Enxalzan o labor da Asociación de Viúvas de Galicia, que fixeron o seu congreso en Lugo

LugoXa
Fabiola García tamén felicitou á asociación provincial de Lugo, que cumpre 50 anos sendo un referente na loita polos dereitos das mulleres
congreso-de-viuvas-lugo-pp
25 May 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, enxalzou en Lugo o papel que desenvolve a Asociación de Viúvas de Galicia á hora de dar visibilidade ao papel das mulleres na sociedade e ao seu esforzo, moitas veces sen recoñecemento ao longo da historia. Así o sinalou no 48º Congreso desta entidade e que reuniu a integrantes de toda a comunidade.

Durante o acto, a conselleira sinalou que esta entidade é un referente no asociacionismo feminino e no envellecemento activo “porque xuntas aprendestes a reconstruírvos, a acompañarvos e a volver desfrutar da vida”. O seu labor – sinalou- é un referente para o resto de mulleres que pasan por esa mesma situación, ofrecendo acompañamento e asesoramento para superar os momentos máis complicados. A este evento tamén asistiron o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Elena Candia.

Fabiola García tamén aproveitou esta ocasión para felicitar á Asociación de Viúvas de Lugo, que cumpre 50 anos de historia sendo un referente na loita polo recoñecemento dos dereitos e o traballo das mulleres. Unha entidade provincial que naceu da man de Aurora Carro que foi – dixo a conselleira- unha muller que “rompeu moldes e contribuíu a rachar co tabú da viuvez, falando con liberdade e reclamando igualdade de oportunidades e avances”.

Durante este congreso, a conselleira trasladoulles o compromiso do Executivo galego para seguir ofrecendo o apoio necesario para seguir reivindicando o papel destas mulleres e dándolles oportunidades para desfrutar desta etapa da vida. Neste senso, lembrou que a Xunta de Galicia conta con numerosos programas para fomentar o envellecemento activo como: Benestar en Balnearios, Xuntos polo Nadal, as aulas Sénior ou o Carné +65.

Ademais, avanzou novas medidas da Estratexia de soidade non desexada que ofrecerá actividades interxeracionais, acompañamento dixital, novos programas culturais ou os cafés grupais. Así, sinalou que se van seguir impulsando iniciativas que permitan continuar o camiño que abriron – lembrou- as mulleres destas entidades homenaxeadas.

⚙ Configurar cookies
0.16932201385498