Erguer entregará máis de 2.500 sinaturas en Lugo para reclamar unha Escola de Enfermaría propia

A organización estudantil Erguer anunciou que este mércores 15 ás 11.45 horas fará entrega de máis de 2.500 sinaturas recollidas nos últimos meses para reclamar que a Escola de Enfermaría de Lugo se constitúa como centro propio.
A entrega terá lugar no edificio multiusos da Xunta, nun acto previo á mobilización convocada pola organización con motivo da folga contra a privatización do ensino. Posteriormente, ás 12.00 horas, desenvolverase a concentración na Ronda da Muralla.
Segundo explicou o responsable de zona de Erguer, Saúl Cid, as decisións da Xunta buscan “ocultar, baixo a integración da Escola de Lugo na Facultade de Santiago, un novo intento de privatización do ensino”, ao tempo que sinalou que a reestruturación proposta só permitiría a existencia dunha única facultade de Enfermaría na USC, o que, ao seu xuízo, suporía a desaparición da de Lugo.
Desde Erguer denuncian que esta situación implicaría unha redución de prazas na universidade pública, menos oportunidades para o interior e unha diminución de profesionais nun contexto no que, aseguran, existe demanda suficiente, atribuíndo o problema a unha decisión política.
Saúl Cid engadiu que esta medida coincide coa aprobación dunha nova carreira privada de Enfermaría na universidade de ABANCA na Coruña, o que consideran un agravamento da situación do ensino público. Por iso, a organización fai un chamamento á mobilización como única resposta fronte a este escenario.