Entrevista: "Todos os elementos que recuperamos a través da transmisión dos nosos maiores plasmámolos nas actuacións do grupo"
A Volta do Agro é unha asociación cultural que leva máis de 25 anos traballando pola recuperación e difusión da cultura tradicional galega. Falamos con Senén Montero, un dos membros que forma parte desta agrupación desde a súa fundación.
Como nace a asociación?
A Volta do Agro nace no ano 1995, este ano que vén facemos 28 anos. Eramos un grupo de persoas que estabamos xa noutras agrupacións e que decidimos crear a nosa propia.
A asociación nace co obxectivo principal de fomentar e sobre todo de recuperar a tradición no que respecta a traxes, música, bailes ou canto. Comezamos a realizar un traballo de recuperación de pezas e testemuñas polas aldeas a través da xente maior que tocaba e bailaba, nos comezos este traballo era máis sinxelo e xa se facía noutros puntos de Galicia, pero aquí non tanto.
Todos os elementos que recuperamos a través da transmisión dos nosos maiores comezamos a plasmalos nas actuacións do grupo e tamén nos obradoiros. Desde o inicio da asociación impartíamos clase para trasladar todo o que nós fomos aprendendo e que fose posible a súa continuación no tempo.
Como realizan o traballo de recollida de pezas tradicionais?
Nós intentamos entrar sempre a través dalgún coñecido para que non sexa tan brusco, xeralmente a través dalgún contacto que coñecía ou que sabía dalgunha persoa que cantaba ou bailaba. Algunhas veces mesmo simplemente era presentarse por alí, de entrada a maioría da xente di non, eu isto non, xa non me lembro, pero todo é un pouco que vaian collendo confianza contigo e onde dixeron que non sabían nada despois comezan a recordar e xa parece que non teñen fin.
Existen tamén moitas gravacións que aínda están en cintas de casete, en vídeos 8mm ou vhs e estamos intentando dixitalizar todo para que perdure no tempo e para que cando estás ensinando un baile ou unha canción podas mostrar esas gravacións e que se vexa que non é algo que ti estás inventando, se non que vén de atrás e forma parte da tradición.
Actualmente teñen ese arquivo ou están traballando nel?
A nosa intención é que sexa un arquivo que todo o mundo poda consultar, iso sería o ideal. Eu sei que é moi complicado e seguramente necesitaríamos algún tipo de apoio institucional para que todo se levase a cabo, pero eu penso que sería algo fundamental. Ata fai pouco cada un tiña o seu e non querían que ninguén soubese e hoxe iso está cambiando.
Agora temos moito contacto con diferentes agrupacións de toda Galicia que non teñen problema en compartir para que non se perda todo o legado. Que eses documentos queden para todo o mundo e compartir toda esa información é o que nós estamos intentando facer, todo o material que tiñan distintos membros do grupo ou xente coñecida doutros sitios poñelo todo en común. Se queremos que sexa considerado como un valor de patrimonio inmaterial ten que ser algo que estea ao alcance de todo o mundo.
Como de importante é este traballo de recuperación dentro da súa asociación?
É a base, na nosa asociación o estatuto máis importante é a transmisión de toda mostra de cultura tradicional, entón esa transmisión ten que comezar nas recollidas. Son a base de todo o que ti despois podas facer de traballo, de promoción ou de exhibición, tanto á hora de subirte a un escenario co grupo onde todo o que tocamos ou bailamos son pezas recollidas ata as clases. A xente á que damos clases é consciente de que o que lle estamos ensinando vén de atrás e que o mellor sería que seguise para adiante.
O grupo e as clases funcionan por separado?
Dentro da asociación temos as clases e o grupo que son elementos separados. As nosas clases comezan dende o nivel cero, xente que nunca tocou nin bailou, hasta xente que xa ten un nivel intermedio ou avanzado e que leva anos bailando ou tocando.
