Suso Lázare, Estudantes Lugo: "queremos volver a ser fortes en categorías minis e preminis para dende aí volver a crecer como club"
Como nace o Club Estudantes Lugo?
Fai máis de cincuenta anos, en 1968, no Instituto Masculino, hoxe Lucus Augusti, o profesor de Educación Física José Antonio Santiso creou a sección de baloncesto para que os nenos practicasen deporte e baloncesto. A partir de aí xurdiu o Club Estudantes Lugo sempre vinculado ao instituto, actualmente o logo componse de dúas iniciáis EI que se corresponden coas palabras estudantes e instituto.
Como chega a presidencia?
Sobre o ano 2001 ou 2002 Ignacio, o meu fillo maior comeza a practicar baloncesto no club e ao pouco tempo Jose Antonio Caneda pídenos aos pais que tiñamos naquel momento aos nenos pequenos botar unha man e formar unha nova directiva. Desde entón formo parte da directiva do club, primeiro como vogal, logo de vicepresidente con Jose Antonio e cando o dimitiu eu asumín a presidencia durante os seguintes anos e ata este momento.
Onda naceu a súa vinculación co deporte?
A miña vinculación co deporte é dende mozo, sempre practiquei deporte e en idade escolar fixen voleibol e balonmán no colexio Maristas e logo realicei piragüismo. De forma amateur sempre me gustou correr e o deporte ao aire libre e cheguei a completar duas medias maratóns. Agora coa idade o que me queda é andar pouquiño a pouquiño.
Con cantos deportistas e categorías conta o club?
Actualmente contamos con equipo en todas as categorías no masculino dende o que se denomina agora como prebasket e minis ata o equipo sénior en nacional. En canto ao feminino temos categoría ata júnior, neste caso non temos equipo sénior. Actualmente contamos con un total 18 equipos nos que participan 250 deportistas.
Como vos afectou a pandemia?
A pandemia, como a toda a sociedade, afectounos en que nos tivemos que ir reinventando día a día, creando protocolos e adaptándonos ós que nos daban dende as institucións para as competicións e o uso das instalacións. A min persoalmente o que máis me afectou foi deixar de poder ir ver os adestramentos e os partidos ó pazito, perderme o días a día cos nenos e nenas. E como club tivemos un baixón de rexistrados xunto cos problemas que van xurdindo nas diferentes xornadas con algúns casos positivos e as medidas e protocolos.
Que valoración fai da ultima tempada?
Esta tempada valóroa como positiva, bueno neutra positiva sendo sinceros. Houbo unha serie de equipos que descenderon de categoría o cal era previsible xa que coa pandemia houbo xogadores que deixaron o club. Pero tamén valeu para asentarnos na nosa idiosincrasia que son as escolas e volver ser fortes en categorías minis e preminis para dende aí volver a crecer como club. Loxicamente nas categorías júnior, cadete e infantil tanto masculina como feminina hai que seguir tentado competir e facelo o mellor posible, pero hoxe en día o club está enfocado en volver sacar novos xogadores e xogadoras para os equipos lucenses.
Como se presenta esta nova tempada e cales son obxectivos para este novo ano?
Os obxectivos para esta tempada basicamente son seguir asentándonos, que volva entrar xente e se incremente o número de xogadores e xogadoras. Afianzar de novo ben as escolas e por suposto tentar recuperar a categoría naquelas que se descendeu a tempada pasada. Fóra das competicións facernos fortes tamén nas actividades que desenvolve o club como os campamentos de verán e de inverno.
Que actividades realizada o club a maiores dos adestramentos e a competición deportiva?
A nosa principal actividade fóra dos adestramentos e as competicións son os campamentos de verán Móvete con nos, xunto cos de Nadal e semana santa. Cremos que estas actividades son unha forma de colaborar coas familias e axudar dalgunha maneira á conciliación familiar á vez que os nenos realizan unha actividade deportiva. Desde o club sempre estamos abertos tamén ao desenvolvemento de charlas, conferencias e formacións que poidan ser interesantes para os nosos xogadores e as súas familias.
Cales son os maiores logro do club?
É difícil dicir un logro ou dous. Un dos maiores éxitos do club é que durante estes cincuenta anos púidose manter unha canteira e un idea de formación integral de xogadores e xogadoras. Ter como sinal de identidade, adestrar, competir e o esforzo ademáis de saber que se pode compaxinar perfectamente deporte e estudos que ao final é o mais importante.
Houbo bastantes éxitos ó longo da historia do club por exemplo que o equipo sénior estuvera durante doce anos na categoría EBA, un cuarto posto conseguido no campionato de España júnior disputado en Zaragoza no ano 2012 ou varios campionatos galegos dende a categoría mini ata júnior. Destacaría tamén que durante moitas tempadas consecutivas os equipos do club conseguiron clasificarse para numerosos campionatos de España alcanzando grandes resultados. No ano 2012 a Federación Española elaborou unha clasificación de canteiras atendendo ós resultados en Campionatos de España no que o noso club aparecía na 10ª posición, primeiro club non ACB.
Sendo un club de base tamén é un logro que xogadores que se formaron connosco fosen convocados tanto polas seleccións galegas como españolas nas súas categorías de formación chegando varios deles a xogar torneos internacionais. Así como aqueles que están actualmente en equipos de primeira división tanto masculina como pode ser os irmáns Quintela e Alex Reyes en ACB ou Adrián Chapela e Pablo Ferreiro en Leb Ouro como feminina con Esther Castedo que vai xogar en Liga Feminina 1 co Ensino ou Zeltia Presas e Sara Corredoira que están en Liga Feminina 2. Pero non só xogadores senón tamén adestradores como Lisardo, Quique Fraga, Fernán ou Pablo Abuín. Son logros que o club ten aí e que quere dicir que se traballou ben nestes últimos anos.
Cal e o momento que lembra con mais agarimo dous seus anos como presidente?
É moi difícil, porque ao xogar os meus fillos aí non se se é máis a nivel persoal ou como presidente. A nivel persoal que os meus fillos participasen nun campionato de España sempre estará no meu recordo, o equipo onde xogaba o meu fillo Ignacio quedou ás portas dunha semifinal quedando eliminado nos últimos segundos cunha tripla do equipo de Zarargoza.
Como presidente ese cuarto posto conseguido polo equipo júnior no campionato de España en 2012 ou as clasificacións de equipos cadetes e júniors femininos para campionatos de España, co difícil que é para un club que desde fóra percíbese como principalmente masculino, conseguir estes resultados.
A titulo persoal gustaríame agradecer ás institucións que sempre nos están apoiando como a Deputación, o Concello e a Xunta e tamén ós nosos patrocinadores e colaboradores, especialmente ó grupo Leite Río tanto antes con Jesús como agora con Carmen Lence, que fan posible que podamos seguir traballando día a día