ENTREVISTA. "Toda familia de Antas ten ou tivo relación coa Banda de Música nalgún momento"
A Banda de Música de Antas de Ulla está de aniversario. Cumpre 125 anos e faino en pleno estado de forma. Con 50 músicos, que son como un gran familia, a agrupación conserva a ilusión do primeiro día. A actual situación sanitaria fíxolles frear, pero non conseguiu detelos. A versión que do mítico 'Resistiré' fixeron desde os seus domicilios durante o confinamento acadou as 9.000 visualizacións nun só día. Pendentes de poder retomar as actividades e organizar unha gala de aniversario, traballan na edición dun libro como homenaxe a cantos algún día formaron parte desta histórica agrupación.
Falamos co director da banda, Javier González Borrajo.
Como empeza a súa afección pola música?
Dende moi pequeniño, dinme os meus pais que cando escoitaba unha banda de música era unha das poucas maneiras de terme calmado. Con 4 ou 5 anos empecei na escola de música do meu pobo e ata hoxe.
Como foi a súa chegada á Banda de Música de Antas de Ulla?
No ano 2012 a banda de Antas non estaba pasando un bo momento, e buscaban director. Un dos músicos sabía que eu tiña gañas de coller algunha banda e chamoume para preguntar se estaba interesado. Precisei menos de 5 segundos para aceptar a proposta. Fixemos unha proba 3 aspirantes e eu fun o seleccionado.
Cantos músicos forman a banda?
Na actualidade somos arredor de 50 músicos, cunha media de idade de 18 anos aproximadamente.
A Banda de música de Antas ten un grande prestixio, atrae tamén a músicos doutros concellos?
Creo que ese prestixio veuse sementando durante estes 125 anos de historia. Sempre houbo bos músicos en Antas que fixeron vida mais alá do propio pobo, noutras bandas ou orquestras, e iso creo que fixo que a banda teña tan boa reputación. Hoxe en día temos xente de Taboada, Monterroso, Lugo, Palas de Rei e incluso de Melide.
Que diría que ten de especial a Banda de Música de Antas de Ulla?
Para min Antas é un pobo especial e sendo un pobo tan pequeno sempre admirei a súa riqueza cultural. Está a Escola e Banda de Música, o grupo de teatro, a asociación Fiadeira, Coral Sons do Farelo… Da banda destacaría por enriba de todo aos seus membros. Creo que a humildade e a bondade é o noso punto de conexión mais importante, e a partir de aí adicámonos a tocar e a pasalo ben a través da música. Non podo esquecerme tampouco de todo o que nos rodea, como son os nosos socios e socias, que son un apoio fundamental para a formación. Todo axuda para traballar sempre coa máxima ilusión.
Como describiría o seu xeito de traballar ou que intenta transmitirlle aos músicos?
Creo que é fundamental que os rapaces e os músicos desfruten co que fan. Na escola buscamos a dualidade xogo-disciplina porque é importante pasalo ben co teu instrumento pero tamén é importante o estudio semanal para poder seguir mellorando. Na banda sempre se trata de buscar un repertorio que sexa atractivo para o músico porque tamén hai que tratar de que collan o instrumento na casa para repasar os papeis. Chavales que están no instituto, na universidade, xente que traballa … É complicado pero sempre hai que tratar de motivalos para que o seu instrumento sexa unha vía de escape para eles.
Cal lembra como un dos concertos máis especiais coa Banda?
Soa a tópico pero lembro moitos concertos con moito cariño. Os principios foron moi duros e lembro a nosa primeira participación no certame galego, pola calidade musical amosada en apenas 4 anos de traballo. Logo fixemos novidosos proxectos como o concerto Rock que creo que foi moi especial no pobo Antas de Ulla. Centos de persoas arroupando a Banda do seu pobo é algo difícil de esquecer.