O grupo, aínda que está separado das clases vai bebendo desas escolas porque moita xente que leva anos aprendendo quere entrar a formar parte do grupo. Tamén hai xente que lle interesa bailar nun grupo e hai outra que só quere bailar para pasalo ben e despois poder ir por aí de foliada. Pero digamos que a xente do grupo a día de hoxe son o oitenta ou noventa por cento de persoas que comezaron na escola da asociación.
Son un grupo aberto ou é necesario pasar pola escola primeiro?
Si, é dicir, nós sempre estamos abertos a calquera persoa que aporte pero si que é verdade que a maioría da xente vén das escolas. Pero tamén hai outra que non, que por circunstancias xa formaba parte dalgún grupo e agora vive aquí e apetécelle estar con nós. Nese aspecto estamos totalmente abertos.
Cree que hai un rexurdir da posta en valor da nosa cultura?
Eu creo que hoxe por hoxe estamos nun momento bastante forte e que hai que aproveitar, non só na nosa asociación se non en Lugo cidade e tamén noutros sitios. As asociacións que estamos actualmente cubrimos todas prazas que podemos ofertar.
E eu creo que si, que se nota cando ti vas a un concerto de música tradicional ou de música folk e ves que a xente ten ganas e que lle ferven os pes por saír a bailar ou que lle gusta coller a pandeireta e comezar a tocar. Entón eu penso que agora mesmo si que hai demanda e moitas veces non hai mais oferta porque nas asociacións non damos máis, nin en tempo nin en espazo.
Que proxectos teñen de cara ao futuro?
Cara o ano que vén estamos traballando nos nosos obradoiros que xa nos comen moito tempo e damos clases desde setembro ata xuño. Este ano temos a idea de recuperar un festival de música e baile tradicional que facíamos desde a asociación que se chamaba Zumba no coiro que tras a pandemia estivo parado uns anos e queremos retomalo de cara ao verán. E despois todas as actuacións que poidan xurdir alí estaremos dispostos a montar festa.
Hai algún momento que recorden con especial agarimo destes anos?
Eu levo desde que comezamos alá no 95, somos tres membros que quedamos aínda dos que formamos a asociación e claro en 28 anos iso da para moito, moitas subidas e moitas baixadas. Loxicamente en 28 anos a vida persoal de todos os membros vai cambiando pero o bo é que hai relevo, que sempre se foi sumando xente. Cada vez que vén xente nova é como un pulo de enerxía a toda a asociación e se estaba un pouco menos motivada volve outra vez a coller forza.
Houbo unha época hai 10 anos que todo estaba moi parado no que é toda a cultura tradicional, a cultura de baile pero si que é verdade que dous anos para aquí estamos vendo esas ganas da xente e é unha cousa moi boa porque todos os dos grupos e de outras asociacións que nos dedicamos a isto saímos beneficiados e estamos encantados.
Cal cre que puideron ser algúns dos motivos que impulsaron a volta ou rexurdir da cultura tradicional?
Non sei, penso que é simplemente cíclico, si que é verdade que cada vez hai máis festivais nos que se deu un pouco máis de cabida aos grupos tradicionais onde antes non eran tan habituais. Iso fixo que a xente fora coñecendo o que era a música tradicional, a música folk e que non é só para estar sentado senón que invita a bailar e a participar.
Aquí, no que é Lugo cidade e provincia, volveu algo que sobre todo no sur de Galicia estaba tendo moita forza que son os seráns ou as foliadas. Volveron ter máis demanda, máis afluencia de xente que ía ás foliadas e quería participar, entón claro si queres participar tes que empezar por aprender, e eu penso que aí e pouco a pouco vai crecendo a cousa.
Algunha reivindicación ou desexo de cara ó futuro?
O que loitamos agora é que aínda que si que é verdade que hai un par de anos as institucións cada vez están ofertando máis actuacións de música e baile tradicional, estamos loitando porque esas actuacións dignifiquen o que estamos facendo e nos dean as condicións axeitadas para poder realizar as nosas actuacións. Para facelas dun xeito que non simplemente sexan uns gaiteiros que van por aí tocando se non darlle importancia, porque unha vez que ti fas algo ben á xente gústalle, entón darlle a mesma importancia que a outro tipo de actuacións ou eventos festivos.