sobre a necesidade dunha modificación ou actualización do sistema coa conseguinte da lei.

En que poñería o foco no caso de acadar o goberno?
O primeiro sería mellorar o aspecto da cidade, a carta de presentación non fai xustiza ao municipio que somos.

Ademais, tamén considero que hai que mellorar a mobilidade. Nos últimos tempos estase retrocedendo tanto co carril bici como co transporte público.

Sería importante tamén traer inversións a Lugo é que sexa unha cidade atractiva para o investimento e a creación de emprego.

Outro punto que tería en conta eu persoalmente, sería a loita para que Lugo consiga ese cuarto patrimonio da humanidade polo casco histórico, desenrolando o paseo interior da muralla. Hai vivendas pegadas na muralla pero había moitas máis na parte exterior, esta sería unha obra prioritaria para axudar a conseguir ese cuarto patrimonio da cidade.

Poñeríamos en funcionamento o auditorio que se está deteriorando día a día sen saber cando se vai poñer a disposición de todos. Seguir avanzando na unión da cidade co Miño. Nós presentamos unha iniciativa para unir con pasarelas o parque de Rosalía co Río Miño, pasando polo Marcos Cela, utilizando ben os fondos europeos.

Lugo non pode esquecerse do rural que conforma o 80% do territorio polo tanto hai que potencialo. Temos que pelexar polo saneamento e dar coberturas tecnolóxicas no rural. Non é de recibo en pleno século XXI que a maioría das parroquias do rural teñan mala cobertura de móbil e de internet.

No caso de acadar maioría pero non absoluta, o PP prantexaríase o pacto con outro partido?
O Partido Popular preséntase e traballa para obter a maioría absoluta para gobernar. Polo tanto esa é a nosa única folla de ruta e a única alternativa que contemplamos.

Hai pouco estaban coa recollida de firmas para a apertura do Auditorio. Esta iniciativa obtivo unha gran acollida. Cal é o seguinte paso?
Estamos moi satisfeitos e queremos dar as grazas aos 3.000 lucenses que se achegaron, nunha semana, a firmar un manifesto a favor da apertura do Auditorio. É un aval moi importante. Hai que lembrar que o goberno local recibiu as chaves do edificio o 23 de xuño de 2020. A veciñanza quere saber o prazo de apertura que baralla o bipartito e a programación que prevén para darlle contido. Seguimos á espera dunha reunión coa alcaldesa e con Arroxo.

Tamén foi moi polémico o vídeo sobre o carril bici. Que pretendían demostrar con esta iniciativa?
Sabemos que lles molestou moito porque puxemos en evidencia os derroches económicos dos fondos europeos en obras mal deseñadas. Neste caso falamos de 1.400.000 euros tirados nun carril bici polo que non pasa ninguén e que supuxo a desaparición dunhas 400 prazas de aparcamento.

Hai uns días estaban repintando de novo o carril bici na rúa Xermán Alonso; o mesmo ocorreu no cruce da Rúa Santiago con República Arxentina, sendo un goteo de gastos constantes. A Ronda do Carme presenta hoxe moitas dificultades para que pase o camión do lixo e suporá unha maior complicación o día que se precise a dotación de bombeiros ou ambulancia.

En que outras materias da cidade está a traballar o PP?
Estamos traballando en moitas outras materias. Cada concelleiro ten unha responsabilidade de fiscalizar o que fai o goberno na área que lle pertence. Seguiremos fiscalizando a acción do goberno, seguiremos denunciando o abuso de contratos menores sobre todo en cultura e turismo.

Nese traballo de fiscalización nós temos claro o modelo de cidade que queremos e, insisto, eu creo que o modelo que está utilizando o bipartito está esgotado e non ten máis recorrido na cidade. Por iso, dende o PP seguiremos traballando para dar unha nova visión e proxección a nivel galego, nacional e mundial.

O turismo aumentou moito nos últimos anos a pesar da pouca inversión municipal tanto na promoción como na oferta de contido cultural que se ten Lugo. A programación cultural é raquítica, contamos cuns museos marabillosos como a Domus de Mitreo que ten gran repercusión.

0.14535999298096