A Escola Shantidi organiza unha festa solidaria en Lugo para recadar fondos para proxectos na India

LugoXa
Os asistentes poderán desfrutar dun cátering, música, mercado solidario, sorteos e exposicións para dar a coñecer os proxectos humanitarios que impulsa a organización
Escola-Shantidi
26 Mar 2025

A oenegué lucense Escola Shantidi celebrará este venres, 28 de marzo, unha festa solidaria no Círculo das Artes co obxectivo de reunir fondos para os proxectos de cooperación que desenvolve na India.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a presidenta da entidade, Teresa Vila, presentaron os detalles do evento, que levan promovendo dende hai varios anos.

A celebración comezará ás 21:.00 horas e, como en edicións anteriores, contará cunha ambientación inspirada na India. Os asistentes poderán desfrutar dun cátering, música en directo, mercadillo solidario e sorteos. Ademais, haberá exposicións para dar a coñecer os proxectos humanitarios que impulsa a organización.

A programación continuará o sábado 29 na Delegación Territorial da Xunta cun concerto especial do músico indio Imran Khan, recoñecido intérprete de sitar e compositor. Actuará acompañado de Ciro Montanari, músico experto na táboa india. O recital terá lugar no Salón de Actos ás 21:00 horas e contará con entrada gratuíta.

Imran Khan pertence a unha prestixiosa familia de músicos da India e desenvolve a súa carreira tanto no seu país como a nivel internacional. Despois da súa actuación en Lugo, regresará á India para participar nun concerto multitudinario antes de iniciar unha xira por varias cidades europeas.

⚙ Configurar cookies
0.74863386154175