Ademais vostede é mestre na Escola de Música…
Para min a escola foi sempre un proxecto fundamental e ségueo sendo. É fundamental a formación dos nosos rapaces e apostamos moi forte pola escola de música. Para iso contamos con diferentes mestres titulados para as diferentes especialidades. A partir de aí todo é traballo para motivar e ilusionar aos nosos rapaces a través das diferentes actividades que organizamos durante o curso, e tamén o resto do ano, como por exemplo o campamento musical. Hoxe en día temos case 20 rapaces da banda senior que decidiron ampliar os seus estudios en diferentes conservatorios de Galicia e iso é algo increíble e impensable fai algúns anos. O seguinte paso oxalá sexa que algúns deles faga da música o seu medio de vida. Estou seguro que así será.
Que é o que se valora para seleccionar aos membros da Banda de Música?
Os rapaces fórmanse na escola de música, e xa teñen a oportunidade de tocar en grupo coa Diverbanda (banda de iniciación) e a Banda Xuvenil. Cando consideramos que teñen o nivel para ensaiar coa banda senior fan unha pequena proba e xa pasan a formar parte da banda dos maiores.
Como lles está a afectar a pandemia, tanto a nivel da banda como da escola?
É un lastre moi grande. Tratamos de manter aos rapaces motivados mediante proxectos como o noso vídeo 'Resistiré' que tivo moi boa aceptación. Van pasando os meses e todo se complica. Os rapaces están cansos de clases telemáticas e aos profes tamén nos supón un esforzo extra. Levamos dende outubro sen poder ensaiar e agora xa temos moitas gañas de facer música xuntos. De todo se aprende nesta vida, e os rapaces nese sentido sempre nos dan auténticas leccións. Hai que aceptalo e pensar que virán tempos mellores nos que por fin poderemos facer música xuntos.
Esta situación coincide ademais co seu 125 aniversario, teñen prevista algunha celebración especial?
Na nosa mente estaban varios proxectos: conferencias, concertos, exposicións… pero a situación xa sabemos cal é, e temos que ir pouco a pouco e axustarnos á realidade marcada pola pandemia. Se todo vai ben, no verán faremos unha gala central para rememorar estes 125 anos de historia.
Están ademais editando un libro para recuperar a memoria da banda...
Si, para min é o proxecto mais ilusionante, no que levamos traballando xa dende mediados do ano pasado. En 125 anos pasaron moitas cousas e nunca se sabe moi ben cal foi a historia real da banda. A idea é recuperar esa historia falando cos mais veteranos do pobo, tratando de acceder a diferentes documentacións, archivos…para que esa historia quede reflectida para sempre en diversos materiais didácticos. Contamos co apoio da Deputación de Lugo, que sempre nos bota unha man en todo o que pode, e levamos meses traballando conxuntamente neste proxecto. En cada casa do concello de Antas de Ulla, hai ou houbo relación coa banda de música nalgún momento da súa historia e por iso a xente está colaborando moito na causa. Aínda queda algún traballo por facer pero creo que quedará un traballo moi bonito.
A banda cumpre 125 anos, cre que ten futuro para outros tantos?
Porque non? Aínda que o rural galego está sufrindo un desgaste tremendo de poboación, nunca se sabe. Para iso traballamos nesta familia. Hai canteira e cada vez somos mais, e iso é a maior garantía de futuro para a escola e para Banda de Música.
Agora que se está a retomar a actividade cultural, teñen prevista algunha actuación?
Como che dicía o aniversario está marcado pola pandemia e de momento non podemos nin ensaiar. Cando nos deixen trataremos de retomar os ensaios por grupos pequenos e aproveitar para facer algún proxecto. Temos en mente un roteiro musical pola nosa comarca tan fermosa pero de momento non podemos planificar porque dependemos das medidas sanitarias.
Que agarda como director da Banda para o 2022?
De momento estamos moi centrados neste ano tan especial para nós. Dentro das nosas posibilidades imos tratar de que sexa un ano bonito e pretendemos que este aniversario sirva tamén para brindarlles unha homenaxe aos nosos socios e veciños, e que se sintan moi orgullosos da súa banda de música.
Por último gustaríame facer un chamamento a toda esa xente que teña algún tipo de documentación en relación coa banda de música (fotos, vestiario, recortes de xornal…) que se poña en contacto con nós en escolabanda.antas@gmail.com Estaremos moi agradecidos xa que será de gran axuda para esa homenaxe a toda a xente que algún día formou parte desta institución de 125 anos de historia.