Escola Shantidi inaugura en Lugo unha mostra fotográfica sobre o seu labor na India

A ONG Escola Shantidi abre ao público na Sala 4 do Centro de Artesanía e Deseño unha exposición fotográfica que repasa a súa actividade en India desde a fundación en 2016. A inauguración terá lugar esta tarde de venres 12 de setembro ás 20.00 horas coa presenza da presidenta da ONG, Teresa Vila, e de voluntarias e colaboradoras.
A mostra, composta por imaxes tomadas por voluntarias e colaboradoras, principalmente de Lugo, pretende difundir a experiencia, o coñecemento e as aprendizaxes adquiridas nos proxectos de cooperación, centrados na hixiene, a nutrición e a escolarización.
Ademais, a exposición visibiliza as actividades culturais e de sensibilización social que a ONG desenvolve en centros educativos de Lugo e doutros puntos da provincia, como Monterroso e Friol, chegando a preto de mil nenas e nenos.
Durante o acto, ademais de visitar a mostra, daranse a coñecer os detalles dunha viaxe á India que a entidade prepara para o próximo ano.