Escalada, monólogos, viaxes á neve e concertos durante este Nadal para os máis novos de Lugo
Escalada, masterclass de nutrición, monólogos e viaxes á neve, son algunhas das propostas que a área de Xuventude do Concello achega á mocidade lucense para dinamizar este Nadal.
O concelleiro Mauricio Repetto, presentou a programación que, durante as seguintes semanas encherá de actividade a cidade e de diversión as vacacións dos máis novos/as.
“Tanto nesta xornada como na do seguinte sábado, 18 de decembro, convidamos á rapazada a desfrutar con senllas camiñadas por Taramundi (Asturias), na Ruta da Auga e polos Ancares, en Belén de Cumio coa subida ao Pico 3 Bispos. Pero tamén temos previsto ofrecer o vindeiro martes, 14, unha Masterclass de nutrición para achegarlles recetas saudables para estas festas”, explicou o edil quen, así mesmo, anunciou unha próxima viaxe a Cabeza de Manzaneda, nun roteiro con raquetas de neve, “cando o tempo así o permita”.
As principais novidades deste ano son a sesión de escalada no Rocódromo, prevista para o xoves 23, así como un espectáculo de monólogos que, baixo o nome Lugo coa Comedia chegará aos Códex Cinema o venres 17, ás 21:00 horas, da man de Oswaldo Digon, Lois Pérez e Malala Ricoy. As entradas poderán retirarse a través da páxina web https://www.reservaentradas.com
“Nestas datas tan sinaladas queremos que os mozos e mozas lucenses aproveiten o seu tempo de lecer con propostas alternativas que promovan a práctica do deporte e o coidado da saúde, que combinen un aspecto lúdico e didáctico e que propicien a socialización en espazos seguros, por iso, ofreceremos igualmente dous grandes concertos, un o día 22 cos Dj’s Xavibo e Marc Seguí, no Parking do Seminario, de 18:00 a 20:00 horas, (venda de pases en https://entradaslugo.es/) e o Ciclo Colusión que se celebrará o sábado 8 de xaneiro na Casa da Música, entre as 19:30 e as 22:30 horas, coas actuacións de CRNDS, Inma Veiga, Grima e Raquel Álvarez. Un evento co que poremos colofón á programación deste Nadal 2021 á que convidamos a asistir e participar a toda a cidadanía”, concluíu o responsable de Xuventude.
As persoas interesadas en apuntarse poden inscribirse na Casa da Xuventude en http://formulario.xuventudelugo.gal/ ou a través do teléfono 982.29.74.44.